Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 17 de Febreiro de 2017 Mansilla Blanco

O “Watergate” de Trump

O presidente estadounidense Donald Trump. Fonte: Axencia Xinhua

A súbita dimisión de Michael Flynn como asesor de seguridade nacional do presidente Donald Trump, tras recoñecer os seus contactos co Kremlin, non só se converte na primeira crise do novo goberno republicano senón que imprime máis confusión e incógnitas sobre cal é a dimensión exacta da influencia rusa na Casa Branca.

Con escasas tres semanas no cargo presidencial, a Donald Trump saíulle o seu inesperado e particular “Watergate”. A fulminante dimisión do xeneral Michael T. Flynn esta semana como asesor de seguridade nacional de Trump tras revelarse as súas conversacións directas con Rusia, deixa en dúbida precisamente o nivel de consistencia dun goberno que parece dar síntomas de inmadurez e de improvisación, toda vez este escándalo mide o seu impacto na aparente permeabilidade dos responsables da seguridade nacional estadounidense.

Todo iso deixa no tapete unha das maiores incógnitas que se cernen sobre Trump e a súa administración, precisamente no que concerne ás relacións de Washington cun dos seus máis incómodos interlocutores: a Rusia de Vladimir Putin.

O certo é que Flynn, considerado un islamafóbo admirador de Putin e defensor da cooperación con Moscova en materia antiterrorista, pasará á historia como o asesor de seguridade nacional na Casa Branca que menos durou no seu cargo. Un récord difícil de bater.


Dende Rusia, con amor?

Como sucedeu co escándalo Watergate en 1973 durante a presidencia de Richard Nixon, o calvario de Flynn empezou con revelacións na prensa. E aquí volveu ser emblemático o mítico diario The Washington Post, catalizador entón da caída de Nixon. Pero nesta ocasión fíxoo conxuntamente co The New York Times, ambos os medios de maior influencia política en EUA.

Os dous diarios informaron a semana pasada que os servizos de seguridade estadounidense descubriran a Flynn en decembro pasado en contactos co embaixador ruso en Washington, Sergei Kislyak. Segundo estes medios, Flynn tranquilizaría a Kislyak no relativo a acabar coas sancións existentes co goberno de Putin, vixentes desde 2014 durante a presidencia de Barack Obama.

Estas revelacións tamén sinalaron que o Departamento de Xustiza avisou ao goberno de Trump de que Flynn non dixera totalmente a verdade da súa conversación co embaixador Kislyak, incluso suxerindo un presunto “chantaxe” por parte do Kremlin. O silencio de Trump ante esta crise tamén esperta todo tipo de sospeitas.

Coa dimisión de Flynn e as revelacións da prensa e dos servizos de seguridade, as preguntas entran agora en escena. Recreando un símil coa mítica pregunta de “canto e cando?” formulada polo fiscal John Sirica durante as investigacións do Watergate, as interrogantes que se cernen agora sobre o “dossier Flynn” apuntan directamente ao Kremlin: que tipo e cal é o nivel dos contactos que existen entre o goberno de Trump e o de Putin? De ser isto certo, canto sabe Trump de todo isto? Como e en qué medida os membros do “equipo Trump” teñen liña directa ou indirecta co Kremlin? Cal é o tipo e o nivel de influencia desas relacións? Por que este inédito e inesperado contacto con Putin? Que intereses hai en xogo?

As contraditorias reaccións tralo caso Flynn dentro do goberno de Trump acrecentan todas estas sospeitas e interrogantes. Neles destacan os tímidos apoios cara Flynn por parte do vicepresidente Mike Pence, os cales contrastan coa resignada actitude de Trump ao aceptar a súa dimisión.

O asunto é aínda máis delicado nun momento en que o Congreso estadounidense está abrindo investigacións sobre a presunta implicación rusa nas eleccións presidenciais estadounidenses, así como de hackers informáticos dentro das bases de datos do Partido Demócrata. Unhas investigacións nas que agora Flynn será o centro de atención como testemuña crave.

Cuestión de credibilidade

De ser certa esta implicación, Putin gañaría un pulso estratéxico, nin máis nin menos que no corazón mesmo da Casa Branca. O misterio e as interrogantes en torno a esta inesperada e ás veces confusa implicación colocan a Putin como probablemente o líder ruso con maior nivel de influencia e inherencia na casa mesma do “inimigo” estadounidense. Un feito histórico que, con anterioridade, non puido ter ningún inquilino do Kremlin.

No entanto, o caso Flynn pode igualmente pasar factura a Putin. As advertencias dos servizos de seguridade e a forte presión mediática poden provocar que Trump manexe con maior prudencia nas súas relacións con Moscova. Mesmo tratamento pode adxudicarse ao secretario de Estado, Rex Tillerson, en particular polos seus coñecidos contactos con Putin e o presidente da estatal petroleira Rosneft, Igor Sechin.

A fin de non ver danada a súa ata agora cuestionada credibilidade, Trump podería verse persuadido a moderar ou ata diminuír o nivel de expectación sobre cal é a súa verdadeira relación con Putin e que intereses hai en xogo. Trala dimisión de Flynn, o Kremlin apresurouse a declarar que era un “asunto interno” estadounidense.

Neste sentido, cobra importancia a conversa telefónica entre Trump e o presidente chinés Xi Jinping a semana pasada, obviamente observada como un intento por aliviar as tensións entre Washington e Beijing fomentadas polos contactos de Trump con Taiwán, as medidas proteccionistas e os ataques contra a emerxente China. Durante a conversación telefónica revelouse que Trump pareceu aceptar a tese de Beijing da existencia “dunha soa China”, obviamente dirixida a illar diplomaticamente a Taipei.

Pero o dossier ruso ten canles máis delicadas. Os servizos de intelixencia estadounidenses catalogaron como “altamente inapropiada” a aparente suxestión de Flynn ao embaixador Kislyak de cambiar a irritable política de Obama cara a Rusia.

Con iso, Flynn incorreu nunha conduta penalizada pola chamada Lei Logan de 1799, a cal impide aos cidadáns entrar privadamente en actividades diplomáticas con países que teñan disputas con EUA, e que as mesmas debiliten a posición do goberno.

Todo iso no caso de comprobarse como certas as revelacións dos servizos de seguridade estadounidense, as cales foron reproducidas nos medios, sobre a presunta influencia dos hackers do Kremlin nas eleccións presidenciais e da aparente “liña directa” que Putin mantén co equipo de Trump. Aínda que algunha evidencia parece existir dentro deste thriller de misterio e confusión. Flynn é a primeira vítima política que pode dar fe diso.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais