Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 1 de Agosto de 2012 Ríos

O síndrome de Europa

Co agravamento da crise e o incendiario das medidas de resposta suxeridas, como naquel filme de James Bridges, Europa corre o serio risco de deixar o seu núcleo ao descuberto coa conseguinte eclosión dun proceso que conduce ao directo dinamitado do ideario que lle deu vida e sustento. Unha Europa esta que deixa espido e sen ambaxes o enorme poder do capital financeiro e das grandes multinacionais fronte aos intereses das maiorías sociais estendendo un magma de desafección que priva de sentido e futuro o esforzo aglutinador das últimas décadas, aínda sempre da man dos proveitos dos cada vez mais todopoderosos mercados.

A convicción de que na práctica totalidade dos países as grandes correntes político-partidarias tradicionais, mais aló do papel político atribuído polo momento en función da consideración de estaren no goberno ou na oposición, comparten no esencial o novo rumbo, deixa entrever as súas estreitas complicidades cuns consellos de administración onde van e veñen para seguir os seus ditados na cousa pública. A ausencia de interese nesas forzas xeralmente maioritarias na vertebración dunha alternativa que someta democraticamente ás minorías detentadoras disfrazadas baixo o eufemismo dos mercados resta posibilidades claras á postulación doutra Europa posible, deixando totalmente orfo un proxecto europeo xenuíno. Nestas circunstancias, a desafección non só é comprensible senón ata necesaria.

Certa ou non, a idea da unidade europea estivo sempre indisociablemente ligada á procura da paz, o benestar e o compromiso cos valores democráticos e os dereitos humanos, mandamentos morais erixidos como piares insubstituíbles e irrenunciables. A Europa do século XXI, con líderes diminuídos á fronte das principais institucións e a mercé dos poderes reais aos que se someten sen rosmar o mais mínimo (ata aplaudindo a rabiar como no Parlamento español), revoluciona as súas bases primixenias.

Europa deixou de ser unha cuestión de cartografía política para pasar a selo exclusivamente financeira, totalmente desdebuxada. A día de hoxe, nin sequera Bruxelas é Bruxelas, á espreita de canto se diga en Berlín. O organigrama institucional vai camiño de converterse nunha ficción esencialmente lexitimadora das aspiracións promovidas polos poderes financeiros e polas urxencias derivadas da presión constante a que se somete a Estados profundamente debilitados tras promover procesos de privatización que semellan non ter fin. Mesmo a filosofía e a retórica habitual que está no cerne do proxecto europeo foi abeirada. Os conceptos de solidariedade e cohesión deixan paso á defensa cega da competitividade e o equilibrio orzamentario, valores sacrosantos, novos dogmas de fe que agochan unha instrumentalización sen matices do poder da UE para satisfacer as demandas dos sectores máis ultraliberais.

No mundo, Europa, como tal, leva tempo desaparecida. Na era posoccidental que se anuncia, ata neste eido, as posicións defendidas polos aliados, por exemplo, no norte de África deixa poderosas e alargadas sombras sobre un proceder moi afastado do compromiso con valores como a defensa da paz, da democracia ou da resolución pacífica dos conflitos, pasando a aliñarse en boa medida cos partidarios atlánticos de impoñer a democracia a tiro de mísil.

Tralo derrubo do muro de Berlín e a fin da Europa dos bloques, semella que chegou tamén ao seu eclipse a necesidade de ofrecer na beira occidental un sistema de benestar que fora competitivo ideoloxicamente co existente ao outro lado do valado. Aquela competencia co socialismo ir-real obrigada ao capitalismo europeo a ofrecer medidas compensatorias que ilustraran a impronta social acadada no Oeste co engadido do gozo dunhas liberdades públicas que non precisaba sacrificar en aras da atención, que non primacía, do social. Nos últimos vinte anos asistimos a unha deconstrución progresiva e sistemática dos dereitos adquiridos neste campo.

A perversión do sistema democrático é rampante. Malamente pode Europa proclamar a democracia como o seu valor identitario mais sólido e compartido cando asistimos nos últimos anos non só ao agravamento dos seus déficits tradicionais senón ata a sibilinas manobras de costas á sociedade que promoven novas formas de sufraxio censitario e converten os mercados en colexios electorais cun poder decisivo por riba da expresión do parecer cívico. Mentres na Europa do alargamento proliferan os tics autoritarios e a desconfianza social respecto ao proceso de construción continental, no occidente as varias velocidades confórmanse como unha realidade efectiva que evidencia unha fragmentación mal disimulada.

Europa está gañada polo lado escuro. Non é o futuro do euro nin a saída da crise o que está en xogo, senón a idea mesma da procedencia e posibilidade dunha Europa unida, capaz de articularse como suxeito histórico dun modelo singular, con capacidade propia e unha visión do mundo asociada aos valores humanistas. Esa construción conceptual vive as súas horas mais tristes, intelectual e existencialmente. Hai un novo vocabulario que serve a un proxecto diferente e divorciado das sensibilidades que axudaron a configurar todo un sistema que viña afirmándose, coas súas limitacións e contradicións, como paradigma alternativo fronte a outros modelos.

Non é unha esaxeración pensar que o diálogo interno sobre a europeidade vive as súas horas mais baixas. A fragmentación de Europa é unha realidade incontestable, por mais que intente afirmarse o contrario dende unhas instancias que veñen facendo da linguaxe críptica e do cinismo un novo sinal de identidade.

A fenda aberta contra a xustiza social e o descarnado do sobrepoder deses actores que ao abeiro dun proceso de mundialización sen límites nin condicionantes dunha elemental relevancia poñen sobre a mesa con absoluta virulencia a reivindicación da análise marxista do proceso económico e político: as clases sociais, pretendidamente diluídas, reapareceron con toda crueza. Non estamos ante un problema de recortes materiais, é ante o abismo que se está a operar ao marxinar da prosperidade ás maiorías sociais.

Así pois, a polaridade volve a Europa sobre novas bases, agudizando as contradicións e espertando un neomercantilismo capaz de transacionar cos ideais que lle deron vida reducíndonos ao nivel do limiar mais abaixado posible. O autoritarismo que se desprende dos novos mecanismos de control outorgados ao BCE para incidir e monitorizar as políticas económicas dos estados membros, sen ningún tipo de control democrático efectivo, deixa aquelas liberdades das que presumiamos baixo mínimos, privándonos mesmo da posibilidade de expresarnos nunha elemental consulta referendaria, esixible pola gravidade e alcance das decisións adoptadas. A lexitimidade desta nova Europa nace trucada.

Sabiamos que Europa non era unha inercia senón unha vocación a revalidar. A historia recente demostrounos a forza destrutora das súas tensións internas. Pero esta ruína que nos ameaza é de natureza diferente, produto dun hibrido de loucura financeira e política, os dous baluartes dunha nova aristocracia que co seu afán especulativo e desintegrador reduce a po toda a substancia que rubricara boa parte deses fundamentos particulares que explicitaran certa xenialidade continental, mesmo a pesar de ser sempre contestada polos sectores mais esixentes.

Co só argumento da defensa do euro custar o que custar, o actual horizonte europeo renuncia a calquera aposta idealizadora, suxerindo políticas e afáns claramente portadores do xerme da amnesia. Esquecéndose de si mesma, dando por feito o esgotamento e a inviabilidade do modelo promovido durante décadas, pasamos o relevo á barbarie, non en termos de episodios bélicos como vivimos ata non hai moito, senón a modo de destrución da esperanza dunha mínima e elemental relevancia.

Tanta miopía interesada, argumentada na complexidade dos tempos que vivimos, arromba o papel da política e da iniciativa para convertelas nunha mera impertinencia propia de irresponsables. É suficiente a burocracia mais servil que non servidora para soster unha visión europea carente de ambición e ausente dese elemental europeísmo capaz de entusiasmar.

Que Bruxelas segue un camiño equivocado é mais que unha intuición. A ausencia de perspectiva histórica e a submisión dos diversos liderados ás esixencias duns poderes económicos erixidos como factores dominantes e sen restricións prognostican o afundimento de Europa, aló menos de canto podía haber na súa idea primixenia de vontade integradora dos diversos afluentes e substratos da civilización e sociedade continental.

Asistimos a un intento de xenocidio en toda regra do ideal europeo que vai camiño de liquidar calquera posibilidade de concordia e pon en cuestión conceptos tan manidos nos últimos lustros como a boa gobernanza e outras lindeza de libros a cores, paradoxalmente erixidos nas táboas da lei fronte a todas as excentricidades que proliferan no panorama político global.Non hai nada que ameace mais a Europa que esta renuncia a si mesma en toda regra, cedendo ás esixencias e presións duns poderes que en modo algún derivan o seu comportamento de procederes democráticos.

É a morte da creatividade e da singularidade, a conversión de Europa nun magma uniforme cun modelo político-económico ao servizo do gran capital financeiro, prescindindo daqueles detalles que a situaban o seu mapa. Pasamos do humanismo á inhumanidade co argumento da saída dunha crise provocada polos mesmos que nos urxen agora sacrificios salvadores. Todo o demais é cosmética pura, liturxia amarela que emenda a Europa xurdida na posguerra e anuncia a caída en picado dos alicerces que lle deron fundamento.

A transmutación en curso lévanos a unha Europa difícil de predicir, liquidadora da tolerancia social e do benestar pero entusiasta desa persecución que asenta a definitiva hexemonía dos mais poderosos nunha construción que liquida as súas vellas conviccións e audacias de outrora.

A dignidade de Europa por un euro a medida. Sen muros a primeira vista, volvemos a unha nova e mais sofisticada tiranía baseada nun erguer de supostos diques que nos deben protexer da bancarrota económica. ¿Será xa demasiado tarde para impoñer outro rumbo?
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais