Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 2 de Novembro de 2017 Ríos

O rumbo de Xapón

n-abe.jpg

Nos recentes comicios celebrados en Xapón, a coalición formada polo Partido Liberal Demócrata (PLD, dereita) de Shinzo Abe e o partido Komeito (centrodereita), obtivo unha vitoria incontestable, superando a maioría de dous terzos. Co Partido da Esperanza, encabezado pola gobernadora de Tokio, Yuriko Koike, e co Partido da Innovación de Xapón, entre os catro suman máis do 70 por centro dos 465 deputados que conforman a Cámara Baixa, contando coa maioría suficiente de dous terzos para modificar a Constitución pacifista da posguerra, imposta en 1947 por Estados Unidos trala rendición nipoa ao final da Segunda Guerra Mundial. O seu artigo 9 establece a renuncia “para sempre” á guerra. A súa modificación para acadar a “normalidade” ten sido unha longa ambición do primeiro ministro Abe, agora máis doada ao contar cunha maioría folgada nas dúas Cámaras do Parlamento. 

Dende que fora redactada polas forzas de ocupación estadounidenses, a Carta Magna non experimentou emenda algunha en sete décadas. Non obstante, Shinzo Abe, que invoca en terceiros as pantasmas do militarismo e nacionalismo nipón, leva anos alentando a súa modificación co argumento principal de reaccionar ante os episodios de tensión que se viven na rexión por mor das continuas probas de mísiles realizadas por Corea do Norte.

Cabe recordar que os mísiles norcoreanos sobrevoan o arquipélago xaponés espertando a natural inquietude. Esta circunstancia leva a algúns segmentos da sociedade nipoa a estrañar a disposición dun exército non só capaz de defender, que xa o teñen, dos mellores do mundo, senón apto para atacar fóra do seu territorio de chegar o caso. Abe, que en campaña recordou os secuestros de xaponeses por parte de Corea do Norte nos anos 70 e 80 do pasado século, mostrouse disposto a exercer unha diplomacia contundente en relación ao programa nuclear norcoreano que tanto axita a rexión e o mundo.

O xiro nipón, non obstante, provoca moitos receos en Asia. As invasións militares da primeira metade do século XX son obxecto de lembranza constante e resentida nos países da zona. Moi especialmente en Corea do Sur e tamén na China, países cos que existe un florecente comercio pero cunhas feridas da guerra que aínda non cicatrizaron e que amagan con estragar o entendemento.

Shinzo Abe é primeiro ministro desde finais de 2012, despois dun primeiro mandato fallado en 2006-2007 e podería se manter ata 2021. Sería entón o primeiro ministro do seu país con maior tempo no exercicio do cargo. A principio deste ano, aventurou como data ideal para estrear a nova Constitución a celebración dos Xogos Olímpicos de Tokio de 2020.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais