Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 4 de Abril de 2014 VV.AA.

O rol a xogar polo TTIP na crise actual

Unha reflexión de Juan Alberto Turnes Abelenda
O TTIP previsto entre EEUU e Europa busca reforzar ao eixe atlantista ante a crise global

Son varios os autores, dende tódalas ideoloxías, que argumentaban e argumentan que a crise financeira que tivo lugar no 2007 era necesaria, xa que marcaba o final dunha etapa de gran desmedre especulativo e financeiro e traería consigo a volta a unha economía moito máis produtiva e real. Incluso algún autor, coma é o caso de Pérez (2010), denomina esta etapa de crise histórica capitalista como “turning point”, é dicir unha fase na cal as innovacións tecnolóxicas que estiveron madurando durante a etapa anterior ao estoupido financeiro configuran a partires do crack a nova realidade económica traendo consigo unha gran onda de crecemento e benestar. Pero todo indica que, de momento, nada disto está a acontecer. Máis ben, todo o contrario: as finanzas seguen exercendo un enorme poder, as grandes transnacionais continúan aumentando os seus beneficios, e o modelo de globalización financeira avanza a gran velocidade.

Dúas das características que están a definir o capitalismo no momento actual poderían ser: a expansión e intensificación da globalización financeira que se está a dar a través dos numerosos tratados de libre comercio ao redor do mundo; e o auxe de novos polos económicos que, aínda que na actualidade están a frear o seu crecemento, cambiaron e seguen a cambiar moi rapidamente a xeopolítica mundial.

Un dos exemplos máis claros que pon de manifesto estas dúas características é o tratado de libre comercio que se está negociando entre os EEUU e a Unión Europea (UE), o chamado TTIP (Transatlantic Trade and Invesment Parnertship). Dito tratado quere ser vendido como a principal medida política-económica que xerará unha gran onda de expansión,derivando nun importante crecemento do PIB e arrastrando consigo a creación de millóns de postos de traballo. Desta forma, preténdese que este tratado sirva para deixar atrás a situación de estancamento económico (baixos rateos de crecemento, difícil e escasa creación de emprego, perda considerable do benestar social ou mesmo como sinala Brinjolfsson e outros (2013) a falta de innovacións disruptivas) na que se atopa dita area, ao mesmo tempo que tamén se pretende recentralizar a hexemonía mundial no eixo atlántico, impedindo que outras areas se convertan no centro da economía global.

No eido macroeconómico os estudos realizados ata agora conclúen que o impacto que terá lugar non é tan importante como o agardado, máis ben, os beneficios son bastante incertos. En primeiro lugar, se temos en conta as tarifas arancelarias existentes, obsérvase que os EEUU aplica unhas barreiras con respecto ás importacións da UE dunha media do 2,2%, mentres que as da UE son do 3,3% (Táboa 1). Si se desglosan estas cifras son unicamente dous sectores, o automobilístico e o agrario, os que manteñen unhas maiores taxas arancelarias, en concreto no caso europeo, alcanzando un 8% e 14,6% respectivamente (isto pode ser debido ao impacto directo na creación de emprego que ten o sector automobilístico e pola importancia que ten, no caso do sector agrario, no mantemento dunha determinada estrutura rural e social).

Desta forma xa debemos de considerar que os aranceis existentes son baixos, polo que o marxe de manobra é escaso. Así pois, o Centre for Economic and Policy Research (CEPR), que tampouco se caracteriza pola súa oposición ao libre mercado, publicou unha investigación na cal se expón que o PIB da UE se incrementaría entre uns 68,000-119,000 millóns de euros e o dos EEUU, entre uns 50,000-95,000 millóns de euros.

Pero como sinala o profesor da Universidade de Manchester, George (2013), estes datos tamén poden ser interpretados da seguinte forma: “o estudo da CE estima que se necesitarían dez anos para que o acordo estivera implantado na súa totalidade” (…) “o escenario máis optimista amosa un crecemento do PIB dun 0,5% no período conxunto de dez anos, mentres que o escenario máis realista, indica un crecemento do 0,1% en dito período” e ademais engade “este crecemento é insignificante e a CE sabeo”. Desta forma todo parece indicar, que o impacto económico en termos de crecemento existirá, aínda que tamén cabe destacar que dito impacto será moi pouco significativo e non traerá consigo esa onda de gran crecemento.

É mais ben no impacto socio-político onde o TTIP trae consigo a súa maior polémica. No fondo do que se trata é da liberalización do sector servizos.

Se nos referimos ao sector agroalimentario, un dos mais sensibles, as principais peticións por parte dos EEUU son, en definitiva, que o gran modelo de negocio da multinacional Monsanto, poida ter vía libre no continente europeo. Na actualidade as políticas europeas impoñen fortes restricións ás importacións dos chamados biotechproducts, ou tamén daqueles produtos coma poden ser os polos desinfectados con cloro, ou carnes hormonizadas. O que se pretende así pois é diminuír aquelas exixencias sanitarias e medioambientais,na procura de fortalecer e expandir o modelo agrario norteamericano.

Outro aspecto importante podería ser tamén as reclamacións por parte da industria farmacéutica de intensificar as políticas de patentes e propiedade intelectual ou as exixencias da industria enerxética por diminuír as trabas medioambientais. Tampouco nos podemos esquecer do sector financeiro que, aínda que ao principio das negociacións quedaría excluído do tratado, ao final incorporouse. Desta forma os obxectivos do sector financeiro son homoxeneizar e, por suposto reducir, as regulacións entre EEUU e a UE co obxectivo de que as finanzas poidan actuar nun mercado cuasiplano e único. Outra das exixencias por parte deste sector seria a creación dunha cláusula de transparencia regulatoria. Isto quere dicir que cando se deseñen políticas de regulación do sector, antes de ser aprobadas, previamente teñen que ser autorizadas pola propio sector.

Por último o aspecto máis polémico do que se está a falar e de que un investidor poida ter os mesmos dereitos ca un Estado. Para iso proponse a creación dun investor-to-state dispute settlement isto é, a aparición dun órgano que asegure os dereitos do investidor. Neste senso o que se pretende coa creación desta cláusula son dous factores.

O primeiro sería que as empresas non sexan consideradas dun país ou doutro, ou que operan nun Estado ou noutro, senón que son globais e operan nun mercado global. Isto quere dicir que cando se presenten a contratos públicos, estes non poden ser discriminadas polo seu orixe xeográfico nin se poderán primar aquelas empresas orixinarias desa rexión, nin exixir ningún tipo de condición que implique o ter un comprimo co benestar e desenvolvemento do lugar onde vaian operar.

O segundo tería máis que ver coa capacidade de intervención dun goberno coa finalidade de incentivar ou desincentivar actividades económicas ou pautas socias. Desta forma se un goberno pretendera gravar con unha maior taxa impositiva aqueles alimentos que incrementen a probabilidade de risco de sufrir unha enfermidade, dita empresa pode reclamar ao goberno que lle embolse os beneficios futuros que perde a compañía debido a diminución do consumo do produto que deriva do aumento do imposto. Ou no caso de que un goberno pretenda desenvolver unha enerxía limpa en detrimento doutra con un maior impacto medioambiental, esta última podería exixir os beneficios perdidos, debidos á medida adoptada.

Este tratado o que persegue no fondo dende o punto de vista económico, é a eliminación de calquera barreira política ou social que supoña un obstáculo para a expansión do libre comercio, é dicir o que se procura é que sempre prevalezan e antepoñan os intereses e necesidades das grandes multinacionais en detrimento dos intereses colectivos a través da subordinación dos Estados a un teórico ente supraestatal. Búscase así un mundo gobernado por unhas regras que derivan exclusivamente da lexitimidade que outorga o libre mercado.

O impacto na UE e a xeoeconomía mundial do TTIP

Non cabe dúbida de que o TTIP xerará numerosos dilemas no seno da Unión Europea. Na actualidade a política económica da UE está, de forma practicamente exclusiva, baseada no paradigma da austeridade. As consecuencias derivadas están a ser de escaso impacto económico positivo, mínimo crecemento e aumento da desigualdade.

Aínda que se rebaixaron as exixencias no obxectivo do déficit, dita política segue sendo moi negativa e pouco eficiente, ademais de pouco proclive para unha estabilidade política, social e económica. Así pois, se estas medidas non son substituídas por outras máis eficaces e por cambios profundos no seo do funcionamento da UE, como sinalan Benassy-Quéré e Vallee (2014) ou Ferreira do Amaral e outros (2014), as consecuencias serán peores (como sería o caso do ascenso de forzas políticas extremas)

Pero ademais a este panorama económico haille que engadir as deficiencias intrínsecas que arrastra dende a súa construción a UE, que estouparon finalmente co inicio da crise e que están ligadas a súa estrutura, deseño, representación política, proxecto de futuro, ás diverxencias entre diferentes grupos de países e a unha gran perda da soberanía (que non se compensa coas institucións da UE) e da capacidade produtiva nos Estados periféricos.

Desta forma moi probablemente,as políticas que traerá consigo o tratado xunto coa visión económica dominante na UE, acentuará ditos problemas e o benestar xerado será bastante limitado. Así pois, excepto para as rexións con un sistema de innovación moi avanzado, o beneficio xerado será practicamente nulo iso si, suporá unha barreira máis que superar para a viabilidade da UE.

Como sinala Galbraith (2013) en resposta a unha pregunta que fai referencia ao impacto do TTIP na UE e EEUU: “Do que se está a falar non é de libre comercio, senón dos dereitos de investimento das multinacionais” (…) “E un servizo clientelar feito por burócratas. A Administración Demócrata ten que dar algo ás grandes compañías. Desta forma chamámolo tratado de libre comercio porque é unha etiqueta fácil de vender. É marketing e clientelismo que non impulsará o crecemento. Manteño un escepticismo extremo”.

Non debemos tampouco esquecer que o panorama político económico que presenta na actualidade a UE deriva do fracaso do proxecto e da incapacidade, co deseño e as estruturas vixentes, de poder darlle solución aos problemas existentes. Polo tanto, o TTIP ven a afianzar dito modelo e a anular calquera tipo de posibilidade de mudar a política económica actual. Se durante as dúas últimas décadas a vía de construción da UE foi adoptando características do modelo estadounidense, abandonando o paradigma da socialdemocracia europea, ata converterse nun subordinado en moitos temas do réxime dos EEUU, co TTIP o proxecto da UE queda por completo deslexitimado, posto que se da un paso de xigante cara a creación dun gran espazo económico dirixido, case de forma unilateral polos Estados Unidos. Ademais, con esta maior integración política económica, tamén se provocará unha maior integración militar, co reforzamento do papel de EEUU na OTAN e co seguimento e alianza aférrema da UE.

Todo indica que a visión de futuro da UE é a que deseñan autores coma Rogers (2011) que sinala que a Unión Europea debe reforzar o seu papel militar a través dunha maior cooperación entre países, aliándose incondicionalmente aos EEUU e creando o que el denomina unha “gran área” de influencia que defenda os seus intereses, asegurando o aprovisionamento de materias primas e enerxía e impedindo o xurdimento de forzas inimigas que a poñan en perigo o mantemento do eixo atlántico como centro económico mundial

Pero, por outra banda, debemos seguir observando moi detidamente a evolución de China e o papel que poida xogar esta na integración económica do continente asiático que, durante os últimos anos, tivo un aumento moi considerable. Así pois, a medida que a economía chinesa siga crecendo e as súas finanzas se sigan liberando, a cooperación e integración cós diferentes países do eixo asiático seguirá crecendo. A área de libre comercio que recentemente se acaba de instalar en Shanghai (e parece que moi probablemente non será a última), pode converter á cidade nas vindeiras décadas na gran City asiática provocando por unha parte o reforzamento dos lazos económicos cós diferentes países do entorno e por outra, derivado do emprego do Reminbi como moeda de cambio internacional, a caída da hexemonía do dólar e os seus privilexios de señoraxe e por conseguinte, o derrubamento do modelo de financiarización centrado en Wall Street da economía estadounidense.

Tamén sería importante destacar a Latinoamérica, onde a estratexia a seguir por Brasil e a súa situación económica no próximo lustro pode marcar a política da rexión. Por último tamén estaría Rusia, a cal levará a cabo toda aquela política necesaria para manter a súa área de influencia.

Así pois, a primeira conclusión que se pode extraer deste posible panorama é que se o capitalismo viñera marcado dende os seu orixes polo dominio e hexemonía de diferentes Estados nos cales xurdía un novo paradigma económica que lle outorgaba unha posición privilexiada a nivel mundial (as Cidades-Estado italianas de Florencia e Venecia, Holanda, Inglaterra e Estados Unidos), é probable que este fenómeno sexa substituído polo auxe e poder de diferentes áreas económicas (dirixidas principalmente polos Estados-nación máis fortes), sen que un Estado en concreto asuma o rol de superpotencia mundial, que intentan protexer as súas zonas de interese estratéxico provocando unha gran inestabilidade política-económica. Ao mesmo tempo que estas áreas teñen que arranxar os grandes problemas económicos que implica a globalización financeira e onde a soberanía dos países e rexións periféricas, tanto da EU coma do resto do mundo, baixe minguando cada vez máis

A segunda conclusión sería, dende o meu punto de vista, de que a hiperglobalización fixo crer, incluso en moitos sectores da esquerda, que entrabamos nunha nova era onde os Estados-nación xa non terían relevancia, o imperialismo sería un anacronismo, onde os nacionalismos non terían espazos, as bandeiras xa non representarían nada, onde os cidadáns xa serían “cidadáns-mundo” e onde estarían gobernados por un ente supranacional. En fin, onde non existiran formacións sociais senón unha soa formación social global. Poida que isto se intentara ou nun futuro moi afastado poida ser viable, pero que é o que se observa na actualidade?

Pois de forma subxectiva, o panorama actual amósanos que a realidade é todo o contrario, de feito, o escenario presente indica que houbo e está a haber un repregue destas posicións. Non son as políticas actuais de Alemaña profundamente nacionalistas ou mellor dito imperialistas no seo da UE? Non están os EEUU reorientando ou redefinindo a súa política de defensa co obxectivo de non seguir perdendo a súa hexemonía mundial, en especial debido á ameaza chinesa? Non está Rusia na actualidade reforzando a súa area de influencia?. Pero ademais o mundo multipolar onde nos atopamos intensificou a relación existente entre centro e periferia e o importante é que non so entre diferentes Estados senón tamén, dentro dos propios Estados.

Así pois, xorden diversos movementos emancipadores ou de defensa das necesidades e dereitos dunha determinada rexión. Isto estase a dar en moitas partes do mundo, dende os EEUU, Alperorovitz (2013) (aínda que non se fale) pasando por suposto pola UE (non fai falta mencionar os casos) e polo resto dos continentes.

Para rematar, se o obxectivo do modelo xurdido a partires da década de 1970, avalado cientificamente pola filosofía hayekiana, era en parte a creación dese marco de hiperglobalización, os seus resultados en certa medida foron os opostos. Así pois a conclusión final que se pode extraer é que o sistema atópase na seguinte contradición: o modelo actual necesita desa hiperglobalización para poder expandir a súa dinámica de acumulación, pero os resultados económicos, sociais e políticos non son os agardados. Polo que a hiperglobalización estase intensificando ao mesmo tempo que se produce un rexeitamento, que se materializa coa intensificación das posicións hexemónicas por parte dos Estados-nación.

 

Bibliografía:

Alperovitz, G. (2013):What Then Must We Do?: Straight Talk about the Next American Revolution.ChelseaGreenPublishing. 1º Ed. 2013.

Benassy-Quéré, A. Vallee, S: “The Eiffel group: A political community to rebuild the architecture of the euro”. VoxEU. Marzo 2014. Dispoñible en: http://www.voxeu.org/article/eiffel-group-political-community-euro

Bizzarri, K. (2013): “A Brave New Transatlantic Partnership. The proposed EU-US Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP/TAFTA), and its socio-economic & environmental consequences”. Seattle to Brussels Network S2B. Outubro.

Brynjolfsson, E. Manyika, J. Mcafee, A: “The disruptive dozen”. Project Syndicate. Setembro 2013. Dispoñible en:http://www.project-syndicate.org/commentary/the-economic-impact-of-disruptive-technologies-by-erik-brynjolfsson-and-andrew-mcafee-and-james-manyika

Ferreira do Amaral. J. Granville, B. Henkel, H. Oppenheimer, P. Rosa, J. Soy, A. Vesperini, J: “Desconstracting de Euro”. Project Syndicate. Marzo 2014, Dispoñible en: https://www.project-syndicate.org/commentary/jo-o-ferreira-do-amaral-et-al-propose-a-strategy-for-saving-the-european-union-from-the-euro

François, J. Manchin, M. Norberg, H. Pindyuk, O. Tomberger, P (2013): “Reducing Transatlantic Barriers to Trade and Investment. An Economic Assessment”. CEPR. Marzo. Dispoñible en: http://trade.ec.europa.eu/doclib/docs/2013/march/tradoc_150737.pdf

Galbraith, J. “El euro va a sobrevivir a costa de los países de la periferia”. El País. 14, Abril2013. Dispoñible en: http://economia.elpais.com/economia/2013/04/12/actualidad/1365782660_167264.html

George, C: “What’s really driving the EU-US trade deal?”. OpenDemocracy. Xullo 2013. Dispoñible en: http://www.opendemocracy.net/ourkingdom/clive-george/whats-really-driving-eu-us-trade-deal

Lionel, F. Julien, G. Sébastien, J. (2013). “Transatlantic Trade: Whither Partnership, Which Economic Consequences?”. Policy Brief, CEPII. Nº 1, Pax. 4. Setembro. Dispoñible en:http://www.cepii.fr/PDF_PUB/pb/2013/pb2013-01.pdf

Pérez, C. (2010): “The financial crisis and the future of the innovation: A view of technical change with the aid of history”. Working Papers in Technology Governance and Economic Dynamics. Nº 28. Febreiro. Dispoñible en: http://www.carlotaperez.org/downloads/pubs/Crisis_and_innova...

Rogers, J. (2011): “A new geography of european power”. Egmont Paper. Nº 42. Xaneiro.  Dispoñible en: http://www.egmontinstitute.be/paperegm/ep42.pdf

Ünal, D. (2014): “La géographie du commerce mondial: 1967-2011”. Panorama Analytique, CEPII. Nº 2014-A-01. Pax 3. Xaneiro.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais