Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 5 de Marzo de 2019 Sáez Ponte

O portugués non é lingua estranxeira

Cal será o camió do portugués en Galicia?

Considerar o portugués como lingua estranxeira é un grave problema de diagnóstico. A causa delo, a vantaxe de que o galego e o portugués compartan tronco lingüístico estase convertendo nun obstáculo real para o achegamento da xuventude ao emprego da lingua irmá, cando tiña que ser o contrario.

O portugués debe ser ensinado desde o galego, aínda que iso pete coa divisoria oficial entre linguas, que neste caso concreto é bastante artificial. No sistema educativo español, hai programas de ensino para linguas propias e para linguas estranxeiras. Calquera deles está estruturado nunha serie de cursos que abranguen un período de formación de varios anos, con profesores e orzamentos específicos. Mais aquí temos unha situación moi nosa: o gris existe. O branco ou o negro non nos serven, porque o portugués é unha lingua que poderíamos denominar semipropia; está nunha categoría inexistente na racionalidade legal dos programas educativos.

As persoas educadas en galego teñen, sen máis, facilidade para comunicarse en portugués, polo que pensan que non deben perder moito tempo estudiándoo. Por iso non se apuntan a facer unha aprendizaxe do portugués como se fora polaco ou chinés. Teñen razón; compre ser prácticos. Se hai que empregar catro ou cinco anos para aprender un novo idioma é mellor destinar ese tempo para acceder a “auténticas” linguas estranxeiras: francés, alemán, ruso… Aínda que calquera delas teña menos falantes que o portugués.

Esa é a razón pola que na Estremadura hai unha porcentaxe de estudantes de portugués varias veces superior ao que temos aquí. Tamén alí os alumnos pensan de xeito racional, pero actúan de maneira diferente porque as súas circunstancias son diferentes. Para eles, o portugués é unha auténtica lingua estranxeira e ademais moi interesante por falarse a carón seu e ter proxección mundial. O seu caso é fácil de diagnosticar e actúan en consecuencia, coa vantaxe de que os seus obxectivos poden ser acadados dentro dos programas normais de ensino.

O noso é un caso especial que se sae das normas, polo que é fácil cometer erros de diagnóstico, que son perigosísimos cando se traballa con obxectivos estratéxicos, porque fan perder oportunidades, tempo e recursos. Teimar en diagnósticos equivocados é asegurar o fracaso, aínda que partamos con vantaxes competitivas que deberían garantir unha traxectoria de éxito para incorporarmos un importante idioma ao currículo dos estudantes e reforzar, ao mesmo tempo, as posibilidades de supervivencia e expansión do idioma galego.

A lei Valentín Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en marzo do 2014, ten unha gran exposición de motivos que explica perfectamente as razóns para achegarnos ao portugués e mesmo afirma “...debemos dotarnos de métodos formativos e comunicativos que nos permitan desenvolvernos con naturalidade nunha lingua que nos é moi próxima e nos concede unha grande proxección internacional”. Bravo polas intencións! Pero na realidade dispositiva esquece iso dos métodos e da naturalidade e, no seu artigo 2, limítase a aplicar o procedemento burocrático para encadrar o ensino do portugués “...no ámbito das competencias en linguas estranxeiras...”. O que converte a lei en dificilmente operativa.

Por moitos esforzos institucionais que fagamos para achegarnos á realidade cultural da lusofonía e para aumentar a oferta do portugués nos centros educativos, non vamos conseguir nada se nos equivocamos no básico, no terreo no que se ten que xogar a partida. Intentamos xogar en campo alleo, o terreo que marca un Estado para cuxos cidadáns, agás os galegos, o portugués é unha lingua estraña. Hai que recoñecer, canto antes, que a Lei citada está fracasando, que non avanzamos suficientemente, que compre coller un camiño eficaz, que aprenda do comportamento racional dos alumnos.

Na Galiza o portugués ten que ensinarse desde o galego. Mentres o consideremos unha lingua estranxeira máis, como se estiveramos na Estremadura, seguiremos fracasando. O groso do alumnado non se apuntará voluntariamente ao programa porque non quere desperdiciar o seu tempo, porque a Galiza real sabe que o portugués é unha lingua irmá. Continuaremos como ata agora, desaproveitando unha oportunidade única de reforzar o noso idioma e a nosa competitividade exterior.

Necesitamos menos discursos, menos política espectáculo, menos protección de intereses corporativos. Necesitamos imaxinación para facer posíbel o ensino do portugués como unha prolongación, obrigatoria para todos, do ensino do galego. Compre ser ambiciosos porque o obxectivo é moi importante: o cen por cen dos alumnos que saian do ensino medio deberían ter un dominio completo do galego e do español e un nivel moi alto en inglés e portugués. Sería fantástico. Teríamos un sólido alicerce para ser un país máis culto e seguro de si, que é o camiño para ser máis eficaces e máis desenvolvidos.

Somos un caso aparte, sómente nós temos acceso a unha lingua semipropia de gran valor a nivel mundial, que é ademais lingua oficial na UE. Fiquemos no noso terreo de xogo, non pretendamos xogar no que está pensado para outros, porque senón os nosos xogadores desmoralízanse e miran para outro lado.

Dentro do moi regulado espazo da Administración, cando se quere conseguir algo diferente hai que botarlle imaxinación e adaptarse. A solución debe ir na liña de reformar os programas de galego para conseguir o desexado acceso ao portugués sen chamarlle ensino de portugués, se iso crea problemas secundarios. Para o último curso obrigatorio de ensino do galego, propoño definir un programa que se denominaría algo así como “diferencias entre o galego e o portugués”, que levaría a unha inmersión dos alumnos na versión meridional e internacional do tronco lingüístico que compartimos.

Tamén sería bo programar outras medidas de acompañamento, como ir adiantando en cursos anteriores algunhas das diferencias principais entre as dúas linguas irmás e fomentar, como formación complementaria nos colexios, conferencias e debates con persoas de fala portuguesa. Compre insistir ademais en que deberíamos contar con acceso a canais da televisión de Portugal e Brasil na oferta básica da televisión dixital.

O noso país está crecendo máis que a media do Estado, en gran medida pola desaparición da fronteira sur en termos económicos. A entrada na UE converteunos en norte efectivo e lévanos devagariño cara unha economía máis industrial (1). Compre reforzar ese proceso como, por exemplo, construíndo un ferrocarril moderno que artelle mellor o eixo atlántico ata Lisboa. Pero é aínda máis necesario, e costa moito menos diñeiro, erguer unha ponte que nos achegue á cultura veciña de orixe común.

O reto é de tal importancia para Galiza que as diversas institucións e asociacións públicas e privadas que promoven o estudo e difusión da lingua galega deberían esquecer diferencias de enfoque e concentrarse en facer presión e axudar no posíbel para que todos os estudantes galegos rematen os seus programas educativos cun coñecemento operativo do portugués desde a súa propia lingua, que é a maneira máis fácil de logralo.

Todos os que aman o país poden asumir con naturalidade este obxectivo. Conseguilo é moi barato e ten moitísimas vantaxes. Só depende de nós, da nosa vontade real de aproveitar para ben de todos as posibilidades que nos abre a nosa cultura.

  1. “Deixémonos levar polo vento do sur”, Tempos Novos, 05-18

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais