Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 5 de Marzo de 2019 Martínez Pellitero

O Portugal da “gerigonça” segue crecendo

portugal.jpg

O Instituto Nacional de Estatística de Portugal ven de confirmar que o país medrou un 2,1% o pasado 2018. Este dato, pese a caída con respecto as previsións lixeiramente superiores -2.3%- representa a continuidade do éxito dunha das primeiras experiencia progresistas exitosas na Unión Europea post-crise. Este escenario da un pequeno respiro ás socialdemocracias do vello continente nun ano (2019) no que, ademais de eleccións en Portugal, tamén haberá comicios europeos e, por suposto, eleccións xerais no Estado Español.

O goberno do Partido Socialista apoiado pola esquerda portuguesa e presidido por António Costa chega neste 2019 ao final do seu mandato iniciado hai catro anos. O executivo, denominado na súa orixe de xeito pexorativo como “O Goberno de Geringonça(1) e tras superar nos últimos días unha moción de censura impulsada polos conservadores do CSD, afronta un ano electoral cheo de análises e balances sobre a súa xestión socioeconómica dos que saen relativamente ben parados, erixíndose como referente do progresismo europeo cunha xestión bastante correcta no financeiro e con significativos avances no social.

Nos últimos anos, no nivel político, Portugal ten experimentado unha situación similar a do Estado Español, en tanto que o bipartidismo dominou completamente o cetro do poder existindo, de feito, un turnismo claro entre os dous grandes partidos do país, o Partido Social-Demócrata (de “centro-dereita”) -en ocasións en coalición có CDS-PP (Partido Democristián de Dereitas)- e por outra parte co Partido Socialista (de “centro-esquerda”) que, como xa comentamos, se atopa actualmente no poder grazas ao apoio parlamentario do Partido Comunista, do Bloco de Esquerdas e dos Verdes.

Se pasamos ao terreo económico, e facendo un rápido repaso ao calvario que viviu o noso veciño na última década, Portugal foi unha das nacións mais afectadas pola última gran crise –a ‘Gran Recesión’-. Tras aguantar o shock de 2008 e sen apenas tempo para a recuperación, foi especialmente crúa a segunda estocada dos anos 2011  y 2012 co estoupido da crise de débeda na periferia europea(2), producindo unha dobre caída que dinamitou calquera posibilidade de remontar a situación, obrigando(3) a executar recortes e políticas de austeridade enormemente duras que tiveron un bestial impacto a nivel social.

Se examinamos o mercado de traballo, o desemprego se duplicou en apenas un lustro, pasando dun 8% (2007) a superar o 16% en 2013, co agravante de que Portugal é un país con cifras de paro estrutural considerablemente mais baixas que as do Estado español, xerando un problema de máxima importancia. Ademais, este aumento da taxa de desemprego viu acompañado dunha significativa caída da poboación activa debida, principalmente, ao saldo migratorio negativo e que se deu de xeito ininterrompido entre 2011 e 2015(4). En outras palabras, milleiros de portugueses e portuguesas tiveron que abandonar o seu país para atopar un traballo no estranxeiro, e nin así a economía conseguía absorber minimamente forza de traballo. Actualmente, o paro se atopa de novo en niveis pre-crise, cun 7% para xaneiro de 2019, a pesar de que o desemprego xuvenil aínda presenta niveis certamente elevados.

A fortísima caída da actividade económica e do emprego dinamitaron a principal fonte de ingresos do Estado, disparando o gasto público e (xunto a ese incremento dos xuros da débeda comentado) incrementaron dun xeito brutal o déficit público, acadando cifras do 10% e do 9% do PIB nos anos 2009 e 2010, o que sentaría as bases para a posterior crise de débeda que sufriu a periferia europea no seu conxunto e Portugal no particular, que aínda hoxe mantén a mesma en niveis superiores ao 120% do PIB(5).

Esta situación conduciu ao famoso rescate de 2011, o cal tivo, coma non podía ser doutro xeito, unhas fortísimas implicacións políticas. En tanto que o goberno presidido –en funcións- por José Sócrates (Partido Socialista) tras tentar resistir e reflotar a economía nacional sen axuda externa tivo que presentar un plan de ‘medidas de austeridade e axuste’ que se adecuase aos criterios europeos, o cal foi rexeitado en bloque polo parlamento portugués e conduciu a unhas durísimas negociacións coa UE e o FMI. Finalmente, e tras as eleccións de xuño de 2011, unha coalición entre os dous grandes partidos conservadores levou a Pedro Passos Coelho (PSD) a afrontar como primeiro ministro catro duros anos de reformas estruturais e recomposición das realidades económicas e sociais do país.

Pero tras fracasar no seu intento de relanzar a economía seguindo o ditado dende Bruxelas e o FMI, chegou un novo xiro á esquerda en2015 que, tras tres anos consecutivos de crecementos superiores ao 2% -unhas cifras que sen ser espectaculares destacan por pouco ou nada usuais no que vai de século XXI no país luso- semella que por fin albiscan unha senda de esperanza, que acompañada de certas políticas sociais coma as que ven practicando o executivo nos últimos exercicios, están a permitir recobrar unha pequena parte dos dereitos e posibilidades perdidos nese ocaso de case unha década.

Esta recuperación económica construíuse, principalmente, por dúas vías: por unha parte unha maior capacidade de gasto dos portugueses e portuguesas grazas a un restablecemento tanto do emprego como dos soldos (con incrementos do salarios a taxas considerablemente superiores á media da eurozona nos últimos anos) que incentivou o consumo privado; e, por outra, o transitar cara unha balanza exterior superavitaria -ou ‘menos deficitaria’- que consiga paliar o problema crónico do país neste apartado.

Neste sentido cabe simplemente citar un aspecto que pode ter percorrido por si mesmo para un artigo propio, a estratexia de promoción turística que veñen facendo os gobernos portugueses nos últimos anos, nunha case “estratexia de Estado” que conseguiu incrementar dunha maneira incrible os ingresos nesta partida e converter o sector nun dos mais potentes do país e mesmo de toda a Unión Europea.

Con respecto ao socioeconómico, neste último mandato produciuse unha lixeira reestruturación do gasto público, destinando maiores partidas a educación, saúde, servizos sociais e transferencias que fomenten a cohesión social e traballen para reducir as desigualdades sociais disparadas dende 2011. No cuantitativo, o Coeficiente de Gini (33.5 puntos) é o mais baixo dende a aparición da crise, o quintil mais pobre(6) ven aumentando a súa participación nunha media dun 2% anual e o porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión social sufriu un notable descenso, dende un 27.5% en 2014 ata un -aínda lacerante- 23,3%(7).

Ademais, as previsións do goberno para este 2019 volven a superar o 2%, mais estarán fortemente marcado por se se consigue recuperar o bo ritmo de crecemento das exportacións, as cales veñen padecendo unha lixeira desaceleración nos últimos trimestres. En definitiva, Portugal está representando un triunfo que, sen seren rupturista, amosa que existe a posibilidade de camiñar polos curtos marxes dos que dispón unha economía pequena e endebada na Unión Europea de 2019, facendo políticas para as maiorías en contra de todas as voces de angustia e pesimismo que auguraban a insostibilidade deste tipo de proxecto.

Miguel Ángel M. Pellitero

é especialista en Economía Internacional e Desenvolvemento e colaborador do IGADI.

 



(1) ‘Geringonça’ como palabra pexorativa en alusión a la unión de “perdedores” que conformou o goberno no 2015, sendo o PSD de Pedro Passos Coelho o partido mais votado neses comicios.

(2) De forma simultánea, os denominados PIGS (Portugal, Irlanda e/ou Italia, Grecia e España) experimentaron atroces aumentos dos tipos de interese aos que se endebedaban no mercado (lembrar as históricas cifras da ‘Prima de Risco’ durante eses dous anos, diferencial do que pagan estes países por colocar a súa débeda en comparación con Alemaña) e que desencadeou momentos extraordinariamente tensos no panorama económico europeo e mundial, saldado con medidas excepcionais como os rescates a estes países (caso de Portugal) ou aos seus sistemas bancarios (coma en España) a cambio de ese proceso de “axuste” e austeridade que aínda están a pagar.

(3) Considerando que Portugal quedou sen marxe para recuperarse por si mesma e necesitou axuda exterior (UE e FMI), que de feito impuxeron o tipo de política económica que debía levarse a cabo a cambio da axuda prestada.

(4) Acompañado tamén dun saldo natural negativo (mais defuncións que nacementos). Fonte de ambos datos: INE de Portugal.

(5) Dato: 125.7% a finais de 2017 segundo datos de Eurostat.

(6) O 20% de poboación que menos ingresos ten no reparto primario da renda.

(7) Datos de Eurostat para o ano 2017 nos tres valores (última publicación dos mesmos).

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais