Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 1 de Maio de 2015 Ríos

O poder dun saúdo

Cuba e EUA amosaron en Panamá o seu compromiso co fin programado da guerra fría que os enfrontou durante máis de cinco décadas. Agora, a reanudación das relacións diplomáticas, suspendidas dende o 3 de xaneiro de 1961, abre un horizonte de normalidade que terá consecuencias rexionais con unha vasta redistribución de alianzas e influencias. Esa normalización ten un efecto en Sudamérica similar á caída do muro de Berlín en Europa.

O saúdo entre Barack Obama e Raúl Castro, desta vez cunha posta en escena moito mais protocolaria que a “improvisada” en Sudáfrica en decembro de 2013, culminou un traxecto relativamente curto iniciado, no esencial, en xuño de 2013 en Canadá e reforzado coa mediación vaticana en outubro de 2014.

A normalización entre La Habana e Washington mitigará o tradicional antagonismo militante entre o “totalitarismo” e o “imperialismo”, pero non desaparecerá de todo ante a persistencia de hostilidades que, a unha e outra banda, manteranse en alza para tentar preservar os poderosos intereses asociados ao bloqueo. Non obstante, cabe sinalar que os medios empresariais estadounidenses dunha banda, e os responsables militares cubanos doutra –en quen hoxe descansa boa parte da xestión da economía caribeña- secundan esta exploración para poñer fin a este anacronismo.

Raúl Castro comprendeu que Cuba non pode desenvolverse con normalidade prescindindo dunha progresiva integración no sistema económico global, incluíndo a recepción de capitais internacionais. Ata agora, as resistencias a unha apertura levaron incluso ao capital chinés “amigo” a protestar polas rixideces cubanas. Pouco a pouco, pois os progresos serán lentos, esta situación irá cambiando nun contexto en que Cuba tentará tirar proveito da súa condición de ser un dos poucos mercados emerxentes que quedan por destapar no mundo.

A capacidade de mudanza da sociedade cubana non debe subestimarse. Baste un dato: os autónomos, que en 2010 representaban o 3 por cento da forza laboral, hoxe representan o 11 por cento. A transformación que vive o sistema cooperativo dará un salto moi significativo este ano, en especial no mundo urbano. A converxencia do impulso interno e a nova relación cos mercados internacionais de capitais abren un novo escenario que terá un primeiro espello na zona franca do porto de Mariel.

Para uns, esta etapa proporcionará un balón de osixeno ao “castrismo”; para outros, será o empuxón que abalará definitivamente o medio século de socialismo cubano. Probablemente, todo será mais complexo. Son inocultables as frouxidades do modelo caribeño como tamén as derivas pouco atractivas do neoliberalismo. O tempo que se abre será pois de exploración para ambas as dúas partes e, finalmente, corresponderá á sociedade cubana, que non é a dos anos cincuenta do pasado século, decidir o rumbo a seguir.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais