Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma

O parlamento escocés decidirá se hai ou non referendo de independencia

Entrada do parlamento escocés. O pasado 25 de febreiro, Alex Salmond, Primeiro Ministro do goberno escocés, fixo público un anteproxecto de lei para a convocatoria dun referendo en Escocia. Anunciaba un período de nove semanas para recoller as opinións dos escoceses sobre sete cuestións, relacionadas coas formulación das preguntas a incluír nas papeletas e sobre as regras de votación. Entre estas últimas, unha das que está a suscitar máis debate ten que ver con baixar a idade de votación de 18 a 16 ou 17 anos, na medida en que é coñecido que nestas faixas etarias o apio á independencia de Escocia é maior.

Deste modo, o definitivo proxecto de lei chegará ao parlamento escocés despois das eleccións xerais británicas. Os nacionalistas escoceses esperan que os resultados dos comicios poidan facer mudar a posición contraria que actualmente manteñen os outros tres partidos maioritarios: laboristas, liberaldemócratas e conservadores. Basean estas esperanzas no receo que un goberno conservador en Londres acordaría na poboación escocesa, ou na posibilidade de que os votos dos deputados escoceses puidesen ser definitivos para que algún dos grandes partidos poida gobernar en Westminster. Na memoria histórica do SNP está presente o firme apoio dos laboristas á causa do autonomismo escocés, despois da derrota das eleccións xerais de 1992, gañadas polos tories.

O anteproxecto do goberno de Holyrood chega nun momento delicado. As informacións sobre o impacto que a crise económica irá ter para o executivo escocés e o SNP son aínda contraditorias. Hai uns meses, o desempeño de Alex Salmond e o seu equipo estaban a aumentar a popularidade do presidente e do SNP. Agora, aqueles países que se puñan como exemplos a imitar por unha Escocia independente, Irlanda e máis Islandia, atravesan situacións económicas delicadas.

Mais a oposición dos partidos unionistas a unha consulta popular tampouco é sólida. O argumento esgrimido consiste en que, dada a crise económica, hai asuntos máis urxentes que atender que referendos constitucionais. No entanto, os tres grandes partidos da oposición en Escocia, apoiaron recentemente a celebración dun referendo en Gales sobre o aumento dos poderes autonómicos. Laboristas e liberaldemócratas, tamén nas pasadas semanas, votaron a favor doutra consulta, en todo o Reino Unido, para mudar o sistema electoral.

Ademais, os cartóns de votación que propón o anteproxecto de Salmond, preguntan non só pola independencia, senón tamén polo apoio a un aumento das competencias de Holyrood. Algo que recomendaban as conclusións do relatorio da Comisión Calman, publicadas en xuño de 2009, e que foran acollidas calorosamente pola oposición, con algunha reticencia no caso dos conservadores.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais