Distribuir

Distribuir contido
Sermos 15 de Setembro de 2016 Ríos

O mundo non espera por nós

debate_na_crtvg.jpg

As eleccións locais de hai pouco mais dun ano sacudiron en boa medida os cimentos do poder municipal galego abrindo fiestras de esperanzas dun cambio transformador, tamén na abordaxe do reto  exterior. O poder urbano de novo signo tiña e ten ante si moitos desafíos. A necesidade de dotarse dunha estratexia exterior é evidente no caso das grandes urbes. Non obstante, ningún paso, nin sequera simbólico, se deu neste sentido. É unha magoa que así sexa. Quedan un par de anos para poñerlle remedio.

Nas eleccións autonómicas do 25S xogámonos unha ecuación complementaria. O  balance da acción exterior pesará moi pouco na decisión dos galegos e moi pouca será tamén  a atención prestada polas formacións concorrentes á necesidade de dotarse dunha acción exterior ambiciosa. Como pouco é o que representa no conxunto da acción pública. A aposta pola internacionalización económica e empresarial conxugouse co retroceso consciente e submiso ou o desleixo noutros campos. Galicia perdeu terreo no ámbito da acción exterior. Non tanto polos imperativos da crise como pola interiorización dun enfoque simplemente autodestrutivo que nos leva a renunciar ás capacidades innatas no noso haber traducidas en capitais diversos totalmente infrautilizados.

Gobernar Galicia, ben sexa desde o local ou o autonómico, sen pensar no mundo só demostra que vivimos fóra da época, con parámetros doutro tempo. Esa fronteira na comprensión empobrécenos e réstanos posibilidades.  Non é cousa de apuntar roteiros que levan tempo indicados. Pouco hai que inventar nese sentido. Sabemos o que se podería facer e con quen. Urxe simplemente que nos dotemos de instrumentos, que arbitremos políticas sólidas e que xeremos consensos alargados, non só na política partidaria, senón mais alá, pero non para a galería senón para a acción. Houbo moitos, demasiados, dos outros, ata o punto de seren simple papel mollado. Consensos declarativos, sobran.

Galicia é un país con fortes singularidades. Tantas que outros moitos as quixeran para si á hora de imaxinar unha estratexia fecunda no eido exterior. Lástranos a falta de vontade política,  que opera como un valado ben difícil de franquear.   

Se ollamos para outras nacionalidades históricas do Estado, podemos constatar que, contrariamente, estes foron anos de despegue nesta materia. Non só por razóns políticas vinculadas ao proceso catalán, poñamos por caso, senón porque existe unha plena conciencia de que o momento actual é crucial para situarse no mundo. En Vitoria sábeno ben. Os nosos líderes de todo signo non teñen aínda esa comprensión e o diferencial seguirá medrando como tamén o fai xa noutras ordes. Galicia quédase atrás. Faranse moi ben as contas, pero son á baixa.

Coa modestia debida, nós chamamos ás diferentes forzas, organizamos actos, etc., para que o exterior goce de maior consideración pero o eco de tanto esforzo é miserento en relación ao que sería preciso. Galicia conténtase con quedar atrás. Nada semella importarlle esta cuestión aos actores determinantes da nosa evolución económica, social e institucional, aqueles que mais deberían precisamente tirar do carro. Contrasta esta tráxica ignorancia do noso momento histórico coa enorme intelixencia dos homes, poñamos por caso, das Irmandades da Fala que hai cen anos, noutro contexto e con outras posibilidades, amosaban mentes mais espertas. Se voltaramos aos nosos clásicos, mellor nos iría.

No recente congreso de estudos internacionais de Galicia houbo moitas e destacadas ausencias. Pero houbo unha presenza moi destacada e de enorme utilidade para aquel que quixera aprender algo: os representantes de vascos e cataláns explicaron en detalle o seu enfoque, a súa utilidade, o seu retorno. Eles non dispoñen de valiosos recursos como nós temos, tanxibles e intanxibles, integrais, como nós quizais non contamos cunha economía semellante aínda que tampouco desmerecería tanto, pero ficou claro que a chave radica na conciencia e na vontade. Diso que nós carecemos tendo tanto ao noso favor.

Nese evento tomamos unha vez mais o pulso á nosa sensibilidade exterior. Hai persoas, hai entidades, todos eles pouco menos que rara avis cabería dicir, con enxeño e capacidade. Eles demostran cada día que é posible e necesario, que hai que estar aí, fóra, para gañar terreo aquí e termos futuro como comunidade. E outra vez constatamos que as forzas autodestrutivas pesan aínda mais que as capacidades para construír. Sen esforzo de país, con criterio de país, perderémolo tren. O mundo non esperará por nós.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais