Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
21 de Abril de 2017 VV.AA.

O modelo republicano francés: conflitos urbanos e fractura social

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Axencia Xinhua China

Historicamente, Francia configurouse coma un país receptor de inmigración, con diversos fluxos e tendencias rexionais e internacionais que foron sucedéndose dende o século XIX. Entre elas destacan o recrutamento masivo de traballadores europeos e coloniais para soster o crecemento industrial e paliar o declive demográfico (ata 1950); fomento da reunificación e mobilidade familiar; preponderancia da inmigración norteafricana (a partires de 1970), entre outras.

Nos procesos de integración destas novas comunidades atopamos un sentido de arraigo co “ideal republicano”, promulgando os valores da cidadanía, a igualdade de todos os individuos e a laicidade coma eixes fundamentais. Sen embargo, estes valores, en especial no apartado da identidade nacional, amosaron certa herdanza do modelo colonial, a vez que a materialización de programas sociais de integración a nivel institucional mostrouse tardía e con grandes carencias.

No campo teórico, buscouse a adopción dos pretextos predeterminados da sociedade francesa, relegando ou incluso negando as especificidades étnicas ou culturais, “a cociña ou deixarse ver só coma folclore”(1), en prol dunha identidade pre-deseñada. Na práctica, as premisas divulgadas non tiveron unha tradución en políticas públicas e derivaron en procesos de “guetización” das áreas de asentamento de poboación inmigrante, nas periferias das cidades, conducindo a marxinalidade e a exclusión social. O sistema resultante mostrou certamente unha tendencia cara o asimilacionismo.

A falta de implicación institucional directa, así coma unha carencia de desenrolo académico e de coñecemento específico na materia, axudaron a configurar este paradigma. Coma resultado, xurdiron visos de conflitividade social, moi vinculados coa falta de cohesión e a “segregación espacial”, que terminaron por detonar numerosas revoltas urbanas a principios de 1980 (Lyon, París etc.).

Dende entón, produciuse unha maior implicación por parte das institucións do goberno, mais non baixo unha liña definida clara e alternando períodos de visións aperturistas e integradoras con outras de forte retracción. Deste xeito, a situación e as problemáticas destas zonas de exclusión mantívose mais o menos estática, producíndose sucesivas revoltas na década de 1990 e 2000 e configurando un perigoso caldo de cultivo, en particular para o xerme do xihadismo, tal e como observamos na actualidade.

Asimilación, fractura social e conflitividade

Os primeiros síntomas de fallas no sistema e de conflitividade social atopámolos ligados a procesos de flutuación económica negativos, especialmente na crise do petróleo de 1973, cando comezan a xurdir certos elementos reaccionarios que puxeron en alerta á clase política francesa. Esta inicialmente reaccionou en certa sintonía coa retórica anti-inmigración: o goberno do presidente Valéry Giscard d’Estaing promoveu un forte control das entradas, políticas de promoción de retorno voluntario de inmigrantes aos seus países de orixe, cancelación dos programas de migración laboral, etc.

Sen embargo, no rudimento dos conflitos sociais atopamos unha inequívoca vinculación coas fallas e carencias nos procesos de asentamento das comunidades inmigrantes e no desenvolvemento urbano, que derivaron tamén en procesos de reivindicación dunha igualdade social inexistente. O inicial asentamento dos migrantes a barrios “semi-chabolistas” dos suburbios, denominados “bidonville”, con notorias carencias e falta de desenrolo en tódolos aspectos, sucedeulle a súa agrupación en estruturas de vivendas sociais, “cités”, cunha conxuntura similar as primeiras que progresivamente foron conformando os actuais “banlieus”.

Paralelamente vaise producindo un éxodo da poboación “autóctona” cara cidades dormitorio e pobos da periferia (futuros feudos de captación de votantes para a Fronte Nacional), a de menos recursos, que non pode permitirse unha vivenda no centro das cidades pero que ten capacidade como para non verse relegada a uns suburbios faltos de equipamento e desenvolvemento. Comeza a fraguarse o xerme da fractura social.

Nos “banlieus”, os procesos de “guetización” consolidáronse ao albor de décadas baixo altos índices de pobreza, segregación social e étnica, especialmente nos denominados inmigrantes de segunda xeración e principalmente de orixe norteafricana e subsahariana. Nesta conxuntura, o crecemento da criminalidade de baixa intensidade (tráfico de estupefacientes ao por menor, roubos e furtos etc.) foi acompañado dunha dura e indiscriminada represión policial, proseguida da estigmatización social dos habitantes destes suburbios.

Non resulta casual que gran parte dos disturbios iniciáranse tras actuacións policiais desmesuradas, interpretadas coma unha agresión inxustificable e motivada pola pertenza a dita comunidade(2) e o alto grado de impunidade das forzas de seguridade. Neste clima é onde cristalizan os procesos de repregue identitario, onde o apego a comunidade (aquí xorde o “novo islam”, coma elemento cohesionador) ou ao barrio remata por desprazar totalmente o proxecto de “identidade republicana”, “conformándose círculos viciosos que manteñen e afondan o repudio”(3) entre comunidades, consolidando así a fractura social.

Novos enfoques?

Será a partires da década de 1980, ante a evidencia do fracaso do modelo imperante, cando se conciba integración dos inmigrantes coma un campo político propiamente dito, asumindo o Estado a necesidade de desenvolver un papel activo no deseño e xestión destes procesos.

Tentábase avanzar cara modelos de inserción e de integración reais, cunha gran actividade lexislativa, o impulso de diversos órganos institucionais (coma o Alto Consello para a Integración) e iniciativas políticas para loitar contra a marxinalidade dos suburbios, a denominada “la politique de la ville”.

Sen embargo, estes novos enfoques volveron a sortear os problemas de base que configuraban a problemática urbana. Os programas de construción de vivendas sociais (HLM) non foron acompañados dun desenvolvemento e progresión social das comunidades marxinais, perseverando as carencias no ámbito educativo e de inserción laboral, cuns altos niveis de fracaso escolar moi arraigados á falta de perspectiva de futuro en zonas onde as taxas de paro superaban o 40%.

De igual xeito, os vaivéns no ámbito político impediron o desenvolvemento dunha liña continuista nos programas de integración, alternando iniciativas de inclusión e loita contra a discriminación social e institucional con outras altamente restritivas (“lei de Pasqua” en 1993 ou a “lei Sarkozy” en 2003), a securitización e a militarización de zonas marxinais ou discursos altamente incendiarios (por exemplo, Sarkozy denominando“chusma” aos participantes nas protestas de París no 2005)(4).

No campo teórico, a reformulación das bases do modelo de integración mostráronse moi limitadas, pese as frecuentes chamadas de atención de ONGs, mundo académico e colectivos relixiosos sobre a necesidade de novos esquemas e idearios inclusivos.

Pese a maior implicación estatal, esta non chegou a mostrar un enfoque claro e determinado sobre unha dinámica de actuación concreta. O enquistamento nas premisas ideolóxicas predeterminadas polo asimilacionismo dificultaron enormemente a posibilidade de avanzar cara outros modelos, coma pode observarse no espazo canadense. En consecuencia, os problemas de base persistiron durante décadas, traducíronse en protestas e iniciativas sociais coma as “Marchas pola Igualdade” (Les Marches des Beurs) ou o “Dereito á diferenza” (Le droit á la difference) e sucesivas revoltas urbanas (a mais recente fai escasamente dous meses).

De igual xeito, a fractura social afondouse enormemente. A imaxe pública do colectivo inmigrante (inclusive os de segunda e terceira xeración nacidos en Francia) viuse enormemente afectada, xogando un papel fundamental a utilización política da problemática das zonas marxinais coma ferramenta electoral. Esta estigmatización social terminou por impulsar os procesos de illamento entre comunidades, xurdindo certas visións reaccionarias que tenden a identificar coma “inimigo externo” aos elementos alleos a propia comunidade.

A persistencia en políticas erráticas e sen resposta as necesidades existentes, así coma o ensimesmamento en modelos arcaicos e demostrados como falidos, non fai senón perpetuar e acrecentar unha problemática que termina por afectar a toda a sociedade francesa. Se non se considera unha profunda revisión dos pasos dados ata o de agora e se opta por desenvolver programas e políticas de carácter multidisciplinar a longo- medio prazo, deseñando obxectivos ambiciosos e respostas que impliquen tanto a sociedade civil coma as institucións, a problemática continuará en liña ascendente.

O goberno que sairá das urnas na previsible segunda rolda electoral pautada para o próximo 7 de maio terá ante si a posibilidade de modificar esta dinámica e de poñer fin a errática tendencia das últimas décadas. Mais non parece claro que exista unha vontade política neste sentido na maioría dos candidatos con opcións. Veremos.

 

Alexandre Rey Parrado é licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

Citas bibliográficas:

(1) APARICIO GOMEZ, Rosa. “Inglaterra, Francia, Alemania. Tres caminos para las políticas migratorios” Documentación Social, nº 121 (2000). Instituto Universitario de Estudios sobre Migraciones. Universidade Pontificia de Comillas. pp.40 https://goo.gl/sedpA7

(2)Atopamos dinámicas similares nos EUA: disturbios de Watts (1965) ou nos disturbios de Los Ángeles en 1992.

(3) LARA SALINAS, Ana María. “Migraciones internacionales, seguridad y xenofobia: los límites del modelo francés de integración”, Oásis, nº12 (2006) Universidad Externado de Colombia pp. 210

(4)RETORTILLO OSUNA, A. ; OVEJERO BERNAL, A. ; CRUZ SOUSA, F. ; LUCAS MANGAS, S. ; ARIAS MARTINEZ, B. “Inmigración y Modelos de Integración: entre la asimilación y el multiculturalismo”. Revista Universitaria de Ciencias del Trabajo. Universidad de Valladolid nº 7, 2006 pp. 131 http://www.ruct.uva.es/pdf/Revista%207/7106.pdf


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 

 


 


 


 


 


 


 


 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais