Distribuir

Distribuir contido
IGADI 4 de Febreiro de 2013 Abelaira Fernández

O galego, un recurso chave para os negocios

En pleno século XXI, o idioma portugués goza dunha excepcional saúde: estímase que máis de 250 millóns de persoas empregan adecuadamente a lingua de Camões e o interese pola aprendizaxe deste idioma cada vez atrae a máis persoas en todo o mundo, xa sexa na África Austral, na América do Sur ou mesmo na China.

Segundo os cálculos da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura ( UNESCO ), tanto o portugués coma o castelán son nestes intres os idiomas que mais medran entre as linguas occidentais, só superadas polo inglés. Concretamente, do portugués agárdase que no futuro a súa presenza tórnese hexemónica na África Austral e na América do Sur, debido ao formidábel pulo demográfico que agora mesmo experimentan estes países.

Desta maneira, en termos xerais, na escena internacional a lingua de Camões estase tornando cada vez mais vigorosa; no entanto, na Galiza semella que camiñamos co paso cambiado e na nosa terra a lingua goza cada vez de peor saúde segundo tódolos indicadores.

Isto constitúe un verdadeiro sinal de alerta, xa non só no plano social, senón tamén no político e no económico. A nosa lingua fai parte do diasistema lingüístico da lusofonía, ao que se lle unimos o noso dominio da lingua de Cervantes, as vantaxes internacionalizadoras para o noso tecido empresarial son manifestas. Pero arestora esta posición privilexiada non está a ser aproveitada pola cidadanía nin potenciada suficientemente desde as nosas administracións.

¿Están a mudar os tempos? A administración galega parece amosar certas actitudes de achegamento cara o espazo intercultural lusófono en base a esa oportunidade que representa como xanela de oportunidades económicas.

É elemental que o noso país comece a tornarse visíbel para alén das nosas fronteiras. É público e notorio que a marca-país Galiza non existe, nin existen visos de que vaia a ser criada nun curto prazo de tempo. Antóllase fundamental que unicamente deixemos de ter ollos para o castelán e deamos prioridade ao que realmente tanto achega para situarnos no mundo de forma singular: a nosa lingua.
Nos últimos tempos e en consonancia co desolador panorama que debuxa a economía nos países da órbita capitalista occidental, o galego vense tornando nunha importante variable para a competitividade empresarial. Desta maneira, en outubro do pasado 2012 a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística decidiron botar a  andar publicamente a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”.

A través dela, os sectores empresariais, botando man da lingua galega e coa grande vantaxe da fluída intercomunicación que isto nos proporciona, procuran posicionarse nun lugar de preferencia perante os países da lusofonía, os cales de xeito prominente véñense posicionando como economías dinámicas en constante efervescencia nuns mercados internacionais dominados por unha forte competencia, o que lle confire unha grande oportunidade de internacionalización e especialización ao noso empresariado ao redor do mundo (en América do Sur, Brasil é unha economía BRIC, Angola e Moçambique exemplifican a riqueza de recursos existente en África, Macau é a porta de entrada ao mercado chinés…..). Do que se trata é de dar pasos cara adiante e operar asumindo que a lusofonía é un espazo xeográfico esencial para as nosas exportacións e para o sostemento da nosa ben modesta industria nacional.

No entanto, de xeito sistemático, as institucións gobernamentais galegas seguen mostrando unha moi escasa vontade de achegamento ao espazo común lusófono a pesar de converter a internacionalización empresarial na variña máxica chamada a resolver todos os nosos problemas. Nesa perspectiva, sen prexuízos, sería apremiante pasar ña acción. A sociedade civil galega ten que tomar a iniciativa e poñerse á procura da implementación de políticas de confluencia con esta poderosa comunidade, a cal aporta confianza e seguridade para o sostemento futuro de Galiza como nación no mundo. Se do que se trata é de que Galiza mellore a súa imaxe alén do Bierzo e do mar, tódolos camiños, inevitabelmente condúcennos á lusofonía como referente xeopolítico a atender.

O galego está presente no mundo e é unha boa ferramenta para relacionarse co exterior. Co noso idioma podemos acceder a falar correctamente con máis de 250 millóns de persoas (aos que hai que suma-los case 500 millóns de falantes do castelán), o que nos abre as portas a unha paulatina internacionalización das nosas empresas, das nosas institucións e de nós mesmos como persoas inseridas nunha sociedade globalizada. Deixando de lado a Portugal, sómo-la única nación de Occidente que partillámo-la lingua de Camões. En relación ao resto dos países integrantes da lusofonía e da CPLP supón unha grande vantaxe derivada do feito de posuír uns maiores coñecementos e capacitacións fondamente necesarias para uns países da lusofonía que na súa meirande parte atópanse en pleno auxe económico.

A colaboración mutua antóllase fundamental, xa sexa no plano empresarial, artístico, cultural, deportivo, etc. A lóxica do contacto é a que nos proporciona un maior grao de coñecemento e interrelación, premisas necesarias para superar calquera tipo de preconceito social tan ben institucionalizado no noso país.

Por exemplo, no hipotético caso do ingreso da nosa Comunidade Autónoma no organigrama da CPLP, obteríamos unha grande visibilidade fora das nosas fronteiras, repercusión mediática, fortalecería o papel da nosa lingua e ao mesmo tempo constituiría un bo repto para a nosa clase política e sociedade, posto que deberíamos ser quen de poder desenvolvernos de xeito eficaz e competente dentro do esquema das relacións internacionais e achegar para a nosa comunidade toda unha serie de acordos políticos, económicos e sociais tendentes a asegura-lo noso crecemento e progreso estable.

A campaña “O galego chave para os teus negocios no mundo” é un bo punto de partida para acadar un maior grao de identificación e coñecemento dun espazo xeográfico que é parte esencial da nosa razón de ser no mundo, pero tamén unha oportunidade concreta para avanzar na materialización efectiva desa idea.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais