Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 8 de Xullo de 2019 Mansilla Blanco

O fútbol fala portugués

Portugal e Brasil dominan os torneos de 2019
Portugal celebra o seu título na Liga das Nacións de EuropaBrasil conquista a súa novena Copa América

Dificilmente unha conxuntura tan positiva para a lusofonía, neste caso dende un deporte de masas tan popular como o fútbol, pode observarse na actualidade. A Portugal de Cristiano Ronaldo obtivo en xuño pasado a Liga das Nacións de Europa, revalidando o seu título de campión da Eurocopa 2016. E este 7 de xullo, o Brasil obtivo a súa novena Copa América. O fútbol da lusofonía está de noraboa. E Galicia debe tomar nota disto.

Compre por tanto observar ambas coincidencias e o seu impacto na xeopolítica da lusofonía, neste caso da man do fútbol. Portugal, un país de once millóns de habitantes, domina agora o escenario futbolístico europeo. Se na Eurocopa 2016 celebrada en Francia deu a sorpresa ao derrotar na final precisamente á anfitriona selección gala (que posteriormente sería campión do Mundial 2018), os lusos confirman a súa hexemonía futbolística europea ao gañar en xuño pasado a primeira edición da Liga das Nacións de Europa, o formato de clasificación cara a Eurocopa 2020. E fíxoo con firmeza e contundencia: venceu a Suíza en semifinais (3-1), con triplete do astro Cristiano Ronaldo. E na final (1-0) á renacida Holanda.

Con similar contundencia, o Brasil, o maior país lusófono (200 millóns de habitantes), durmido en canto a títulos nos últimos anos, volveu a dominar gañando este 7 de xullo a Copa América, celebrada precisamente en só carioca. Fíxoo no mítico Maracaná diante dunha emerxente Perú (3-1), obtendo así a súa novena Copa América que edulcora as recentes frustracións tanto en torneos continentais como nos Mundiais.

Un Portugal liderado por Cristiano e un Brasil sen Neymar, a súa derradeira estrela, ausente do torneo por unha escura acusación. Un Cristiano que igualmente brillou no Calcio italiano, obtendo o título de campión coa Juventus de Turín, toda vez Neymar igualmente foi campión en Francia co PSG. E na Champions League 2019, outros dous “lusófonos”, os brasileiros Allison Becker e Roberto Firmino, se proclamaron campións con Liverpool inglés.

Así, o fútbol en portugués está de celebración. Aínda que noutros torneos, como a Copa Africana de Nacións que actualmente celébrase en Exipto, ningunha oncena da África lusófona (Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guiné Bissau) logrou pasar da primeira rolda de clasificación. Tampouco tivo sorte o Timor Leste na edición da Copa Asiática 2019.

No 2020 haberá mais. Portugal defende o seu título nunha histórica Eurocopa con oito sedes distintas mentres Brasil o fará noutra nova edición da Copa América, a celebrarse conxuntamente en Colombia e Arxentina. Dúas novas probas que medirán o gran momento do fútbol que fala portugués.

E Galicia, como queda nisto? Unha proba mais que confirma a necesidade do impulso da Lei Paz Andrade e das nosas relacións coa lusofonía. O fútbol pode ser un alternativo ámbito de actuación nesta relación.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais