Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Sermos Galiza 21 de Xuño de 2017 VV.AA.

O fascinante resultado das eleicións británicas

Teresa Barro achega a súa visión
Fonte: Xinhua

Poucas veces terá habido un momento tan fascinante na política do Reino Unido como o que xurdiu coas eleicións xerais do catro de xuño. Nada quedou como antes e todo virou ás avesas.

Theresa May convocara as eleicións xerais para asegurarse un mandato con maioría esmagante, aproveitando que o Partido Laborista estaba case morto.  O resultado deixou ao Partido Conservador sen a maioría que tiña antes e nunha situación precária e caótica.  E deixouna a ela, que empezara a campaña apresentándose como persoa firme, cabal e temperada, dando a impresión contraria, de persoa covardeira, insensíbel e soberba.  O Partido Laborista, en troques, que empezara con todo o mundo pensando que a esquerda afundira para sempre e que Corbyn non valía para nada e era un político doutrinario dos vellos tempos que non entendía a realidade actual, gañou o respeito xeral, cun Corbyn que parecía humano e até elegante frente a unha Theresa May incapaz de comunicar e que falaba e actuaba como un robó.

A volta á política de dous partidos, un de direitas e outro de esquerdas, foi un dos resultados mais notábeis desas eleicións.  Resaltou tamén que a xente non se deixaba enganar e non quería mais política de austeridade.  O programa dun futuro de malestar social, con mais cortes en nome dunha austeridade que, segundo May, facía falta para o Brexit, foi acollido con chufa, para mais porque, como sempre, non había cortes para os ricos, que podían seguir acumulando o diñeiro que quitaban aos demais.  Viuse con claridade que xa non funcionaba o de exixir sacrificio por unha idea, que fora típico do século pasado, e o governo tivo que renunciar ao manifesto.

É case seguro que Theresa May terá que deixar de ser Primeira Ministra.  Se ela fose doutro feitío talvez sería posíbel que quedase, pero foi evidente que non lle importou o dano que fixera ao Partido Conservador e que non entendeu que virara unha figura sen autoridade.  Como semella que governaba cunha pequena camarilla e sen consultar a mais ninguén, obrigárona a despedir os asesores e agora será a marionete do seu partido, que puxará as cordas até que encontre con quen sustituila.  O Partido Conservador quedou adoecido, raivoso e desavido, e con moito medo de que teña que haber outras eleicións e as gañe Corbyn, que foi o gañador psicolóxico destas e que conseguiu acabar có Novo Laborismo de Tony Blair.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais