Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 2 de Xullo de 2018 Mansilla Blanco

O desquite de AMLO

Andrés Manuel López Obrador nun mitin electoral. Fonte: Axencia Xinhua

Por histórica, persistente e contundente, a vitoria de Andrés Manuel López Obrador (AMLO) nas eleccións presidenciais mexicanas abre unha nova era na política neste país, determinada pola elección dun candidato “anti-sistema”. Por vez primeira, un líder de esquerdas chega ao poder en México cun movemento politicamente heterodoxo, derrotando claramente ao status quo que, con anterioridade, impediu constantemente a eventualidade da súa vitoria. Toda vez, en perspectiva electoral hemisférica, a súa vitoria frea momentaneamente a viraxe cara a dereita presentada nos recentes comicios a nivel rexional, así como os novos equilibrios ante as alternancias políticas. Os retos de AMLO orientados a “reformar México” para os próximos seis anos estarán determinados pola consistencia do seu goberno e a inevitable reacción dun status quo institucionalmente enraizado nos resortes de poder.

Co 53,2% dos votos, López Obrador consegue o mais alto índice de votación nunhas eleccións presidenciais en México. Paralelamente, esta vitoria asesta un histórico golpe ao outrora hexemónico Partido Revolucionario Institucional (PRI), actualmente na presidencia con Enrique Peña Nieto. O seu candidato, José Antonio Meade, a penas alcanzou o 14,1% dos votos.

Tamén notoria foi a derrota do candidato do Partido de Acción Nacional (PAN), Ricardo Anaya, quen alcanzou o 23% dos votos. Por tanto, o binomio PRI-PAN que dominou a política mexicana dos recentes anos veuse claramente superado polos votantes de AMLO e do seu Movemento pola Rexeneración Nacional (MORENA).

O partido de AMLO terá igualmente unha cómoda maioría parlamentaria (37,84%) e no Senado (38,17%), aspecto que eventualmente lle permitirá levar a cabo o seu programa de reformas, moi centradas no combate á corrupción. Tamén gobernará a capital Cidade de México e varias gobernacións.

A verdadeira “transición” foi en 2018

Visto en perspectiva histórica, o electorado mexicano amosou nestes comicios a súa convicción por asestar un verdadeiro cambio do sistema político, incluso superior á histórica transición post-PRI observada nas eleccións de 2000, que entón deron a presidencia a Vicente Fox (PAN).

Anteriormente como candidato do Partido da Revolución Democrática (PRD), AMLO presentábase quinta vez a unhas eleccións presidenciais. Por tanto, esta vitoria 2018 supuxo persoalmente unha reivindicación da súa contestada derrota nos comicios de 2006, que deron pola mínima a presidencia a Felipe Calderón (PAN) baixo acusacións de presunto fraude. 

Aos seus 65 anos, o triunfo de AMLO supón tamén unha súbita recomposición do campo político dunha esquerda mexicana tradicionalmente atomizada. A súa ruptura co PRD en 2012 para formar MORENA, e igualmente a súa negativa a pactar con este partido para os comicios 2018, supuxo un impulso para unha renovación dentro da esquerda mexicana, na que evidentemente López Obrador saíu como claro vencedor.  AMLO acusou ao seu ex partido de aliarse coa que denomina “a mafia do poder”.

Para estes comicios, o PRD formou parte da alianza “Por México ao fronte” liderada polo PAN de Anaya, xunto a Movemento Cidadá. Por tanto, a revolución de AMLO, baixo a coalición “Xuntos faremos Historia”, tamén chegou dentro da esquerda: MORENA arrebatou ao PRD as catro gobernacións que ata agora dominaba.

A nivel xeral, MORENA afírmase agora como unha aposta progresista e alternativa de carácter heterodoxo, que desafía ao status quo e á política tradicional en México. Deste xeito, o movemento de AMLO beneficiouse do traspaso de votantes e de militantes provenientes dos partidos tradicionais, PRI, PAN e PRD.

Paralelamente, o triunfo de MORENA revitaliza a formacións políticas minoritarias dentro do amplo campo de representación política que ten este movemento. Casos particulares son os seus principais aliados, o Partido do Traballo (socialista) e Encontro Social (centrodereita), que agora terán ou incluso duplicarán a súa representatividade política a nivel parlamentario.

Un novo (re) equilibrio

México, a segunda maior economía latinoamericana tras Brasil e o país con maior poboación de falta hispana (120 millóns de persoas) estará agora gobernado por un candidato de esquerdas que deberá afrontar retos de enorme envergadura.

Un deles é a violencia sistémica, traducida en loitas non só derivadas do narcotráfico senón de mafias políticas existentes a nivel nacional. O sexenio de Peña Nieto é prolífico neste sentido: mais de 120.000 asasinatos, segundo cifras oficiais. A pobreza e a desigualdade son igualmente notorias: estímanse en 53,4 millóns de pobres en México (cifras de 2016). Datos oficiais calculan en 43,6% o índice de pobreza.

Afianzar a MORENA como alternativa de cambio progresista nun México violento e desigual pero xeopolítica e economicamente estratéxico será un reto ineludible para AMLO. Aquí entrarán as consecuentes expectativas sobre o cumprimento de promesas para “reformar México”, que poden verse seriamente obstaculizadas pola igualmente inevitable realpolitik dun status quo, ao que o propio López Obrador non escatimou en cualificar como “a mafia do poder”. Equilibrar estas expectativas de cambios, así como afrontar a presión do status quo, son aspectos estratéxicos para AMLO, principalmente de cara aos seus primeiros meses no goberno.

Outro escenario é o contexto exterior. Tradicionalmente, a política exterior mexicana está mais concentrada nas relacións cos seus veciños do Norte, particularmente EUA. Comparativamente, a incidencia da diplomacia mexicana a nivel latinoamericano non é tan prioritaria, aínda que non exactamente menor.

Por tanto, está por ver se esta vitoria da esquerda en México terá influencia estratéxica noutros contextos electorais previstos para a segunda metade de 2018, en particular as presidenciais de Brasil de outubro, así como na resolución de escenarios conflitivos, como é o caso da crise venezolana e o illamento exterior do goberno de Nicolás Maduro, do que o goberno de Peña Nieto é un dos principais expoñentes.

No seu discurso ante os seus simpatizantes unha vez oficializada a súa vitoria, López Obrador falou de “reconciliación” e de “diálogo”, disposto a traballar “con todas e todos”. Palabras de concordia que curiosamente tamén recibiu do seu controvertido veciño, o presidente estadounidense Donald Trump, así como do primeiro ministro canadense Justin Trudeau.

En perspectiva está discutir o futuro dun TLC golpeado polas políticas proteccionistas de Trump, así como polo vergoñento endurecemento dunha política de inmigración que afecta sensiblemente a México e aos países centroamericanos. Este será, con total probabilidade, o principal reto exterior que AMLO e MORENA deberán sopesar e medir destreza e firmeza.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais