Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 23 de Xaneiro de 2014 Mansilla Blanco

O “centro” de América

O candidato esquerdista Salvador Sánchez Cerén, busca a reelección presidencial do FMLN no Salvador

O Salvador e Costa Rica celebrarán simultaneamente eleccións presidenciais o próximo 2 de febreiro, coa esquerda liderando as enquisas en ambos países aínda que as expectativas electorais aducen da práctica eventualidade de celebración dunha segunda rolda electoral. Con este prisma, especúlase cun inevitable tránsito cara o centrismo político por parte de ambas formacións de esquerda, especialmente de cara a ampliar o seu caudal de votos. 

Posteriormente, Panamá, que conmemora no 2014 o centenario da inauguración do seu Canle orientando as súas expectativas cara a súa próxima ampliación (con non menores conflitos laborais e polémicas exteriores) celebrará eleccións presidenciais e lexislativas o próximo 4 de maio. Aquí a polarización é igualmente visible entre o favorito candidato oficialista José Domingo Arias (Cambio Democrático), o esquerdista Juan Carlos Navarro (Partido da Revolución Democrática, PRD) e o ex vicepresidente Juan Carlos Varela, do nacionalista Partido Panameñista.

No caso salvadoreño, a gobernante Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) postula como candidato presidencial a Salvador Sánchez Cerén (69 anos), actual vicepresidente da República, ex guerrilleiro e un dos negociadores dos Acordos de Paz de 1992. Pola súa banda, en Costa Rica, o candidato da Fronte Ampla é José María Villalta (37 anos), de ampla traxectoria estudantil e ecoloxista e que pode converterse no presidente mais mozo na historia contemporánea dese país.

Sen maiorías á vista

Polo pronto, ambos candidatos lideran as enquisas nos seus respectivos países, en contextos sumamente polarizados. Sen achegarse ao 50% necesario para gañar en primeira rolda, diversas enquisas consideran un eventual empate técnico entre Sánchez Cerén e o seu principal rival, Norman Quijano, do dereitista ARENA, observando igualmente próxima a candidatura do ex presidente Tony Saca (UNIDAD) Outras enquisas aseguran unha vantaxe de seis puntos para o FMLN, en todo caso insuficiente para a vitoria na primeira rolda.

No caso costarricense, o voto está igualmente polarizado e repartido: Villalta lidera cun 22% por riba do oficialista Johnny Araya (Partido Liberación Nacional, PLN) e do neoliberal Otto Guevara (Movemento Libertario), ambos cun aproximado 20% da intención de voto(1).

Así, Costa Rica e O Salvador abren un ciclo electoral 2014 sumamente dinámico en América Latina, onde a esquerda gobernante estará a proba en Brasil, Uruguai e Bolivia. No caso salvadoreño, unha eventual vitoria de Sánchez Cerén confirmaría certa hexemonía política do FMLN desde que en 2009 chegou ao poder co independente e actual mandatario Mauricio Funes. En Costa Rica, pola súa banda, unha hipotética vitoria de Villalta e da Fronte Ampla significaría unha transición política tras catro anos do actualmente gobernante PLN da presidenta Laura Chinchilla.

Pero a polarización das expectativas electorais aducen dunha notable atomización política en O Salvador e Costa Rica que, eventualmente, complicaría o labor de goberno do candidato finalmente elixido para a presidencia.

No caso salvadoreño, a perspectiva desta polarización política pode complicar problemas crónicos moi sensibles para a sociedade salvadoreña, como o combate contra o crime organizado (a pesar da tregua entre as bandas iniciada en 2012 e que lograron baixar notablemente os índices de inseguridade) e as desigualdades socioeconómicas nun país sensiblemente dependente das remesas dos seus emigrantes (principalmente dende EUA) e da axuda internacional.

A centroesquerda centroamericana

A eventualidade de consolidar unha esquerda progresista en América Central obriga a observar a influencia e o influxo no contexto centroamericano do “lulismo” e do “modelo PT” brasileiro, incluso aderezado coa perspectiva de simpatía ideolóxica cara a igualmente hexemónica Fronte Ampla uruguaia, no poder desde 2004. Precisamente, tanto o PT coa actual mandataria Dilma Rousseff en Brasil como a FA coa candidatura do ex presidente Tabaré Vázquez en Uruguai, sométense á reelección presidencial a finais de 2014.

O influxo destes modelos pode igualmente explicar o tránsito político cara o centrismo tanto do FMLN como da FA costarricense, nunha rexión como a centroamericana, determinada nos derradeiros anos pola persistencia dos Tratados de Libre Comercio con EUA e da dependencia da axuda exterior e das remesas de emigrantes, moito mais visible e decisivo no caso salvadoreño.

Todo isto inflúe na perspectiva de que, tanto no Salvador como en Costa Rica, está igualmente en xogo o modelo de Estado dentro da definición de sendas polarizacións electorais, do FMLN-ARENA no caso salvadoreño, e da FA-PLN no costarricense, factor que intensifica aínda mais a loita por alcanzar o voto centrista.

Paralelamente, tanto o FMLN como a FA costarricense amosaron publicamente as súas simpatías polo proceso bolivariano venezolano, moito mais visible no caso salvadoreño, que conta desde 2006 cunha maior vertebración de cooperación política (e incluso financeira, segundo algúns medios) co Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) Este aspecto, o das simpatías do FMLN e da FA coa revolución bolivariana e o Socialismo do Século XXI, lle confire aos seus respectivos candidatos presidenciais determinadas doses de polémica política neste polarizado contexto electoral. A impronta bolivariana xa está presente dentro do contexto centroamericano, co foco na Nicaragua de Daniel Ortega como peza chave para o ALBA, especialmente na concreción de cooperación económica e petroleira.

Dende a perspectiva económica, ambos países transitan por notables procesos de estabilidade de crecemento. Segundo cálculos da Comisión Económica para América Latina (CEPAL)(2), Costa Rica terá un elevado e sólido crecemento económico, valorado no 4% para o 2014, índice moito mais modesto no caso salvadoreño (1,7%) Pola súa banda, Panamá é unha das “estrelas” do crecemento económico a nivel hemisférico, cun estimado 7% de crecemento para 2014, liderando así as estimacións da CEPAL.

Con todo, a crise económica e social é moito mais visible no Salvador, tomando en conta os seus menores índices de desenvolvemento humano, principalmente en materia de educación e saúde, así como da persistencia dun elevado déficit fiscal e unha débeda pública que desde 2012 calcúlase nun 56,5% do PIB salvadoreño.

De cara a estes comicios, a consolidación destes índices de crecemento económico xunto á concreción dun reparto mais equitativo da riqueza nacional, conceptualizado na tarefa de diminución das desigualdades socioeconómicas, determinarán os principais retos dos candidatos presidenciais. Así e todo, o reto electoral dirime a discusión sobre un modelo de Estado mais inclusivo e participativo, sen menoscabar as perspectivas de carácter liberal existentes en diversas elites dirixentes. Independentemente dos resultados electorais, é visible a concreción dunha nova esquerda centroamericana, máis plural e progresista, incluso orientada cara o centrismo político.

 

 



(1) “La izquierda en El Salvador y Costa Rica gira al centro para ganar las elecciones”, Infolatam (España), 20 de Xaneiro de 2014. Ver en: http://www.infolatam.com/2014/01/20/la-izquierda-de-el-salva...

(2) “Balance Preliminar de las Economías de América Central y del Caribe”, Comisión Económica para América Latina, CEPAL (Santiago de Chile), Decembro de 2013. Ver en: http://www.cepal.org/publicaciones/xml/2/51822/BalancePrelim...

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais