Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Sermos Galiza 24 de Xuño de 2019 Ríos

O argumento irlandés no discurso de Plácido Castro

img_20190621_123920.jpg

A exposición que estes días pódese visitar en Vilagarcía de Arousa a propósito da Irlanda de Plácido Castro brinda unha oportunidade excelente para considerar a forza do poderoso argumento irlandés no seu discurso e imaxinario intelectual.

Das crónicas da viaxe que realizou a terras irlandesas en 1928 dedúcese con fundamento que Plácido sentía unha enorme simpatía por Irlanda, a “irmá celta asoballada”, tanto no plano erudito (con especial mención do afán celtista) como estético (dende a arte, o teatro ou a poesía, naturalmente). Gráfico é o seu esforzo por trasladar a un pentagrama as melodías cantadas polos habitantes das illas Blasket, hoxe referencia mítica da sociedade irlandesa.

Plácido emocionábase con Irlanda e acompañou de perto a construción do novo Estado, sempre con xuízos asisados, cheos de matices, sinalando a complexidade que rodeou aquel proceso, tan interesante por outra banda para unha Galicia onde el adiviñaba moitas semellanzas (a pobreza, a emigración, a significación da cultura antiga, a política británica como calco en tantos aspectos da política centralista española…)

O estudo e coñecemento de Irlanda axudoulle enormemente a conformar o seu pensamento político a prol do rexurdimento galego. Tiña en Irlanda Plácido ao seu dispor todo un viveiro de experiencias nos mais diversos temas (as dicotomías cidade-aldea, ou agricultura-industria, a lingua e o seu futuro, a política de alianzas…) que proporcionaban argumentos de peso para tomar posición ante os grandes dilemas do galeguismo nos anos trinta do pasado século. As súas reflexións recollidas no Pueblo Gallego, A Nosa Terra, e outras publicacións revélannos esa creación de discurso político galeguista a partir daquela vivencia. Paga a pena reler o volume “Irlanda en Plácido Castro” que o IGADI publicou en 2011 pois fai un inventario moi representativo desa sensibilidade.

Irlanda non só inzou a Plácido de razóns para desmontar punto por punto os argumentos contra as reivindicacións autonomistas dos galeguistas na época senón que influíu sobranceiramente na súa concepción da política exterior que reclamaba para Galicia, outro dos epítomes dun pensamento que o distingue entre os seus coetáneos, mesmo respecto a aqueles que compartían con el esa vocación universalista.

E tamén Irlanda está no cerne desa actividade e compromiso cultural que pasada a guerra civil inspirou e convocou grande parte das súas inquedanzas, esas traducións de poetas irlandeses que Laura Linares compilou no volume “Verbas Atlánticas”, con inéditos incluso procedentes do gaélico antigo.

Temos en Plácido e nesa devoción por Irlanda unha referencia indiscutible para profundar as relacións entre as nosas sociedades e culturas. Así o considera tamén a embaixadora Síle Maguire que nos acompañou días atrás en Vilagarcía. Na estratexia galega de acción exterior aprobada pola Xunta, contémplase Irlanda como país obxectivo no eido cultural, especialmente atendendo ao feito musical. Pero Irlanda pode representar moito máis para Galicia se somos quen de reler e actualizar a sabia prédica dos que nos precederon. E aí non pode faltar o discurso de Plácido Castro.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais