Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 27 de Xullo de 2017 VV.AA.

Novos rumbos na relación entre México e China

Unha análise de Miguel Ángel Martínez Pellitero, estudante en prácticas do Máster en Economía internacional e desenvolvemento da Universidade Complutense de Madrid
Reunión entre os presidentes Peña Nieto e Xi Jinping durante o Cumio do G20 en Hangzhou (China) en 2016. Foto: Xinhua NewsFonte: Elaboración propia a partir de datos do INEGI

Tras mais de catro décadas de relacións oficiais entre México e China parece que por fin estamos asistindo ao despegue deste binomio. A pesar de que historicamente non teñen sido dúas nacións con grandes vínculos, a partir da entrada do xigante asiático na Organización Mundial do Comercio (OMC) en decembro de 2001 as necesidades propias do sistema capitalista de penetrar novos mercados e atopar novos espazos de rendibilidade comezaron a sobrepoñerse ás afinidades políticas ou intereses persoais que puideran entorpecer estes lazos, comezando un lento proceso de achegamento que semella que proximamente pode acadar un nivel ata o de agora descoñecido.

Coa saída da residencia de “Los Pinos” do ex presidente Felipe Calderón a finais de 2012, as relacións entre México e China acadaron un dos puntos máis complicados da historia recente. A partir dunha serie de conflitos de interese(1) e pouca vontade por ambas partes de mellorar estas relacións provocaron que, a pesar de que efectivamente houbese un incremento das relacións comerciais entre as empresas de ambos países, non existise ningún tipo de estratexia a medio ou longo prazo para, por unha banda, afianzar estas relacións e, pola outra, formular un plan que albiscase un horizonte que na xerga actual poderíamos definir como “unha relación de win-win”.

Sen embargo, durante o sexenio en curso do actual presidente Enrique Peña Nieto, estanse dando os pasos necesarios para reverter esta difícil situación que non parece beneficiar a ninguén. Nos dous primeiros anos de mandatos dos presidentes Peña Nieto e Xi Jinping (2013 e 2014), ámbolos dous reuníronse ata en tres ocasións, sentando as bases sobre o que se construirían as relacións entre China e México nos anos seguintes. Isto foi posible grazas á institucionalización destas relacións por medio da creación de dous Grupos de Alto Nivel (un empresarial e outro sobre inversións), impulsados a partir de 2013.

Ademais, téñense producido varias reunións oficiais entre ambos no marco dos cumios do G20 realizados nos últimos anos, mantendo así una constante interlocución ao máis alto nivel que, se ben non é a vía principal de avance, ofrece ao resto de actores unha serie de garantías e amosa unha vontade por ambas partes de continuar con este achegamento.

Por outra banda, dende as institucións mexicanas, nos últimos anos estase estimulando a produción académica(2) que fomente unha reflexión profunda sobre o pasado destas relacións. A súa vez que estimule propostas baseadas tanto por especialistas do proceso sino-mexicano como por académicos recoñecidos no estudo de outras experiencias similares e poidan, dende a experiencia, aportar ideas e camiños alternativos que senón serían esquecidos polas autoridades encargadas.

Pasando xa a facer unha radiografía económica da situación, China na actualidade é o segundo socio comercial de México. Tras experimentar un forte crecemento dende o ano 2007, acumula xa máis do 10% do comercio total do país co estranxeiro e suma un total de aproximadamente 75.000 millóns de dólares entre exportacións e importacións no último ano. Sen embargo, trátase dun intercambio extremadamente desigual.

As importacións procedentes da China no ano pasado foron case 13 veces máis que os produtos mexicanos vendidos no país asiático, xerando unha balanza comercial desorbitadamente deficitaria. E a pesar de que a maioría dos bens importados son categorizados como bens intermedios(3) (isto é, bens que unha vez chegados ao país, sofren algún tipo de transformación antes de ser vendidos) e por tanto, poden ser despois exportados a outros países que non sexa China, reflexa unha enorme debilidade das empresas mexicanas para penetrar o mercado chinés.

Por outra banda, a inversión china en México (IED) ten sido case irrisoria nos últimos anos(4).  Segundo cifras oficiais da administración mexicana, apenas representou o 0,1% da IED total chegada ao país entre os anos 2013 e 2015. Mentres que outros países latinoamericanos como Arxentina ou Brasil si acadaron unha chegada real de fluxos de capital chineses, México nin sequera representou o 1% da inversión chinesa chegada a América Latina e o Caribe entre os anos 2000 e 2014.

Resumindo as principais liñas que suxiren os especialistas consultados no informe conxunto do Cechimex e a Cámara de Comercio de México en China(5) poderíamos identificar os seguintes puntos como as vías nas que traballar para seguir avanzando:

-          Consolidación da institucionalización das relacións que ofrezan un soporte material e físico ao proceso, implicando máis institucións –e de canto máis alto rango, mellor- e organizacións por ambas partes. Así como unha plan estratéxico a longo prazo que marque a ruta pola que decorran os seguintes pasos.

-          Participación da diplomacia mexicana en diferentes conflitos que involucren a China e poidan repercutir positivamente na visión sobre as boas intencións de México.

-          Fomentar as relacións comerciais –incluso asinar unha sorte de tratado comercial do que China xa amosou o seu interese- que ofreza certas vantaxes e privilexios a ambos países. Por unha banda, que permita a empresas mexicanas penetrar o mercado chinés en sectores nos que existe un potencial latente (produtos agroalimentarios principalmente). E por outra, que se conceda a seguridade necesaria ás empresas chinesas para que se decidan a investir realmente no país (en sectores como o enerxético ou as telecomunicacións), xerando unha serie de beneficios necesarios, especialmente unha transferencia tecnolóxica á que México non ten acceso por si mesmo.

-          Aproveitar oportunidades como o turismo (China xa é o país que máis turismo ‘exporta’ nos últimos anos e México é unha potencia mundial) ou mesmo o fútbol (gran tradición e cultura futbolística en México mentres en China se planifica a apertura de 20.000 academias de fútbol e a súa implantación obrigatoria nos colexios) que son desaproveitadas actualmente.

-          Non esquecer o establecemento dun marco normativo e lexislativo que regule, especialmente no campo ambiental, a instalación de empresas chinesas en México.

 

As palabras do propio embaixador chino en México, Qui Xiaoqi, realizadas recentemente, reflicten dun xeito bastante acertado cal é a situación actual e cara onde se dirixe:“A lo largo de estos años hemos avanzado mucho, hemos logrado muchos frutos concretos en cooperación entre estos dos países que ha sido palpable con excelentes convenios económicos, tecnológicos y culturales. Pero aún queda trabajo por hacer”(6).

 

Miguel Ángel Martínez Pellitero

é estudante en prácticas no IGADI. Graduado en ADE pola Universidade de Vigo, actualmente é estudante do Máster en Economía Internacional e Desenvolvemento na Universidade Complutense de Madrid.

 

 



(1)  Aquí poderíamos incluír dende as esaxeradas medidas tomadas polo goberno chinés aos cidadáns mexicanos durante a crise de gripe A en 2009, ata o polémico encontro entre o presidente Calderón e o Dalai Lama en setembro de 2011

(2) Neste apartado temos que destacar a produción do Centro de Estudios China-México (Cechimex) adscrito á Facultade de Economía da Universidade Autónoma de México (UNAM), así como ao seu director e coordinador de diferentes documentos  Enrique  Dussel Peters como: “La relación México-China: Desempeño y propuestas para 2016-2018” ou “40 años de la relación entre México y China: acuerdos, desencuentros y futuro”

(3) Diferentes especialistas dos dous estudos da UNAM citados enriba calculan que máis dun 80% das importacións correspóndense a bens de capital ou, principalmente, bens intermedios.

(4) Segundo a ‘China Global Investment Tracker’,  apenas un 0,2% da Inversión total de China no estranxeiro entre 2013 e 2015 foi destinada a México.

(5) O xa citado “La relación México-China. Desempeño y propuestas para 2016-2018” (2016) coordinado por Enrique Dussel Peters.

(6) Declaracións formuladas durante o Foro México-China, xullo de 2017. Fonte: UNOtv: http://www.unotv.com/noticias/portal/negocios/detalle/relacinchina-mxicoestensumejormomentoquixiaoqi-662608/

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais