Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 1 de Abril de 2016 Ríos

Nova etapa Cuba-UE

santiago_de_cuba_054.jpg

Despois de dúas décadas de distanciamento, Cuba e a UE concluíron as negociacións para un Acordo Marco que normalizará e relanzará as relacións bilaterais. Atrás queda a “Posición Común” alentada polo ex presidente José María Aznar en 1996, en plena aureola de aliñamento con EUA, nun intento baldío de illar a Cuba do resto do mundo ao condicionar a cooperación aos avances en materia de dereitos humanos (¿facemos o propio con Arabia Saudita?). A proposta de Aznar rubricaba en solo europeo o mesmo ton da Lei Helms-Burton promulgada en Washington, configurando unha dobre tenace para intensificar o bloqueo asfixiando a La Habana, a partires de entón sen diálogo político nin coa UE nin, por suposto, con EUA.

Pese a todo, Cuba foi quen de ir erosionando pouco a pouco e país por país ese van intento. A día de hoxe, antes desta normalización, o conxunto de estados europeos ocupa o segundo posto entre os que manteñen relacións económicas coa illa, despois de Venezuela. O comercio bilateral roldaría o 22 por cento dos intercambios totais da illa. Desde 2008, La Habana subscribiu convenios con 19 países da UE que abriron camiño á expansión da colaboración bilateral.

Paradoxalmente, fronte ás posicións políticas de signo mais conservador, o pragmatismo empresarial de moitos e grandes consorcios foi quen de promover os investimentos, incluso de España, en diferentes esferas da economía cubana. Basta recoñecerse no turismo. A etapa que agora se abre pecha dous anos de conversas cando en abril de 2014, Cuba e a UE iniciaron o diálogo

O fin da Posición Común é unha derrota para aquela España, hoxe fora de xogo na normalización do diálogo político e a cooperación bilateral entre Cuba e a UE. A voz de La Habana no vello continente pasa por París e outras capitais, non por Madrid. Federica Mogherini, responsable da política exterior europea, levará o asunto ao Consello Europeo. Bruxelas non quer ficar atrás nun escenario onde EUA entra de novo como forte contendente nos vínculos comerciais con Cuba, como tamén países asiáticos ou o resto de Latinoamérica.

O porto de Mariel, con mais potencial aínda que atractivo efectivo para os investidores, vai camiño de se converter nun punto de recalo para Europa, Asia e o continente americano. Coa expansión do canal de Panamá e a construción do de Nicaragua, o tránsito interoceánico recibirá un notable impulso que situará novamente a Cuba como a chave do Golfo, como xa fora cualificada no século XX á vista da súa envexable posición xeográfica.

Neste contexto non son doadas de entender as críticas de “deslealdade” dirixidas ao ex presidente Zapatero cando en febreiro de 2015 reuniuse con Raúl Castro. Foi aquela unha oportunidade perdida para recuperar algo do moito terreo perdido. Outra torpeza mais da desconcertante diplomacia española dos últimos anos. Remediárano as empresas? 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais