Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 11 de Outubro de 2018 Mansilla Blanco

Non é Trump. É Putin

Reflexións sobre a natureza da actual “reacción neoconservadora” global
Trump e Putin durante o seu cumio en Helsinki a mediados de 2018. Foto: Axencia Xinhua

A radical reacción conservadora a nivel mundial, manifestada politicamente a través do actual ciclo electoral, implicaría o renacer dun populismo de dereitas cuxo epicentro comezou fai tempo a irradiarse dende o Kremlin. No poder desde 1999, o presidente ruso Vladimir Putin encarnaría, directa ou indirectamente, o renacer político destes valores conservadores, particularmente contrarios aos recentes avances de políticas progresistas e igualitarias, con expectativas de procrear contrapesos cada vez mais radicais e reaccionarios. Estas expectativas se observan ante o recente ascenso de liderados provistos de características similares como Trump, Orban, Salvini, Duterte, Erdoĝan, Le Pen e Bolsonaro.

Esta perspectiva determina o impulso de certos instrumentos chave para levar a cabo esta axenda “neoconservadora”. Isto implica solapar os cimentos do sistema da democracia liberal representativo cara unha mais “directa e participativa”. Toda vez, busca contrarrestar o peso das políticas progresistas, en particular ante a presunta desarticulación dos denominados “valores tradicionais”.

Imponse así o perfil dun líder forte, decidido e autoritario, provisto dunha linguaxe “politicamente incorrecta”, con certos matices, e a preservación vital de ideas e valores tradicionais en temas sensibles que ten xerado fortes controversias a nivel internacional, como son a familia, a identidade sexual e racial e a relixión.

A nova “revolución rusa”

Con destreza e igualmente considerables doses de pragmatismo, Putin logrou acicalar un novo sistema político en Rusia onde o conservadurismo supón a peza estratéxica de cohesión. Un factor chave é a estratéxica relación entre Putin e a Igrexa Ortodoxa rusa, determinante na lexitimidade social deste sistema “putiniano”. Por tanto, na “era Putin”, o peso da relixión ortodoxa dentro do Estado e da sociedade rusa ven sendo cada vez mais preponderante.

A defensa de Putin dos valores tradicionais (familia, patria, relixión, sexo) corre paralelo co seu rexeite dun sistema liberal que considera obsoleto e aparentemente incapaz de afrontar  os retos sociais da actualidade. Toda vez, interpreta que o liberalismo e a ideoloxía secular son posibles procreadores de inestabilidade moral e caos. Compre observar que esta perspectiva de Putin por liderar unha “revolución conservadora” ben puido verse persuadida para evitar reproducir na Rusia actual os difíciles anos a presidencia do seu antecesor Boris Yeltsin na Rusia post-soviética (1992-1999), no que o país veuse subsumido aos imperativos occidentais.

Por tanto, e tomando en conta a lexitimidade social das súas ideas en Rusia, Putin constrúe un conservadurismo activo coa pretensión de dotarlle dun corpo ideolóxico consistente e resilente, capacitado para “revolucionar” o sistema sociopolítico ruso con expectativas incluso de irradiación exterior. Ampárase por tanto en preservar e actualizar valores tradicionais da cultura rusa, en particular aquela máxima de “autocracia, ortodoxia, nación”(1).

Toda vez, o sistema “putiniano” reforza conceptos tradicionais como o “Estado-nación” e a identidade e a cultura nacional, necesitados de preservar ante “ameazas” a súa civilización provenientes da globalización e das posturas liberais e multiculturais. Estas perspectivas “putinianas” igualmente tiveron a súa irradiación noutras latitudes(2).

Putin recea igualmente da separación e do equilibrio de poderes, pedra angular das democracias liberais, a favor dun sistema “semi-autoritario” pero electoralmente competitivo (“iliberal”)(3), con contrapesos democráticos limitados e “domesticados”. Este sistema lexitima a perspectiva de fortalecer outro dos temas preferidos deste tipo de liderados “neocon”: a seguridade nacional, particularmente como motor xeopolítico, e a necesidade de preservación da “civilización” e da cultura propia. Ideas coas que igualmente comulgan outros aliados de Putin como o turco Erdoĝan, o húngaro Orban e o filipino Duterte.

Velaí que a consolidación do seu poder, sustentado igualmente en elevadas doses de popularidade e de lexitimidade social, así como o visible retorno de Rusia como potencia global, particularmente como contrapeso hexemónico de EUA e do Occidente “liberal”, fixeron de Putin non só un líder planetario de considerable influencia senón nunha especie de referente deste renacer “neoconservador”. Este renacer vese configurado actualmente a través da tramitación de diversos liderados de corte populista de dereitas a nivel internacional.

De Bolsonaro a Salvini

Por tanto, o “fenómeno Trump” non é novo, aínda que o mesmo sexa herdeiro dun pensamento tradicional fortemente instalado na cultura política estadounidense. No caso de Trump, tradúcese aquí unha perspectiva “neocon” levemente diferente á exposta por Bush durante a súa presidencia (2001-2009). Neste sentido, e a través do labor do seu ideólogo e ex asesor presidencial Stephen Bannon, creador do movemento “Alt-Right” en EUA, esta corrente busca expandir o seu movemento, particularmente en Europa a través das recentes alianzas coa francesa Le Pen e o italiano Salvini.

O último exemplo desta produción de liderados “neocon” de corte populista de dereitas, con carácter mais demagogo, é o candidato presidencial brasileiro Jair Messias Bolsonaro, cuxo tectónico impacto na política brasileira xa se evidenciou co seu avance na primeira volta presidencial (07/10/2018), alcanzando o 46% dos votos.

Alén das súas controvertidas declaracións, é palpable no discurso político de Bolsonaro a importancia que ten a familia e valores tradicionais como a patria e a relixión na configuración deste programa de “renacemento neoconservador”, particularmente tras mais dunha década de gobernos do Partido dos Traballadores (PT) en Brasil.

Unha constante das súas mensaxes son as referencias relixiosas e a Deus, balanceando  posicións ultracatólicas co apoio a súa candidatura por parte dos poderosos movementos evanxélicos. En 2017, perfilando xa a súa candidatura presidencial, Bolsonaro declarou que “Deus por riba de todo. Non quero iso de estado laico. O estado é cristiá e a minoría que estea en contra, que se vaxa”. Como Trump, Bolsonaro desestima igualmente organismos como a ONU, toda vez as súas posicións poden achegalo ao seus homólogos Le Pen e Salvini co respecto á Unión Europea.

En perspectiva, o efecto reaccionario destes liderados enfócanse en contrarrestar e potencialmente desarticular e suprimir, os cambios sociais progresistas que a nivel global vense experimentando nas derradeiras décadas. Un péndulo constante que confirma como a aparición de procesos “revolucionarios”, de ciclos e de liderados “antisistema” dan paso case automaticamente a efectos reaccionarios de corte radical impulsados desde o establishment existente, a fin de preservar o “status quo”(4).

Este pulso reaccionario é visible na súa negativa á consolidación do laicismo, dos recentes avances globais dos movementos feministas, particularmente daqueles considerados como “radicais” (Putin dixit), do movemento LGTB, da preponderancia na opinión pública dunha especie de “intelectualidade progresista e de esquerdas”, do peso do denominado “relativismo moral” presuntamente herdeiro do Maio 1968 (Nicolás Sarkozy dixit), da “post-modernidade”, a “post-verdade” e dos “fake news” e da inevitable guerra propagandística actualmente existente.

Con todo a sintonía e a similitude de perspectivas políticas e expectativas existentes entre eles, non é exactamente perceptible a procreación dunha especie de “internacional populista neoconservadora”, aínda que os esforzos semellan encamiñarse a formalizar alianzas estratéxicas determinadas.

Por tomar algúns casos, non son exactamente compatibles (aínda que isto non signifique a posibilidade de establecer marcos de sintonía) algúns liderados conservadores actualmente no poder, como son os casos do arxentino Maurico Macri, o chileno Sebastián Piñera, o francés Emmanuel Macron e o colombiano Iván Duque, todos eles representantes da dereita tradicional, con aqueles liderados “populistas autoritarios” tan en boga na actualidade, en particular o húngaro Viktor Orban, o turco Recep Tayyip Erdoĝan, o italiano Matteo Salvini, a francesa Marine Le Pen, o presidente filipino Rodrigo Duterte e o partido polaco ultracatólico e conservador Lei e Xustiza.

No caso europeo, un momento electoral chave para observar os alcances desta vaga reaccionaria radical serán os comicios parlamentarios de maio de 2019, onde as expectativas de alianzas destes líderes (Le Pen e Salvini) poden cobrar forma. Temas como o euroescepticismo e o “antieuropeísmo” (co Brexit como metáfora) e a inmigración calibrarán o peso e a influencia que estes liderados e movementos poden acadar dentro do escenario político a través dos próximos comicios.

Está por ver se esta vaga de reacción populista “neoconservadora” veu para quedarse ou se mais ben será determinada por factores circunstanciais. En todo caso, é notorio considerar que, desta vez, esta reacción conservadora non tivo o seu radio pioneiro de expansión en Occidente senón mais ben dende o Leste, nunha Rusia que con Putin busca tamén o seu espazo de expresión.

 

 



(1) Esta máxima cobrou forza dentro da cultura popular rusa a partir do século XVIII, en clara contraposición polos gustos europeos e occidentais da aristocracia e da intelectualidade rusas. Estes principios de “autocracia” (particularmente do incontestable poder do zarismo), “ortodoxia” (da preservación da herdanza cristiá bizantina) e de “nación” (como corpo indivisible dentro do imperio) configuraron un pensamento propio que influíu no nacemento do nacionalismo ruso.

(2) Como é o caso do “chavismo” e da “revolución bolivariana” de Hugo Chávez en Venezuela a partir de 1999. Existe unha perspectiva de coincidencia neste caso, xa que Chávez e Putin chegan ao poder o mesmo ano (1999) no que expándense con forza os movementos antiglobalización. Non obstante, se ben Chávez encarnou esta reacción á globalización neoliberal “dende á esquerda”, Putin fíxoo pero dende a perspectiva conservadora, criticando o establishment e o sistema predominante pero sen necesariamente desestimar as perspectivas que se presentaban para Rusia á hora de inserirse con forza no sistema da globalización.

(3) En referencia aos conceptos de “democracia iliberal” e de “autoritarismo competitivo” expostos con anterioridade por analistas e investigadores como Fareed Zakaria (1998) e Marina Ottaway (2004).

(4) Unha reflexión importante sobre este proceso pendular de “acción-reacción” entre movementos revolucionarios “antisistema” (Maio 1968, “zapatismo” en 1994, loita antiglobalización en 1999, ascenso político e electoral das esquerdas en América Latina a partir de 2000) e a consecuente reacción radical conservador (“thatcherismo” e “reaganismo” na década de 1980, George W. Bush e os “neocons” en 2001, Trump en 2016) pode observarse no excelente ensaio do profesor Joaquín Estefanía, Revoluciones. Cincuenta años de rebeldía (1968-2018), Galaxia Gutenberg, 2018.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais