Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Praza Pública (Galicia) 7 de Xuño de 2017 Mansilla Blanco

Non é Qatar. É Irán

Donald Trump durante a súa visita a Arabia Saudita. Fonte: ABC

A inesperada e ata surrealista crise diplomática con Qatar liderada por Arabia Saudita non deixa de ser un acto significativo sobre os intensos pulsos xeopolíticos que están transformando o mapa de Oriente Próximo. A chave do mesmo non é illar a Qatar senón a Irán, o verdadeiro poder emerxente na rexión. Nesta estratexia concordan os intereses de Arabia Saudita, EUA e Israel, moi visibles trala recente xira rexional do presidente Donald Trump. Este triángulo Riad-Washington-Tel Aviv, fortalecido polos recentes acordos militares de Trump co reino saudita, interpreta o revival da doutrina “neocon” na Casa Branca, cuxo epicentro de orientación está enfocado en conter o crecente peso xeopolítico iraniano.

Non é, por tanto, casualidade que esta crise diplomática con Qatar véxase contextualizada con dous acontecementos igualmente inesperados. O primeiro, os estraños atentados terroristas acaecidos en Teherán (7 de xuño) contra o Parlamento e o mausoleo do aiatolá Ruhollah Jomeini. Un comunicado do Estado Islámico reivindicou este atentado.

O segundo suceso ten que ver coa posta en marcha da operación militar en Raqqa (Siria), capital de feito e principal reduto do Estado Islámico, por parte das Forzas da Siria Democrática (FSD), unha alianza de circunstancias formadas por milicias kurdas y árabes co apoio da coalición internacional.

Con todo, unha serie de perspectivas de carácter xeopolítico gravitan na súbita suspensión de relacións diplomáticas con Qatar do pasado 5 de xuño. Liderados por Arabia Saudita, a suspensión de relacións diplomáticas por parte doutros aliados sauditas como Emiratos Árabes Unidos, Exipto e Bahréin, propiciou un inédito peche das súas fronteiras terrestres con Qatar, así como do espazo aéreo e marítimo. A suspensión de relacións diplomáticas con Qatar ampliouse por parte doutros países como Libia, Maldivas e Iemen, todos eles baixo o radio de influencia xeopolítica e económica saudita.

Con isto se tramita a crise política mais grave existente no seo do Consello de Cooperación do Golfo Pérsico (CCGP). A mesma reproduce a iniciativa saudita de illar ao seu sempiterno rival iraniano a través dun flanco colateral como é o caso qatarí. Con isto, Riad reforza a súa iniciativa de romper relacións diplomáticas con Teherán, acaecido en xaneiro de 2016.

A “Doutrina Trump”

Pero a peor crise política contemporánea no estratéxico Golfo Pérsico traduce outras variables. No transfondo está establecido un sórdido pulso de intereses xeopolíticos que ben puidera ilustrar unha alianza in crescendo entre Arabia Saudita, EUA e Israel, co foco na contención de Irán.

Compre por tanto observar cales foron as razóns aparentes desta inesperada crise diplomática. A recente visita de Trump a Arabia Saudita e Israel levou unha mensaxe contundente: a necesidade de illar a Irán e acabar con aquelas “ideoloxías radicais” como o xihadismo salafista, tal e como expresou o propio Trump.

Por tanto, a concreción de intereses confirmouse unha vez se consumara a ruptura diplomática con Qatar. O propio Trump suxeriu a través de Twitter que esta crise ben podería ter sido provocada pola súa “liña dura” contra esas “ideoloxías radicais”. E así, o epicentro da atención enfocouse en Qatar.

Resulta, por tanto, sumamente curioso o leitmotiv saudita. Tanto como a propia Arabia Saudita e Paquistán, Qatar ten sido acusado de financiar e de protexer a organizacións consideradas terroristas, en especial o Estado Islámico e Al Qaeda, pero tamén a movementos islamitas como a exipcia Irmandade Musulmá, o libanés Hizbulah e o palestino Hamas. De feito, unha vez se certificara o illamento israelí do territorio palestino de Gaza, a oficina central de Hamas trasladouse a Doha, capital qatarí. Isto propiciou o recente e histórico anuncio de Hamas de recoñecer as fronteiras palestinas de 1967(1).

Por tanto, e sinalado constantemente como berce do xihadismo salafista, Arabia Saudita, coa anuencia de EUA e de Israel, ben puidera calcular un contexto favorable para redimir a súa culpabilidade enfocando en Qatar o epicentro do terrorismo islamita.

A importancia estratéxica que ten Arabia Saudita, así como de Paquistán, para os intereses occidentais, precisaría dunha coartada perfecta para erradicar calquera implicación destes aliados na creación do terrorismo xihadista. E Qatar, outro benefactor destas “ideoloxías radicais”, facilitaba esa coartada. Unha visión que confirma a dobre vara de medir que mantén Washington co respecto á estratexia antiterrorista internacional.

Os intereses xeopolíticos reforzan estas expectativas sauditas. Nos derradeiros anos, Qatar viña impulsando unha política exterior autónoma que irritaba a Arabia Saudita. O emirato rico en gas natural será a sede do Mundial de fútbol 2022, evento no que agarda impulsar as súas aspiracións globais a través de millonarios investimentos en infraestruturas. Ambicións que, a través do fútbol, tamén están presentes no corazón occidental: a familia real qatarí tamén é propietaria de clubs como o millonario París Saint Germain.

Paralelamente, Qatar achegouse a Irán, EUA (base militar do Comando Central no Golfo Pérsico) e Rusia. En 2016, o fondo de riqueza soberana de Qatar acordou investir uns US$ 2.700 millóns en Rosneft Oil Co. PJSC, empresa estatal petroleira rusa(2).

Os intereses da Casa de Saud

Así, os resortes da actual crise confirmarían unha serie de pulsos baixo a mesa, onde a diplomacia saudita levaría a batuta. Arabia Saudita exerce unha influencia practicamente incontestable no CCGP, un organismo rexional mais ben orientado a fortalecer os imperativos de seguridade sauditas e estadounidenses contra Irán.

Isto lle permite a Riad ampliar o seu radio de actuación cara aliados enerxéticos como Emiratos Árabes Unidos e Kuwait, así como na intervención en zonas potencialmente conflitivas coo Iemen e Bahréin, onde Riad e Teherán manteñen unha forte confrontación.

Por tanto, Riad impulsa a través da crise con Qatar un pulso xeopolítico para afastar a Irán dese radio de influencia no Golfo Pérsico. Tomando en conta que Qatar semellaba converterse nun súbito socio iraniano, este contexto espallaba a preocupación xeopolítica rexional, principalmente para EUA e Israel, este último o outro actor colateral con intereses nese crise diplomática.

O apoio qatarí a Hizbulá e Hamas supón un incordio para os intereses israelís. Do mesmo xeito, a influencia de Qatar sobre a Irmandade Musulmá irritaba ao réxime militarista de Fatah al Sissi en Exipto. O movemento islamita, reprimido e acosado, é considerado como o principal inimigo político para al Sissi.

A implicación libia nesta crise débese principalmente á presión saudita e de Emiratos Árabes, que teñen grandes investimentos enerxéticos e económicos en Libia. Mesma perspectiva para a aceptación de Maldivas e de Iemen de suspender as súas relacións con Qatar.

No caso de Maldivas, localizada no Océano Índico, existen grandes investimentos sauditas e dos Emiratos Árabes. Toda vez a guerra civil que existe en Iemen corresponde a un pulso xeopolítico entre Arabia Saudita e Irán. Teherán apoia ás milicias houthíes que loitan contra o goberno central iemenita, aliado saudita. Un caso similar ao de Bahréin, onde a comunidade xiíta séntese perseguida e reprimida pola preponderancia sunnita aliada aos sauditas.

Outras variables explican a crise cun transfondo enerxético. En 1995 comezou o fluxo exportador de gas natural qatarí dende o maior depósito do mundo: o xacemento marítimo North Field. Este xacemento subministra practicamente todo o gas natural de Qatar, e é precisamente compartido con Irán, retando así a Arabia Saudita(3). Baixo esta perspectiva, o que a actual crise revela son os intentos que desde fai mais de dúas décadas ven tentando realizar Arabia Saudita para illar a un competidor como Qatar.

Non obstante, o que interpreta esta crise é o grao de influencia e de emerxente peso xeopolítico que ten Irán, con quen Qatar ven entendéndose nos derradeiros tempos. Este factor exerce unha correlación de intereses que achega a Arabia Saudita, EUA e Israel. Esta perspectiva consolídase ante os retos que para o eixe Riad-Washington-Tel Aviv contén un eixe euroasiático no que Irán concretaría intereses con outras potencias como Rusia, China e Turquía.

Todo isto gravita e repercute nunha crise diplomática na que Qatar é só unha escusa oportuna. E acicala unha incipiente “Doutrina Trump” orientada a recuperar a ideoloxía “neo-conservadora” instalada no Pentágono, e fortalecida pola revitalización da alianza estratéxica con Israel e Arabia Saudita.

O obxectivo desta estratexia é a contención, con visos de desestabilización, de Irán e da súa contorna xeopolítica, con particular incidencia no presumible eixe euroasiático. Un feito simbólico que acontece cincuenta anos despois da guerra de 1967 que transfigurou o mapa xeopolítico de Oriente Próximo. A actual crise do Golfo Pérsico tentaría configurar unha nova cartografía xeopolítica rexional.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais