Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Outubro de 2015 VV.AA.

Nacionalismo sen violencia: expectativas electorais en Córsega

Unha análise de Daniel Arias (estudante en prácticas da USC)
cuandixia_002.jpg

Apenas un ano despois do anuncio de desarme por parte da organización terrorista do Fronte de Liberación Nacional de Córsega (FLNC), a illa enfronta unhas eleccións por primeira vez coa ausencia da violencia armada no seu territorio. Este feito crea unha incógnita sobre a resposta que terá nas urnas o nacionalismo corso.

Historicamente, o nacionalismo corso sempre se viu envolto en certa controversia debido á influencia do terrorismo. O primeiro partido considerado como nacionalista de Córsega naceu no ano 1922, o Partido Corso de Acción, inspirado en gran medida no Partido Sardo de Acción, o cal a día de hoxe aínda se mantén activo na illa veciña. Esta formación naceu cunha base ideolóxica débil xa que existían moitas discrepancias sobre os obxectivos a seguir polo partido. Unha parte prefería seguir unha liña máis autonomista dentro de Francia no estilo dos partidos nacionalistas de Alsacia e Bretaña, e outros unha liña cun carácter independentista. Ese mesmo ano, o partido cambiou de denominación a Partido Corso Autonomista (PCA) efectuando un xiro claro cara o independentismo. Este reivindicaba un nacionalismo étnico baseado no pasado glorioso de Córsega ademais dunha lingua e raza propias.

Poucos anos despois, o partido viuse inmerso en diversas liortas polos diversos infiltrados financiados por Mussolini. Finalmente, o ditador italiano procedeu ao reclamo da illa co apoio do PCA. A illa sería finalmente tomada polos italianos no ano 1942, xa inmersos na Segunda Guerra mundial.

Unha vez rematado o conflito bélico e reincorporada novamente á soberanía francesa, o nacionalismo corso, por mor do anterior apoio a Mussolini, viuse estigmatizado como pro fascista por varias décadas, o cal prexudicou dun xeito severo tanto as súas reivindicacións como o movemento en si mesmo. Non foi ata mediados dos anos 60 cando comezaría a reaparecer progresivamente dende movementos agrarios e estudantís o xerme da defensa dos dereitos e singularidades da nación corsa. Diversos partidos foron xurdindo nos últimos anos da década dos 60 e principios dos 70, os cales “radicalizaban” cada vez mais o seu discurso creando certo clima de aversión de cara a Francia e a cultura francesa, identificándoos con asiduidade como “inimigos do pobo corso e dos seus intereses”. Un dos partidos mais representativos deste época foi a Acción Rexionalista Corsa (ARC), dirixida polos irmáns Simeoni, que reclamaban máis autonomía na xestión de recursos.

O 4 de maio de 1974 fúndase a Fronte di Liberazione Naziunale Corsu (FLNC), da unión dos dous grupos terroristas existentes na illa, o FPCL (Fronte Paesanu Corsu di Liberazione) e o GP  (Ghjustizia Paolina). O nacemento desta organización terrorista suporía o comezo dunha das épocas máis convulsas e violentas na historia da illa. Este grupo reivindicaba a independencia total e o traspaso dos complexos turísticos a mans exclusivamente corsas a través da “propaganda armada” e o financiamento da súa causa por medio do imposto revolucionario.

As autoridades e os grupos parapoliciais comezaron a perseguir e deter os membros do FLNC. Diversos militantes foron xulgados e encarcerados. Pero as detencións non facían diminuír o ritmo dos ataques terroristas, que se saldaron con numerosos mortos e feridos durante os últimos anos da década dos 70 e principios dos 80. Estes feitos sumiron a illa nun auténtico caos.

Mentres tanto, no ámbito político, no ano 1977 fúndase a Unión do Pobo Corso (UPC), de carácter autonomista, e o Sindicato de Traballadores Corso (STC), que medraría en forza nos anos posteriores. Ademais, tamén se procedeu á reapertura da Universidade de Córsega, unha das reclamacións históricas mais importantes do nacionalismo. Paralelamente, o terrorismo comezaría a integrarse na vida política da illa mediante a creación de diversos movementos como a Cuncolta Naziunalista (ACN)  e o Movemento pola Autodeterminación (MPA).

Coa vitoria do socialista F. Mitterrand en París no ano 1981, comezaría unha época de certo autogoberno co establecemento do primeiro Estatuto de Autonomía de Córsega, dotado de máis competencias que calquera outra rexión francesa. Este estatuto dotaba ao territorio corso, por primeira vez, dunha cámara de representantes propia, a Asemblea Rexional, con diversas competencias administrativas e fiscais. Por outra banda, no texto recoñécese, se ben de maneira tímida, a singularidade do pobo corso. As reticencias do parlamento galo impediron recoller a cooficialidade do idioma corso co francés.

Nas eleccións celebradas durante os anos 80, os partidos nacionalistas corsos comezarían a introducirse na Asemblea Rexional de maneira progresiva alcanzando o seu primeiro gran éxito electoral no ano 1992, obtendo 13 escanos (9 de Corsica Nazione e 4 de do MPA).

En 1999 comeza o chamado Proceso de Matignon que consistiu nunha serie de reunións lideradas polo primeiro ministro socialista Lionel Jospin con diferentes líderes políticos corsos para buscar unha solución ao problema do terrorismo. Como resultado, o FLNC anunciou unha tregua que podería chegar a ser definitiva se se aceptaban algunhas esixencias. Finalmente, o parlamento francés concedeulle novas competencias fiscais e lexislativas e consentiu a introdución do idioma corso no ensino infantil e na primaria.

Nas eleccións do ano 2004, o nacionalismo obtivo 8 escanos, da man da coalición Unione Naziunalista (na cal atopamos a Corsica Nazione). Finalmente, nas últimas eleccións do ano 2010 houbo un novo impulso do nacionalismo corso, que obtivo un total de 15 representantes na Asemblea Rexional (11 da coalición autonomista Femu Corsica e 4 de Corsica Libera, independentista).

O actual é quizais un dos períodos mais sosegados da convulsa historia recente de Córsega. A estabilidade e as novas tendencias en Europa cara a fragmentación do voto fan que as eleccións rexionais francesas en Córsega sexan unha incógnita. Continuará a tendencia a alza dos partidos nacionalistas corsos?

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais