Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
11 de Setembro de 2018 González Francisco

Nacionalismo e liderado rexional nas antigas repúblicas soviéticas de Asia Central

-

O 18 de agosto de 1991 o “Comité Estatal para o Estado de Emerxencia”, nun intento de golpe de estado, preséntase ante a cidadanía soviética coa intención de manter o modelo estatal que estivera vixente durante toda a historia da Unión Soviética. A deriva política que estaba tomando a URSS non convencía a certo sector do Partido Comunista (PCUS).

Este “Comité” foi creado por oito altos cargos do Politburó que anteriormente estiveran na órbita de Gorbachov, e ata foran promocionados polo propio Secretario Xeral do PCUS.[1].

A “Declaración de Liderado Soviético” feita por este grupo era unha rectificación das políticas que se estableceran baixo o mandato de Gorbachov (Perestroika e Glasnost), e tamén eran unha reprobación á presidencia de Boris Yeltsin. A denominada “liña dura” do PCUS, responsable desta declaración, foi derrotada poucos días despois e con eles a supervivencia da Unión. Os presidentes de Asia Central “estiveran ao fronte dos partidarios da liña dura, pedindo que se mantivese unha postura firme aínda que a Unión Soviética se disolvera[2]

A parte occidental de URSS iniciaba o seu camiño formal cara a independencia no mes de decembro dese mesmo ano, cando as Altas Partes Contratantes e os Estados Fundadores da Unión Soviética: Rusia, Belarús e Ucraína  declararon a fin  da Unión e a Creación da Comunidade de Estados Independentes (CEI) durante a xornada do 8 de decembro de 1991. Só catro días despois, o 12 de decembro de 1991, ten lugar unha reunión en Asjabat á que asisten todos os presidentes centroasiáticos –Islam Karimov, de Uzbekistán, Nursultan Nazarbayen de Cazaquistán, Saparmurad Niyazov de Turkmenistán, Askar Akayev de Kirguistán e Rajmon Navbiev de Taxikistán—para evaluar a nova situación e anunciar o seu desexo de unirse á CEI, que quedou oficialmente  conformada por once das antigas repúblicas soviéticas mediante o Tratado de Alma-Ata do 21 de decembro de 1991.

Esta secesión nunca fora esixida ó Kremlin por parte das administracións  asiáticas locais. “Coa fragmentación da URSS, cada perplexa república centroasiática viuse abocada a afrontar emerxencias coma a desaparición do Consello de Asistencia Económica Mutua (CAME ou COMECON), a destrución da zona rublo e da economía planificada; a caída abismal do nivel produtivo da economía”[3].

A situación de escaseza de produtos alimenticios, a esixencia rusa para que pagasen as súas altas débedas atrasadas con dólares americanos, a adaptación a unhas fronteiras artificiais e nalgúns casos non ben definidas, os choques interétnicos e a aparición de conflitos armados como a Guerra Civil en Taxikistán e os choques entre kirguises e uzbekos na cidade de Osh foi a situación xeral a que se enfrontaron as novas repúblicas.

As elites das cinco repúblicas foran promocionadas directamente dende Moscova,   moitos deles non eran capaces de falar o propio idioma nacional e baseaban o seu poder local na alianza  con  certos clans poderosos e o amparo do Kremlin. Ademais,  tratábase dunha nova xeración de secretarios xerais que ao seu cargo na década dos oitenta,  Á súa inexperiencia sumábase a falta de consolidación no poder. Tiñan na súa maioría unha visión negativa ante a demanda de maiores liberdades civís e políticas por parte das súas poboacións.

Impúxose dentro dos estados un modelo de nacionalismo denominado “nacionalismo competitivo ou adversario” asociado cun entendemento étnico de la soberanía (…) isto ten as súas raíces no concepto de nacións titulares tal e como se desenvolveran durante a URSS, cando as Repúblicas Autónomas se crearon sobre a base de alegacións de uniformidade étnica”[4]

A independencia trouxo consigo o retorno dun gran número de rusos que volvían ó territorio da Federación Rusa, quedando baleiras un gran número de vacantes estratéxicas na maioría dos sectores da Administración. Tras máis de sete décadas baixo un proceso de sovietización no que gran parte dos postos clave da administración estatal estaban ocupados por rusos étnicos, os funcionarios locais  carecían do coñecemento necesario para dirixir as institucións públicas e enfrontáronse a una gran crise da xestión do Estado.

Os executivos dos novos países independentes tiveron que buscar os seus propios nexos de unión, crear novas identidades  nacionais e exercitar unha cualidade nunca antes desenvolvida como foi a de establecer relacións cunha comunidade internacional da que estiveran afastados. Tamén se abría a disxuntiva de cómo resolver a cuestión relixosa e a vinculación da cidadanía musulmá ca Umma, as propias relacións que se establecerían entre os cinco a nivel rexional e os graves problemas medioambientais que afectaban ao entorno.

A xestión das relacións exteriores dos estados sostívose sobre a base dunha “hiperinstitucionalización, un grado de institucionalización das prácticas da sociedade internacional a un nivel tal que limita a participación dos actores non estatais no “xogo” da sociedade mesma[5].

Aínda que existiron diferenzas nos modelos estatais,  a tendencia seguida polos estados máis proclives a un liderado rexional, Cazaquistán e Uzbekistán foi a predominante: o control dos medios de comunicación e das institucións relixosas sempre vistas con desconfianza polos executivos, o culto á personalidade e a desacreditación do sistema democrático.

 Kirguistán  chegou a ser o estado máis tolerante cá cuestión relixosa e os partidos de oposición. Esta visión menos restritiva das liberdades civís converteuno no estado protagonista dos discursos que as estruturas do poder de Uzbekistán e Kazajistán elaboraron para establecer unha asociación entre os intentos de liberalización dos países e o “bardak” ou caos que se desatou na rexión nos anos 90.

A promoción discursiva dunha versión propia e autóctona do autoritarism conformouse coma o modelo predominante das novas repúblicas.  Os “réximes de certeza” (regimes of certainty) caracterízanse pola promoción da visión dun Estado capitaneado por un líder forte e necesario para garantir a estabilidade e frear a incerteza “mediante o establecemento duns marcos interpretativos que monopolizan a capacidade da poboación para imaxinar as implicacións da transformación social e a liberalización política (…) e  extrapólanse a eventos estranxeiros[6] neste caso empregouse o exemplo de Kirguistán ou Taxikistán e a súa guerra civil, pola proximidade xeográfica e pola probabilidade de que estes eventos foran experimentados tamén polos seus propios cidadáns nacionais.[7]

A través destas  narrativas políticas trátase de impor que a única solución para non volver a unha situación caótica pasa por un modelo estatal onde as elites políticas teñan un gran poder. Este control do aparato do Estado  sería necesario para facer fronte a unha  inestabilidade  real ou hipotética que non ten que desenvolverse necesariamente no interior do territorio nacional e que é exemplarizante para reafirmar nos cidadáns a asociación entre incerteza política e liberalización.

O monopolio do discurso sobre a realidade exterior ten tamén a función de deseñar a  visión  da realidade política a nivel rexional e internacional mediante a creación de potentes “imaxinarios xeopolíticos” cuxa finalidade é a reafirmación da identidade nacional que os executivos deciden, o establecemento do que é propio ou estranxeiro, ou  do que se sitúa dentro ou fóra do territorio nacional.[8] Esta última é unha cuestión de capital importancia nun territorio onde as fronteiras están discutidas e seguen dividindo a grupos étnicos e lingüísticos.

Ademais, tales imaxinarios poden guiar a acción das  masas ou das  estruturas políticas que asimilan a realidade xeográfica como un telón de fondo estático. Esta idea “oficial” do  exterior crease e comunicase  fundamentalmente nos textos de política exterior e discursos oficiais coa función de construír unha preeminencia do poder do emisor na rexión mediante a suma de lealdades (interiores e tamén de grupos étnicos  que habitan  noutros  estados veciños) a una ideoloxía nacional fundamentada nos discursos sobre a xeografía.

Tendo en conta a base multiétnica que caracteriza ás cinco repúblicas non se pretende tanto a adhesión a un estado se non a un sistema ou statu quo, podendo ser este o método para equilibrar o nacionalismo étnico imposto. Pero a “xeografía non é un telón de fondo estático, senón un proceso activo de construción de significados xeográficos e o establecemento de mapas mentais ao largo do tempo[9], a planificación do asentamento destas narrativas nunca é definitiva e as veces pode ser contraproducente. Co paso do tempo a posición dos emisores pode transformarse, e actualmente na zona estanse rexistrando cambios das tendencias políticas.

 En definitiva, a cuestión fronteiriza e xeopolítica da rexión é empregada polos gobernos da zona para reter o control no interior do estado e conformar unha visión da realidade rexional na que se proxectan o seus problemas internos dando lugar a una mestura entre o nacional e o internacional para así conseguir o liderado das súas visións e aspiracións e distraer a atención sobre os problemas internos.



[1]Víd: Afanásiev, Yuri: Mi Rusia Fatal, Anaya, Madrid, 1994.

[2]Rashid, Ahmed: Yihad, el auge del islamismo en Asia Central, Ediciones Península S.A., Barcelona, 2003, p.77

[3] Soto, Augusto: “Reflexiones sobre Rusia y Asia Central: senderos que se cruzan y se bifurcan”, en: Revista CIDOB d´Afers Internacionals, nº 59, 2002, p.126

[4] Costa Buranelli, Filippo: “World society as a shared ethnos and the limits of world society in Central Asia” en: International Politics, Vol. 55, nº1, Enero de 2018

[5] Costa Buranelli, Filippo: op.cit.

[6] Koch, Natalie: “Disorder over the border:spinning the spectre of instability through time and space in Central Asia” en: Central Asia Survey, Vol. 37, nº1, Febrero de 2018, p.

[7] Íbid.

[8]Megoran, Nick: “The Critical Geopolitics of Uzbekistan-Kyrgyzstan Ferghana Valley Boundary Dispute, 1999-2000” en: Political Geography, Vol. 26, nº6, Mayo de 2004 p.

[9]Koch, Natalie: op.cit. p.16

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais