Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 14 de Xuño de 2017 VV.AA.

Minería, comunidades indíxenas e crime organizado en México

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Axencia Xinhua (China)

A prolífica produción mineira de México, cun crecemento sistemático durante os gobernos de Ernesto Zedillo (1994-2000), Vicente Fox (2000-2006) e Felipe Calderón (2006-2012)(1), mantén asociados numerosos efectos colaterais que proxectan complexos retos para o Estado mexicano, abarcados dende o ámbito dos Dereitos Humanos e medio ambiente ata a Seguridade e Defensa Nacional. A falta de regulacións efectivas, a corrupción e a intromisión no sector de actores armados conforman actualmente unha problemática que require respostas multidisciplinares e unha fonda revisión das relacións coas multinacionais do sector. 

A paulatina penetración de organizacións asociadas á criminalidade organizada resulta certamente preocupante, pois eríxese coma unha incontestable ameaza para a seguridade e defensa do Estado, para o desenvolvemento da actividade empresarial e para a poboación e dinámicas do entorno. A opacidade do sector, os altos niveis de corrupción e magnitude dos beneficios aportados terminan por configurar un escenario onde os tradicionais carteis da droga atoparon unha nova oportunidade para diversificar a súa actividade, movéndose con total liberdade e accedendo a un filón económico de enorme valor.

De igual xeito, a mesma escasa regulación e control gobernamental que permitiu a entrada destas organizacións, posibilitou a sobre explotación e a mala praxis empresarial dos grandes grupos mineiros transnacionais, en especial na extracción de ouro, cobre, ferro e carbón. Coma consecuencia directa, atopamos un carrusel de desprazamentos forzosos, principalmente de comunidades indíxenas, contaminación endémica de cursos fluviais e áreas forestais e vitimización de líderes comunais ou activistas.

Redes criminais e multinacionais mineiras.

A intromisión do crime organizado nas actividades mineiras de México ven definida pola converxencia de diversas dinámicas. Os vínculos entre estes grupos e as compañías mineiras, así como entes gobernativos locais, abarca dende a “colaboración” ou tolerancia ata a procesos de coacción e extorsión.

En primeira instancia, a convivencia de feito entre as multinacionais mineiras e grupos armados que operan na contorna resulta altamente probada, como así recoñeceu abertamente o CEO da mineira canadense McEwenMining Inc., compartindo operabilidade e rutas de transporte en territorios determinados e mesmo realizando tarefas de soporte loxístico.

A un nivel de interrelación maior, non teñen sido poucos os reportes e sospeitas sobre a utilización destes grupos para levar a cabo accións desestabilizadoras nas zonas próximas a xacementos e explotacións mineiras, fomentando un gradual aumento da violencia e inseguridade, alén doutras accións coercitivas coma secuestros ou cobros de “dereito de piso”, nas comunidades que puideran poñer en risco ditas explotacións (oposición veciñal, terras de cultivo etc.). Non resulta casual que os homicidios selectivos de activistas pro dereitos humanos e medioambientais ou líderes campesiños e indíxenas tornáranse unha tónica funestamente frecuente, conformando unha situación semellante a que atopamos no espazo andino, especialmente en Colombia, Ecuador, Perú e Bolivia(2).

De forma paragóxica, á marxe desta proximidade e plausible “conivencia” entre actores, dende a última década certas organizacións desenvolveron unha actitude máis proactiva de cara á explotación e ás empresas extractivas. A paulatina inxerencia e infiltración no sector evolucionou dende os “cobros” por porcentaxe de tonelada extraída ou polo uso (forzado) dos seus medios de transporte, pasando polos frecuentes roubos de material e mercancía, ata a coacción “a los adjudicatarios de los yacimientos para que “prestasen” sus permisos de explotación”(3), accedendo así a unha vía de negocio legal.

Este rol cada vez mais protagonista está a favorecer a súa penetración no tecido institucional e comercial, fortalecendo os seus nexos cos estamentos políticos e fracturando o tecido social de forma alarmante, incrementando os niveis de violencia asociada. Proba desta situación atopámola no recente alzamento social do Estado de Guerrero, no corredor mineiro que abarca os municipios de Eduardo Neri e Tepecoacuilco, área de importante explotación de ouro (GoldCorp Inc.) e onde opera de forma aberta – na industria mineira – o “Cartel de los Caballeros Templarios”.

Medio ambiente e comunidades indíxenas

A concesión masiva de licencias levou asociado un deterioro significativo da biodiversidade e dos recursos estratéxicos esenciais para o desenvolvemento medioambiental (cursos fluviais e bosques), especialmente nas explotacións a ceo aberto. De forma derivada, axudou a conformar o xerme de múltiples conflitos sociais, algúns deles armados, pois numerosas comunidades (principalmente indíxenas da área Mesoamericana) comparten o espazo xeocultural afectado.

A base destes conflitos, sinalan diversos autores, radica na premisa legal que establece que os recursos minerais do subsolo pertencen ao Estado. En base a isto, as negociacións danse de forma bilateral entre as empresas mineiras e o representantes gobernativos, sen contar coas comunidades afectadas nin cos seus dereitos e, con demasiada frecuencia, obviando as súas necesidades e os seus modos de subsistencia. Superpóñense os intereses comerciais aos dereitos sobre a terra e o territorio que ocupan estas poboacións, pese a existir regulación explícita que recolle ditos dereitos(4).

Resulta notorio que, en moitas ocasións, as propias comunidades son informadas do outorgamento destes permisos de explotación - do territorio que habitan-  polas propias empresas beneficiarias. Deste xeito, vense forzadas a afrontar unhas negociacións en clara desvantaxe, sen instrumentos nin procesos que canalicen de forma efectiva a súa posición e véndose relegadas a inmersión en longos procesos burocráticos e legais fora das súas capacidades, mentres a cesión de feito dos seus territorios mantense efectiva.

Segundo o informe emitido pola Comisión para o Diálogo con Pobos Indíxenas de México (CDPIM), dependente da Secretaría de Gobernación do Estado de México, o 97,1% do territorio dos PaiPai (Baixa California); o 85% dos Kiliwa (Baixa California); o 65% dos Kikapú (Coauhuila); o 50% dos Pames (San Luís de Potosí) e o 33% dos Coras (Nayarit) foi cedido a operacións mineiras. En dito informe tamén se reflexa a resistencia de preto de 42 pobos ante as explotacións mineiras, e como ditas explotacións tórnanse en “génesis de múltiples conflictos sociales que, en algunos casos, han derivado en enfrentamientos armados, desplazamientos forzados de comunidades y aumento de violencia(5).

O marco xurídico e normativo ambiental resulta de pouca axuda nesta problemática. A súa laxitude, no canto de atraer inversión estranxeira, principalmente de empresas canadenses, fomenta a acción masiva sen unhas pautas de actuación efectivas para mitigar os efectos nocivos derivados. De igual xeito,atributación destas empresas mantense a niveles ínfimos, facendo fronte só ao Imposto Sobre a Renda (ISR). Por exemplo, no ano 2012 atopamos que GoldCorp Inc. pagou 5.70 pesos por hectárea explotada, o que supón o 0.039% da súa utilidade neta.

Esta situación deriva nunha falta efectiva de recursos destinados a tarefas de seguridade medioambiental e de recuperación, así como de programas de compensación e inclusión das comunidades afectadas. Neste ámbito, a Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) sinala a México coma un dos países con máis conflitos da rexión derivados da acción industria mineira, especialmente pola súa inxerencia medioambiental e a falta de respecto polos territorios de poboadores orixinarios e a exclusión dos seus habitantes.

Resulta innegable a relevancia da industria mineira para o desenvolvemento socioeconómico mexicano, sen embargo a falta de regulacións efectivas e de control por parte do Estado supoñen unha seria ameaza para os ecosistemas máis vulnerables e para as comunidades dependentes dos mesmos. Se ben é certo que durante o mandato do presidente Enrique Peña Nieto iniciáronse tímidas iniciativas para reconducir estas dinámicas, o seu impacto resulta mínimo e requírense proxectos máis profundos e ambiciosos.

Dende o punto de vista da Seguridade e Defensa, á marxe dos perigos asociados á criminalidade organizada, a falta de equilibrio entre as actividades extractivas e o respecto aos dereitos fundamentais das comunidades indíxenas e os seus territorios, pode derivar en enfrontamentos armados e na formación de grupos organizados que emulen as dinámicas do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) en Chiapas.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas bibliográficas:

 

(1) Durante o sexenio de Zedillo outorgáronse concesións por espazo de 34.5 millóns de hectáreas; con Fox foron 25.1 millóns e con Calderón 34.3 millóns (e récord no número de autorizacións).

(2) “Organized Crime and Illegaly Mined Gold in Latin America” The Global Iniciative Against Trasnsnational Crime. April 2016 http://globalinitiative.net/wp-content/uploads/2016/03/TGIATOC-OC-and-Illegally-Mined-Gold-in-Latin-America-Report-1718-digital.pdf

(3) CUMPILLO TERCERO, MIGUEL A. Evolución del Crimen Organizado en México: más allá del narcotráfico Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE). Documento Marco, outubro 2015, pp.14 http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_marco/2015/DIEEEM25-2015_Mejico_Narcotrafico_MA_Cumplido.pdf

(4) Convenio 169 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre os Pobos Indíxenas e tribais en países independentes; art. 21 da Convención Americana sobre os Dereitos Humanos da Organización de Estados Americanos (OEA); art. 23 da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas.

(5) CDPIM : Estudio de la Minería en México. Un análisis comparado con Canadá”, Secretaría de Gobernación (SEGOB). 2012, pp. 113 http://www.cdpim.gob.mx/v4/pdf/e_minero.pdf

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais