Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
7 de Xullo de 2017 VV.AA.

México e a necesidade de repensar a súa política comercial

Unha análise de Miguel Ángel Martínez Pellitero, estudante en prácticas

Peña NietoConcretamente, dende a chegada de Donald Trump á Casa Branca a comezos de  2017 e a súa particular visión do mundo e do papel que debe xogar EUA, diferentes axentes internacionais teñen comezado a xogar as súas cartas para reformular un sistema no que non dependan dunha personalidade tan volátil e controvertida como a do multimillonario neoiorquino.

Este o caso do seu veciño mexicano. O país presidido por Enrique Peña Nieto parece terse dado conta que non pode seguir sendo unha economía tan absolutamente dependente dos intereses estadounidenses. E aínda dadas as condicións da economía mexicana na que se mantén un vínculo fortísimo con EUA, México aposta por comezar un proceso de diversificación comercial e de certa independencia económica. O mesmo pode plantexarse como unha tarefa, senón imposíbel, canto menos moi complicada, pero que parece que os primeiros pasos xa se están comezando a dar.

A enorme  importancia do comercio exterior (para 2016 acada cotas do 70% do PIB)([1]) na economía mexicana e a estratexia adoptada polo país na que se prima un modelo de desenvolvemento([2]) baseado nas exportacións no que se procura a integración nos mercados mundiais e nas cadeas de valor globais como motor principal da economía, fan que a importancia que se lle ofreza a este ámbito teña un papel absolutamente central, xa que en gran medida marcará a evolución do propio país, e por tanto, das condicións de vida de gran parte da súa poboación.

A pesares de que co proceso de apertura e desregulación experimentado a partir da década de 1980, México presume de ser un dos países con maior apertura comercial do mundo, tendo asinados 12 Tratados de Libre Comercio (TLCs) con 46 países e outros 40 acordos de diferente índole que promoven o comercio([3]). As súas relacións comerciais están totalmente baseadas nos intercambios bilaterais con EUA. Vexamos isto máis graficamente:

Se visualizamos cal é a distribución das importacións([4]) en función da súa rexión de orixe, atopamos que as importacións procedentes do propio continente norteamericano representa aproximadamente a metade do total. E aínda que é certo que esta porcentaxe ten diminuído progresivamente nos últimos anos, dende un 52% en 2007 ata un 48.8% en 2016 en favor do continente asiático, amosa unha dependencia enorme dos seus veciños máis próximos. Máis aínda tendo en conta que un 95% destas importacións teñen unha orixe estadounidense e apenas un 5% son chegadas de Canadá.

 

 

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México (INEGI)

Esta situación de dependencia comercial e aínda máis visible se analizamos as exportacións([5]). O 80.92% do total das mercadorías exportadas por México no ano 2016 tiveron como destino os Estados Unidos. Un dato que fala por si só, e se ben no caso das importacións podíamos apreciar que algúns países asiáticos conseguiron penetrar certos mercados mexicanos e incrementar a súa cota nos últimos anos([6]), isto non foi así no caso contrario. Nin en Asia, nin en Europa nin sequera en América Latina conseguiron as empresas mexicanas gañar unha presenza significativa con respecto ao comercio total nos últimos anos.

 

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México (INEGI)

 

Esta innegable dependencia comercial con EUA, sumada á actitude hostil que amosa Trump cara ao país mexicano, teñen provocado unha reacción contraria por parte do executivo mexicano, que parece decidido a reverter na medida do posible esta situación:“Ante la circunstancia con EEUU es importante diversificar las exportaciones mexicanas, donde vendemos lo que producimos y donde compramos lo que consumimos”([7])

Agora que comprendemos que a inserción comercial exterior de México no mundo é absolutamente dependente da economía estadounidense, vexamos cales están sendo os camiños explorados polo goberno mexicano na procura dun modelo máis autónomo no medio e longo prazo:

En dirección a Europa: Dende hai xa algúns meses estanse intensificando os contactos para modernizar o Tratado de Libre Comercio entre México e a Unión Europea (TLCUEM) asinado no ano 2000. Europa, considerada como conxunto, é o terceiro socio comercial de México despois de EUA e da China, acadando un volume comercial de máis de 67 mil millóns de dólares no ano 2016([8]). Polo que podería ser un dos principais contrapesos á hexemonía americana se houbese unha vontade mutua de impulsar realmente estas relacións bilaterais.

E có transcendido ata o momento, si semella existir este achegamento real por parte de ambos, no caso de Europa parece que Alemaña é a principal interesada en que frutifiquen estas negociacións antes de final deste mesmo ano. Non en vano, hai apenas unhas semanas asistimos a unha visita oficial por parte da chanceler alemá Ángela Merkel a terras mexicanas. Durante a conferencia de prensa conxunta co seu homólogo Enrique Peña Nieto, ambos manifestaron a súas intencións de modernizar canto antes este tratado.

Este interese da principal potencia europea responde a unha realidade que amosa que na actualidade Alemaña é, de lonxe, o principal socio europeo([9]) dos Estados Unidos Mexicanos, acadando o ano pasado un comercio total de 17.829 millóns de dólares([10]) (do que resulta unha balanza comercial negativa para México de case 10.000 millóns).

O forte modelo exportador alemá precisa imperiosamente de penetrar continuamente novos mercados ou gañar presenza nos que xa está para poder seguir medrando e responder ás esixencias da rendibilidade dos capitais. E é por iso que a oportunidade ofrecida pola conxuntura internacional en América do Norte non quere deixar de ser aproveitada.

Ademais deste achegamento alemá, as boas relacións que parece haber entre o novo presidente da república francesa Emmanuel Macron e a propia Merkel, así como a maioría absoluta da que dispón o movemento político encabezado polo xoven presidente francés,que é claramente favorable a promover o denominado “libre comercio”, poderían facilitar moito estas negociacións.

Pero non só por Europa pasa o futuro dunha posible nova política comercial mexicana. Asia, con China á cabeza, leva décadas gañando peso tanto no económico coma no político, e sen dúbida se México quere diversificar as súas relacións comerciais deberán aproveitar os case 8.000 quilómetros de Océano Pacífico que bañan a costa mexicana polo oeste para intensificar os lazos comerciais coas economías emerxentes da Asia oriental.

A retirada de EUA do TTP (Acordo Transpacífico de Cooperación Económica) a poucos meses de ser ratificado para a súa entrada en vigor, foi un golpe ás intencións de México neste sentido. Pero parece que o goberno de Peña Nieto xa está tratando de fomentar acordos bilaterais con algúns dos países que ían pertencer a este acordo ou mesmo tratar de impulsar o TTP sen a presenza de EUA, algo que sen embargo non parece ter moitos posibilidades de prosperar.

En palabras do propio ministro de economía: “Requerimos diversificación rápidamente. (...) México no se puede quedar congelado en ese proceso. Tenemos que seguir adelantando nuestra integración con los países del Asia”([11]). Polo que haberá que esperar algúns meses para ver como se desenvolven estas negociacións, pero como mínimo as intencións por parte do executivo mexicano están presentes.

Poderá ser posible esta diversificación pretendida polo goberno mexicano? As facilidades que ofrece o NAFTA (ou TLCAN) dende hai máis de dúas décadas para a exportación a EUA moldeou unha estrutura produtiva moi enfocada a este propósito, esquecendo case por completo o comercio có resto do mundo. Por tanto, e a pesar de ter asinados esas ducias de tratados que ofrecen un mercado potencial de máis de 1.000 millóns de persoas e acceso ao 60% do PIB mundial, apenas foron vías realmente empregadas.

Por exemplificar a situación á que se enfronta México, industrias tan fortes no país como a automobilística que dan traballo a centos de miles de persoas([12]) e están moi enfocadas á exportación a EUA, poderían sufrir extremadamente ante unha modificación das condicións actuais do TLCAN([13]). En tanto que existe unha evidente deslocalización de empresas estadounidenses que buscan pagar menores salarios, e ante unha posible saída do país (ou simplemente cunha redución da carga de traballo nas plantas instaladas) que deixase sen emprego a milleiros de traballadores, provocaría unha situación dificilmente sostible nun país xa cunha situación social complicada.

Un cambio desta índole non será cousa duns poucos meses. Pero as constantes ameazas estadounidenses de reformulación do NAFTA obrigan, como mínimo, a que México explore alternativas diferentes nas que poder apoiarse en caso de que o xigante estadounidense afonde nesa idea de poñer trabas ao comercio co seu veciño, en prol de favorecer a industria nacional e o mercado interno. Os primeiros pasos xa están en marcha.

 

Miguel Ángel Martínez Pellitero

é estudante en prácticas no IGADI. Graduado en Administración de Empresas pola Universidade de Vigo, actualmente é estudante do Master en Economía Internacional e Desenvolvemento na Universidade Complutense de Madrid.


([1])Fonte: Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México (INEGI)

([2]) Entendendo modelo de desenvolvemento como un concepto amplo,no que incluímos tanto un desenvolvemento das forzas produtivas do país como unha mellora cualitativa das condicións de vida da súa poboación.

([3]) A lista de TLC e outros acordos comerciais podémola atopar na propia páxina oficial do goberno mexicano:http://www.gob.mx/se/acciones-y-programas/comercio-exterior-paises-con-tratados-y-acuerdos-firmados-con-mexico

([4])O compoñente principal das importacións mexicanas está formado por bens intermedios que aínda deben pasar por diferentes procesos para poder ser utilizados ou consumidos. Fonte: Instituto Nacional de Comercio Exterior y Aduanas: http://www.comercioyaduanas.com.mx/aduanas/aduana/306-importaciones-y-exportaciones-en-mexico

([5]) O principal compoñente da cesta exportadora de México son os bens manufacturados (principalmente da industria automotriz ou maquinaria e bens industriais en xeral), e en menor medida produtos agropecuarios e petróleo ou derivados. Fonte: Instituto Nacional de Comercio Exterior y Aduanas: http://www.comercioyaduanas.com.mx/aduanas/aduana/306-importaciones-y-exportaciones-en-mexico

([6]) Un dos mercados no que os países asiáticos (concretamente Xapón e Corea do Sur) parecen entrar con forza é o sector automobilístico, onde empresas como Hyundai, Toyota ou Mazda están gañando cota de mercado ás empresas automotrices estadounidenses a pasos axigantados, representando xa un 50% dos vehículos vendidos en México.

([7]) Fonte: entrevista ao secretario daSARGAPA José Eduardo Calzada recollida no diario mexicano EXCELSIOR. http://www.excelsior.com.mx/nacional/2017/03/23/1153705

([8]) Dato do Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México (INEGI).

([9]) Máis de 800 empresas alemás instaláronse en México dende o ano 2000 (comezo do TLCUEM), e tamén México é o país latinoamericano con maior inversión en Alemaña.

([10]) Dato do Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México’ (INEGI).

([11]) Declaracións do ministro de economía mexicano Idelfonso Guajardo nunha reunión en Chile sobre o TTP recollidas no diario EXCELSIOR. http://www.excelsior.com.mx/nacional/2017/03/15/1152131

([12]) Segundo datos do informe “La industria automotriz mexicana” da Secretaría de Economía, o sector automotriz aporta máis do 3% do PIB e é responsable de uns 900.000 empregos directos no país.

([13]) Actualmente có tratado de libre comercio non existen aranceis na exportación de vehículos dende México a EEEU (3 de cada 4 vehículos exportados por México teñen como destino EUA), e Trump xa comentou en algunha ocasión da súa vontade de impor un arancel do 35% que dinamitaría esta competitividade da industria automotriz mexicana.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais