Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 27 de Marzo de 2013 Ríos

Mais que Piñeiro

Sería verdadeiramente unha magoa que a excelente memoria e as excelentes Memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla recentemente publicadas por edicións Xerais ficasen nun novo axuste de contas con Ramón Piñeiro. Compártase ou non, total ou parcialmente, por mais que abunde en relativas novidades a propósito do ideario ou comportamento do de Láncara, admitindo mesmo que constitúe unha parte esencial da súa reflexión que el mesmo procurou necesario resaltar ao decatarse nos últimos anos da especificidade do seu contacto con Piñeiro, hai en “Amada liberdade” moitas máis cousas e de moitísimo maior interese por mais que algúns vexan nas palabras e ideas de Fernando a “confirmación”  ad extra das súas teimas. Tanto Piñeiro cansa, cando menos a algúns, e corremos o risco mesmo de simplificar as alusións, moitas, que el fai no texto ao caso, perdendo de vista os matices, esa gran riqueza que sempre atopamos en Fernando fálese do que se fale.

Por fortuna, con estas Memorias evitamos perder unha figura clave do noso tempo, non tanto pola súa presenza no país, mais ben escasa e en certa medida circunstancial, como polo valor e interese da súa actitude intelectual. Con elas, Fernando logra facerse presente entre nós para sempre, e con el unha bagaxe xenerosa de ideas, de interpretacións, de propostas que impregnan o seu texto, un percorrido que, alén do seu moi notable valor literario, achéganos un maxisterio de difícil comparanza na Galicia contemporánea.  Non estamos ante un libro máis. Non estamos ante unhas memorias máis. O que importa realmente non é o que conta nin de quen fala pois non é esa a teima esencial senón a traxectoria do seu discurso, o pulso, a fibra que transmite, as actitudes, os comportamentos, resumidos a fin de contas nas ideas dun intelectual comprometido pero sen mais ataduras que as libremente consentidas, o tipo de persoas que Galicia precisaría e precisa para desentumecerse, para gañar en autoestima e respecto, con capacidade crítica pero sen animosidade, con honestidade e sen rancores. Iso ao que el sempre deu importancia por riba das capelas e outras mediocridades.

A bagaxe humanista de Fernando inspira as súas reflexións nesta obra de principio a fin, comezando polas súas ricas e diversas lecturas en todos os campos do saber, as peripecias tan notorias da súa experiencia vital e familiar que asentaron nel a capacidade para discernir sen etiquetar, para apreciar as complexidades das situacións evitando esas categorizacións extremas tan frecuentes no noso paraíso. Esa riqueza do Fernando está presente de forma visible no texto dende os primeiros anos mozos, na súa curiosidade innata, na capacidade para ir ao cerne das cousas, no permanente afán de aprender, de andar un camiño non trazado de antemán, procederes que abundan na súa singularidade e orixinalidade, produto de non ter aversións fixas nin dogmáticas, como se en cada caso primara a ponderación de canto o podía enriquecer. Son, quizais, os beneficios da aterritorialidade, da distancia comprometida.

As Memorias ofrécennos esa perspectiva enriquecedora, esa contextualización que ás veces pasamos por alto e que resulta esencial para entendermos e entendernos. Mellor nos iría abandonando os maximalismos de uns e outros e afacéndonos a ese proceder vital do Fernando, encarnación doutra Galicia con outros miramentos, con outros pensamentos, libres pero non individualistas, característicos en quen tamén cando falaba coloquialmente era mestura intelixente de memoria e ensaio, de quen sen ser un optimista inxenuo ou desaforado sabía da importancia de verificar una aprendizaxe constante, creadora, para alumear un pensamento en positivo e transformador.


As páxinas que achega Teresa Barro fan da obra un todo inseparable se ben cun complemento recomendable e ata imprescindible en “Dentro e Fóra” (Nigra, 2002), expresión dunha simbiose que quen escribe tivo a fortuna de apreciar nos dous, Fernando e Lily, nestes últimos anos, con días de inmensa fortuna e privilexio por podermos compartir preocupacións, esperanzas e ambicións.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais