Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ECO 6 de Febreiro de 2019 González Palau

Lusofonía e Galeguía

Dende o ano de 2004, coa aprobación no Parlamento Galego do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, a lusofonía, coma o espazo xeopolítico de lingua oficial portuguesa, é unha área xeográfica prioritaria da acción exterior da Xunta de Galicia. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), foi na altura a entidade que definiu ese documento estratéxico oficial.

En relación á lusofonía, o Libro Branco deu cobertura institucional e programática a múltiples iniciativas que conectaron a Galicia cos países de lingua oficial portuguesa, dende a Xunta, as Universidades e centros de investigación, ao mundo da cultura, as empresas ou a sociedade civil no seu conxunto. Tamén os Concellos e as Deputacións consolidaron o camiño cara a lusofonía por medio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, desenvolvendo un traballo específico en Cabo Verde, Mozambique ou Guiné Bissau, ademais de fortes vínculos co municipalismo portugués e brasileiro. Dentro do propio IGADI a liña de investigación arredor do espazo internacional de lingua portuguesa sistematizouse finalmente a partir de 2008, co nacemento do Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS.GAL).

Mais foi dende a aprobación da Lei Paz Andrade 1/2014, de 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, e xa dende a iniciativa popular que a impulsou, que a lóxica daquela acción exterior con acento na lingua explotou. Así observamos con alegría a multiplicación das iniciativas que nos aproximan ao mundo de expresión portuguesa nos últimos anos, facendo agromar un novo consenso arredor da lingua, que pon en valor o galego, tamén, coma ferramenta para as cousas de comer, o desenvolvemento económico e a internacionalización do país. De feito, para arrancar o 2019 a Real Academia Galega da Lingua e a Academia Brasileira das Letras asinaron un convenio de colaboración que vai nesa dirección. Cómpre agardar pasos reais que acaben de superar a fase simbólica, que sexan incluíntes, construtivos e normalizadores.

Unha das portas para esa normalización é reivindicarmos a idea da Galeguía, non coma rival conceptual se non coma complemento que explica e profundiza o significado da lusofonía e a nosa pertenza á mesma, dende as orixes da lingua e a lóxica non colonial que queremos para as relacións internacionais deste S.XXI. Hai que significar para axudar a comprender que a idea da Galeguía popularizouse dende fóra de Galicia, por personalidades coma o escritor brasileiro Luiz Ruffato ou a cantante angoleña Aline Frazao, que coma tantos outros lusófonos, chaman por nós...

Neste contexto e coincidindo co quinto aniversario da Lei Paz Andrade é que lanzamos dende un convite a participar no III Congreso de Estudos Internacionais "Galiza, lusofonía e CPLP " (27 e 28 de marzo de 2019) a celebrarse en Pontevedra, na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais