Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 30 de Xullo de 2016 VV.AA.

Luces e sombras do desembarco chinés nos PECO

Unha análise de Briaxis Fernández Méndez, estudante en practicas no IGADI
images.jpg

A recente visita de Xi Jinping á Serbia e á Polonia colocou o foco no papel da Europa central e oriental nun proxecto que ten vido a simbolizar as ambicións globais da China: a iniciativa “Un cinto, un camiño”, tamén coñecida como a “Nova Ruta da Seda”. Para alén diso, a xira do presidente chinés por unha rexión cada vez máis enfrontada a Bruxelas permitiu apreciar a evolución da estratexia de Pequín para o vello continente, nun momento de grave crise da Unión Europea.

Como se afirmaba hai poucos meses nun relatorio do Centro Marek Karp de Estudos Orientais (un think tank financiado polo goberno polaco), a percepción da Europa entre as elites chinesas comezou a mudar radicalmente por volta de 2005, o ano da adhesión da Polonia e outros dez países do antigo bloco soviético. No inicio do novo século, a China privilexiara a cooperación coa UE, considerándoa un dos piares dunha futura orde multipolar, e até un posíbel contrapeso á hexemonía dos EUA no hemisferio norte. Mais a guerra do Iraq puxo en evidencia a incapacidade da Europa para falar cunha soa voz, ben como a falta de vontade dalgúns países para se distanciaren de Washington.

A decisión, en 2005, de manter o embargo sobre a venda de armas imposto en 1989 após o masacre na praza de Tiananmen deu lugar a unha mudanza de abordaxe. Embora mantendo o apoio retórico á integración europea e a proxectos como a moeda común, a China comezou a explorar as divisións internas dos 28. Unha estratexia que daría os mellores resultados a partir de 2008, cando a crise financeira global —e despois as crises da débeda soberana e da zona euro— estimulou a competición entre estados para atraer investimentos chineses e obter as mellores condicións para as súas empresas. Non foron alleos a esta tendencia países como a República Checa ou os países bálticos, que no pasado se tiñan mostrado moi críticos coa China.

En 2011 —aínda so a presidencia de Hu Jintao— Pequín promoveu a realización en Budapest dun foro económico da China e dezaseis países da Europa do leste: os once membros orientais da UE e catro países candidatos (a Serbia, o Montenegro, a Macedonia, a Bosnia e Hercegovina e a Albania). Un ano despois, os xefes de estado e de goberno do grupo “16+1” celebraban en Varsovia o seu primeiro encontro anual.

O lanzamento en 2013 do “Cinto Económico da Ruta da Seda” e da “Ruta da Seda Marítima” durante as visitas de Xi Jinping ao Casaquistán e á Indonesia contribuíu para a institucionalización deste novo formato: a China estabeleceu un secretariado permanente con estatuto de viceministro, e os restantes países designaron cada un seu comisionado nacional, ao tempo que eran organizadas periodicamente cimeiras sectoriais de ministros e encontros especializados (como o de think tanks convocado na Eslovenia ou a conferencia loxística realizada na Letonia). En moitos casos encomendouse a un país concreto a tutela dun dos ámbitos da cooperación: a Axencia de Información e Investimento Estranxeiro da Polonia, por exemplo, acolle un secretariado de investimentos, en canto a Bulgaria coordena a cooperación agraria e a axencia para a promoción do turismo está sediada en Budapest.

Nos últimos cinco anos, os intercambios comerciais entre a China e a Europa central e oriental creceron por volta de 30%. Segundo refire Karol Kozłowicz, do Centro de Estudos Polonia-Asia (CSPA), apenas en 2015 as empresas chinesas investiron máis de cinco mil millóns de dólares na rexión, ao tempo que os dezaseis países mencionados colocaban da orde de mil douscentos na China. Unha evolución que as chancelarías da Europa occidental —e especialmente Berlín— acompañan con preocupación, temendo a consolidación dun lobby chinés na UE. Para a industria alemá é fundamental evitar que a China sexa recoñecida por Bruxelas como economía de mercado, unha decisión adiada en xaneiro pola Comisión Europea, mais que terá de ser tomada até ao final do ano. 

A dimensión política do vector oriental da diplomacia chinesa ficou patente durante a visita de Xi a Belgrado. Na capital serbia, o presidente homenaxeou os “mártires” mortos en 1999 na embaixada chinesa, bombardeada polos Estados Unidos durante a campaña da NATO contra o rexime de Slobodan Milošević. Un xesto cheo de significado nun momento de crecentes tensións entre a China, por un lado, e Washington e os seus aliados na bacía do Pacífico por outro; un momento en que especialistas norteamericanos como Russell Mead non dubidan en denominar o xigante asiático de “potencia revisionista”.

Como alertaba en 2013 James Reilly, da Universidade de Sydney, nun artigo publicado polo Carnegie Council, a China, tradicionalmente contraria ás sancións económicas e que en décadas anteriores tiña usado a política externa para facer avanzar os seus intereses económicos, estaría agora a “inverter esta ecuación”, utilizando un sistema de “premios e castigos” económicos para “isolar o Dalai Lama, impedir a venda de armas a Taiwán, suprimir as críticas á súa política de dereitos humanos e defender as súas reivindicacións marítimas” (como as que acabaron de ser rexeitadas polo Tribunal Permanente de Arbitraxe da Haia). A Noruega, por exemplo, aínda está a sofrer as consecuencias da atribución hai seis anos do Premio Nobel da Paz ao disidente Liu Xiaobo, e encóntrase, como ten recoñecido o propio embaixador noruegués, nunha “lista negra” do Zhongnanhai.

Para os países da rexión, porén, as vantaxes económicas compensan os riscos políticos, e cada nova visita dun líder chinés é observada con celo polos veciños, que comparan o estado das súas relacións con Pequín. O aparato con que foi recibido Xi Jinping durante a súa viaxe á República Checa, en marzo deste ano, espertou a envexa doutros gobernos, como tamén os zumarentos contratos asinados en xuño en Belgrado. Após a compra do complexo siderúrxico de Smeredevo pola Hebei Iron and Steel Group e a construción da ponte Pupin sobre o Danubio ou da autoestrada E763 entre a Serbia e o Montenegro e a liña de alta velocidade entre Belgrado e Budapest (cuxa finalización está prevista para 2017 e 2018, respectivamente), a Serbia aspira a se tornar unha das portas de entrada das empresas chinesas para o vello continente.

Na Polonia, coa chegada ao poder do partido euroescéptico Lei e Xustiza (PiS), do ex primeiro ministro Jaros­ław Kaczyński, a China comezou a ser vista como unha alternativa aos aliados tradicionais, nomeadamente os EUA e a UE. A visita do novo presidente Andrzej Duda á República Popular da China en novembro de 2015 foi presentada polos medios próximos do goberno como o inicio dunha nova era nas relacións polaco-chinesas (embora a Polonia fose xa entre 2011 e 2016 o único “parceiro estratéxico” da China na rexión e adherise hai dous anos ao Banco Asiático de Investimento en Infraestrutura liderado por Pequín). Especialistas como Jacek Bartosiak, do conservador Klub Jagielloński, pintaron un cadro certamente idílico: peza chave tanto da Nova Ruta da Seda como dunha hipotética “Nova Ruta do Ámbar” que comunicase os mares Adriático, Negro e Báltico, a Polonia emerxería como potencia rexional, e os polacos non tardarían en ser “máis ricos do que os alemáns”.

Outros analistas foron máis prudentes, chamando a atención para a asimetría nas relacións económicas entre os dous países. Ao saldo comercial negativo (case dezaoito mil millóns de euros no último ano) sómase o carácter cualitativamente desigual dos intercambios: a China importa alimentos e materias primas, en canto exporta manufacturas e —cada vez máis— produtos tecnolóxicos. Unha realidade que se viu reflectida nos contratos asinados en xuño polo consorcio Appolonia (que prevé exportar á China corenta mil toneladas de mazás por ano, polo valor de quince millóns de dólares) e o xigante mineiro KGHM (un dos “campións nacionais” da Polonia, que continuará a vender cobre á chinesa Minmetals). Aliás, a China é concorrente da Polonia en sectores estratéxicos, como a construción naval, o mobiliario ou a industria de compoñentes para automóbeis. O sinólogo Marcin Jakoby (autor de varios libros sobre a China contemporánea) resumiu de maneira moito gráfica a situación de países como a Polonia, que comparou cun “ciclista” que tentase negociar “cun camión que vai a 200 quilómetros por hora”.

Mesmo países que, como a Tailandia ou o Laos, se contan entre os principais aliados de Pequín no sueste asiático, teñen expresado nos últimos tempos dúbidas sobre o modelo de cooperación proposto pola China, por exemplo no tocante á construción de grandes infraestruturas relacionadas coa Nova Ruta da Seda. Institucións como o Export-Import Bank of China (tamén coñecido como China Exim Bank ou apenas Chexim) costuman financiar proxectos no estranxeiro, desde que a execución corresponda a empresas chinesas, con man de obra chinesa. Así, estas empresas poden continuar a expansión a pesar do arrefecemento da conxuntura no Reino do Medio. Tamén a Polonia tivo ocasión de coñecer as peculiaridades deste modelo en 2011, cando a COVEC —unha das maiores construtoras chinesas— se retirou unilateralmente da construción dunha autoestrada, a menos de un ano da data prevista para a conclusión da obra.

Mais nada disto conseguiu diminuír o “sinoentusiasmo” do goberno polaco, que para garantir o suceso da visita de Xi mantivo en segredo até ao último momento a axenda do presidente chinés. Tampouco hesitou en retirar a acreditación á xornalista Hanna Shen, autora de reportaxes incómodas para Pequín; unha decisión que causou estupefacción entre os simpatizantes do PiS, pois Shen é correspondente en Taipei da Gazeta Polska, unha publicación controlada polo partido de Kaczyński (que aínda en 2013 condenara a visita á China da entón presidenta do Parlamento Ewa Kopacz). Agora, en Varsovia fálase de incorporar empresas chinesas á construción da primeira central nuclear polaca e dun aeroporto central situado entre a capital e a cidade industrial de Łódź —que tiñan sido albo de aceso debate desde hai décadas, porén sen resultados concretos.

A China soubo preencher parte do vacío deixado na Europa central e oriental pola reorientación dos EUA para a Asia-Pacífico, a crise da integración europea e as dúbidas sobre a capacidade —e, sobre todo, a vontade— da NATO de defender os países da rexión. Resta saber até que punto a aposta de Pequín é estratéxica, como acreditan os autores do referido relatorio do Centro Marek Karp, Marcin Kaczmarski e Jakub Jakóbowski, para quen a Nova Ruta da Seda serve o obxectivo de facilitar o acceso dos produtos chineses aos mercados europeos e potenciar o desenvolvemento das provincias máis occidentais da China; e non apenas fruto da necesidade temporal de exportar os excedentes dalgúns sectores, como temen os consultores Łukasz e Katarzyna Sarek, que citan o enfraquecemento da presenza chinesa na África após anos de envolvemento.

A lóxica multipolar de equilibrio entre potencias que segundo Kaczmarski e Jakóbowski estarían a promover as elites chinesas representa, nos días de hoxe, unha alternativa e un desafío ao multilateralismo institucional defendido historicamente pola UE. Os países da Europa central e oriental son terreo fértil para un experimento que chega no momento de maior debilidade e desprestixio do proxecto europeo, e até do estado liberal tal como o coñecemos. A alianza con Pequín promete lucros rápidos a gobernos e populacións cansados do “moralismo” e das interferencias de Bruxelas. Mais a cooperación coa China podería constituír un risco para a independencia e a seguranza destes países moito maior do que calquera cedencia de soberanía a Bruxelas, pois a maioría deles non dispón de mecanismos de avaliación dos investimentos estranxeiros do tipo do Committee on Foreign Investment (CFIUS) estadounidense ou o Foreign Investment Review Board (FIRB) australiano.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais