Distribuir

Distribuir contido
Luzes 1 de Febreiro de 2016 Ríos

Kim III O Brillante

Que crer e que non do que se conta del!. Hai poucos meses dicíase que ordenara a execución dunha ex noiva, Hyon Song-wol, e unha ducia de músicos da orquestra Unhasu, obrigando ás familias a asistiren á matanza, e todo porque lle atoparan un vídeo X, que non era tal, e unhas biblias. Non se pode crer todo o que se conta pero tampouco hai formas certeiras de confirmar ou desmentir o que acontece ou deixa de acontecer nun país tan pechado como Corea do Norte. Outro tanto podiamos dicir de cando seica mandou executar ao seu tío Jang Song-Thaek, segundo en importancia dentro do goberno, pechándoo nunha gaiola con 120 cans famentos. A verdade é algo tan precario en relación a esta Corea que nin aos desertores se lles pode crer.

Si podo acreditar que cando en 2007, en tempos do seu pai, Kim Jong-Il, cheguei á fronteira chinesa procedente de Pyongyang, a policía norcoreana subiu ao tren para escrutar unha a unha todas as fotos da miña cámara eliminando entre risas as que non eran do seu agrado. Tempo houbo tamén para ver por vez primeira nunha semana o won norcoreano e ata trocar ilegalmente cos gardas, tamén entre risas, un pequeno feixe de billetes de lembranza a cambio dos iuáns chineses. O balance que un pode levarse dunha visita a Corea do Norte asemella a un ermo varado no tempo a medio camiño entre o heroísmo e o disparate onde de súpeto emerxe un festival Arirang, coreografía da disciplina que tanto evoca admiración como temor.

O pasado ano 2015, Kim Jong-Un foi laureado co premio pola paz, a xustiza e a humanidade da Fundación indonesia Sukarno, a modo de honra e recoñecemento polo seu combate contra o imperialismo colonialista. Unha filla de quen fora presidente indonesio, Rachmawati Sukarnoputri, asegurou contra vento e marea que as afirmacións a propósito das violacións dos dereitos humanos por parte de Kim Jong-Un e o seu réxime son totalmente falsas, isto é, propaganda occidental sen miramentos.

Sexa como for, cabe recoñecerlle ao facho do pensamento zuche unha fantástica capacidade para auspiciar sen acritude a sorprendente mutación daquel patriotismo marxista- leninista primixenio do primeiro Kim ata derivar nunha repugnante monarquía ditatorial cinicamente bautizada como república socialista. Un esperpento delirante.

É unha ofensa ver ao tal Kim tan regordecho, camiño de se converter nunha deidade budista, nun país onde tantos seica pasan tanta fame para alimentar unha industria militar destinada a lexitimar o propio réxime coa escusa da defensa da patria.

Do seu paso pola Helvetia conserva a devoción polo queixo suízo e a fondue e tamén a paixón polo baloncesto e as súas estrelas. En Pyongyang recibiu ao ex xogador Dennis Rodman, nun intento quizais de emular ao seu xeito a diplomacia do ping-pong que tan bos froitos lle dera ao veciño Mao.

Trala apoplexía que sufriu o seu pai en 2008, designouno herdeiro ao trono. Tiña daquela 25 anos e ningunha experiencia militar nin política. A partir de entón, o Brillante Camarada foi promovido aos mais altos chanzos do exército e do partido. O seu pai morreu de fatiga física e mental, segundo o parte oficial. Ignorase se tivo algo que ver en tan gravoso cansazo. O preferido inicial, o primoxénito Kim Jong-nam, caira en desgraza e acabou por exiliarse en Macau.

Nunca están claras as motivacións das accións que inspiran a este terceiro Kim. Un día tanto ordena o peche dunha zona industrial na fronteira co Sur como outro experimenta coa bomba H. O seu desempeño desde 2012 está revestido da sintomatoloxía do capricho e a irreflexión, o cal convérteo nun imprevisible. Intranquilo, o seu pai buscou a anuencia  de Pequín coa designación uns meses antes de morrer. Pero dende aquela ningún máximo dirixente chinés se reuniu con el nin foi recibido en Pequín. Xi Jinping tiroulle hai pouco das orellas e hai quen di que ese desprezo chinés está detrás da estrondosa explosión do outro día, da que non lles avisou. Van saber os chineses, debeu pensar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais