Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 31 de Xaneiro de 2019 Ríos

John Bolton e o desacougo venezolano

bolton.jpeg

O asesor de seguridade nacional estadounidense, John Bolton, compareceu ante os medios cun caderniño coa anotación do envío de 5.000 soldados a Colombia, país onde o Pentágono ten á súa disposición ata sete bases militares, no seu día, por certo, mediante un acordo autorizado inicialmente polo presidente Álvaro Uribe coa democrática forma de tan sequera pasar o acordo polo Congreso. O mesmo Bolton, ao día seguinte, confesaba abertamente e sen andrómenas que o petróleo venezolano era unha grande oportunidade de negocio e que as multinacionais estadounidenses do sector andaban xa traballando arreo no asunto. Engadindo: “é moito o que nos xogamos procurando que isto saia correctamente”. A Casa Branca, tan preocupada polo presente e futuro da democracia en Venezuela e en todo o mundo, amosa unha insolencia e arrogancia ilimitadas.

Iso a pesar de que Estados Unidos é o principal socio comercial de Venezuela en materia petroleira dende o século XX ata a actualidade. Como explica Aymara Gerdel, Venezuela  enviou en 2017 por termo medio 674 mil barrís diarios de petróleo  e no mes de outubro de 2018 (último dato dispoñible) as exportacións petroleiras venezolanas con destino a ese país ascenderon a 570 mil barrís diarios. O 22 por cento do total das exportacións petroleiras con destino a Estados Unidos foron para Citgo Petroleum Corporation (CITGO) en 2017, filial da estatal PDVSA, mentres que o 78 por cento restante tiveron como destino empresas privadas como Valero Marketing & Supply Co, Phillips, Chevron, ExxonMobil, entre outras, todas localizadas principalmente nos estados de Texas y Luisiana. Non lles chega, quéreno todo. E non só o petróleo.

Maduro

Que facer con Maduro? Levan anos repetindo tantas veces que a súa xestión é un fracaso que haberá que crelo. A corrupción, a inseguridade, a ineficiencia económica, son datos que saltan á vista a xulgar polo que transcende da crise, agravada desde 2012 en diante. Os testemuños de moitos venezolanos de toda condición, mesmo aquí, entre nós, son demoledores a propósito dese deterioro. O balance de Maduro, sen dúbida, abunda nun desgaste irreversible. Non sabemos canto diso responde á propia incapacidade e canto á política de fustigamento exterior, que nunca cesou. Lino Pellitero explica moi ben cando as cousas se empezaron a torcer en Venezuela e as súas causas.

Esa batalla narrativa parece perdida. Ata temos xa en Venezuela o ouro de Moscova outra vez como recurso desinformativo. Pascual Serrano alértanos de tantas medias verdades e falsidades inapelables que están a ser difundidas estes días para ganar a complicidade de opinión pública co golpe e coa intervención exterior, que moitos anhelan se acabe reclamando nas rúas na súa forma máis crúa, a militar. En calquera caso, con independencia de como resulte finalmente este episodio, en condicións normais, pensar nun relevo de Maduro antollaríase inevitable.  

O galimatías da lexitimidade é interpretable. A inxerencia, non. A simultaneidade da autoproclamación de Juan Guaidó e o recoñecemento ipso facto por parte de Donald Trump fai pensar nunha complicidade artellada previamente que remite o epicentro do proceso a 3.315 quilómetros ao norte de Caracas. A UE, pola súa banda, como era de esperar, acaba secundando a posición estadounidense se ben distanciándose de calquera aventura militar. O Parlamento Europeo acaba de recoñecer a Guaidó como “lexítimo presidente interino” sen sequera esperar a que se cumpriran os oito días do ultimato que a propia UE fixou.

Xeopolítica

Trump quere frear a expansión de China en América Latina dándolle un escarmento en Venezuela.  Un golpe na mesa. O 44 por cento de toda a inversión do xigante asiático en América Latina entre 2005-2016 concentrouse neste país, o sétimo provedor de petróleo en importancia. A débeda de Caracas con Beijing ascende a uns 23.000 millóns de dólares, incluíndo os 5.000 recentemente prestados. Un trompazo en Venezuela complicaría os seus plans para toda a rexión no marco desa “extensión natural” da Iniciativa da Franxa e a Ruta que tan nervioso pon a Washington. A relevancia crecente de China no seu “patio traseiro” lévano fatal. Hoxe é xa primeiro ou segundo socio comercial de todas as economías da zona.

Venezuela desfai o precario equilibrio que vive América Latina tralos cambios rexistrados en Arxentina, Ecuador (ese Lenin, por deus) ou Brasil (aquí non houbo previamente un golpe parlamentario e xudicial?). A restauración imperial da doutrina Monroe está en marcha. Malia que lle pese a Luís Almagro (OEA), a saída negociada que propoñen México e Uruguai (e onde España debería estar) a partir desa silenciada conferencia internacional a celebrar en Montevideo o próximo 7 de febreiro é a única sensata, pero todo indica que América Latina volveu ao curral.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais