Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 23 de Decembro de 2015 VV.AA.

Irlanda do Norte: o imperialismo británico como causa do conflito

Unha análise de Daniel Arias (estudante en prácticas da USC)

A de Irlanda do Norte foi sempre unha historia xenerosa en conflitos, sobre todo durante o convulso final do século XX. O territorio da rexión do Ulster converteuse no punto de choque entre o republicanismo irlandés e o imperialismo británico. Diversas foron as razóns que propiciaron este clima sociopolítico, non pouco relevantes precisamente. Os “troubles”, que duraron case 30 anos, dividiron e marcaron a sangue e fogo a sociedade norirlandesa levándose por diante as vidas de case 3.600 persoas de ambos bandos, a maioría civís. Hoxe en día ,a situación é moito mais calmada pese a que aínda queden os rescaldos do conflito.

Para entender os motivos que levaron ao inicio dos ”troubles” débense ter en conta os inicios das tensións no territorio, que apareceron con moita anterioridade ao conflito norirlandés. Poderíamos dicir que a orixe do conflito comezou coas invasións colonizadoras dos ingleses na illa irlandesa. Sobre todo a partir do ano 1609, cando se implantaron as leis de colonización británicas (Plantation of Ulster) polas que se espoliaron as terras aos habitantes da zona e repoboáronse con colonos ingleses e escoceses, de relixión protestante. Este feito, xunto coa dinámica de dominación e represión por parte dos protestantes sobre os irlandeses católicos, fixo que os conflitos e tensións entre ambos bandos se converteran en cousa cotiá. A confesión relixiosa neste conflito pasou a ser un símbolo de identidade case máis importante ca propia nacionalidade, e isto debeuse a diversas leis que coartaban a liberdade relixiosa e política en detrimento dos irlandeses católicos (Penal Laws).

Co paso dos anos, o conflito mantívose no tempo e incluso se agravou. Apareceron diversos movementos sociais como a Orde de Orange en 1795, a cal agrupaba os sectores mais radicais do protestantismo do Ulster. Por outro lado tamén xurdiron diversos grupos pro-irlandeses como a Society of the United Irishmen que pulaban pola unificación da illa e o establecemento dunha república irlandesa, independente do imperio británico.

Toda esta situación ía xirar coa abolición do Parlamento irlandés e a  incorporación, de iure, da illa de Irlanda ao Reino Unido mediante a promulgación da Acta de Unión no ano 1800. Este feito non ía facer outra cousa senón agravar o conflito en toda a illa.

Nas primeiras décadas do século XX, ante as presións dos sectores nacionalistas irlandeses que solicitaban o autogoberno para Irlanda, o goberno británico estaba a punto para concederlle a súa Home Rule. A simple intención de facer esta concesión por parte do goberno fixo que os sectores protestantes do Ulster ameazaran coa defensa da unión co Reino Unido, mediante o uso das armas se fora preciso, e fundaron a organización paramilitar Ulster Volunteer Force. Fronte a isto, os nacionalistas crearon os IrishVolunteers. Trala aprobación da Home Rule irlandesa no ano 1912, a Guerra Civil parecía inminente no territorio. Co estalido da Primeira Guerra Mundial fixo que a aplicación do autogoberno en Irlanda se paralizase, pero isto non ía a deter o proceso.

Nos anos seguintes, os sectores nacionalistas irlandeses se radicalizaron e pasaron de defender a autonomía dentro do Reino Unido a reivindicar a soberanía completa de Irlanda. No ano 1918, o Sinn Féin, que posuía a maioría dos representantes no Parlamento inglés por Irlanda, declarou de maneira unilateral a creación dun Parlamento propio e a escisión do Reino Unido. Os Irish Volunteers serían transformados no novo Exército Republicano Irlandés (IRA). Esta situación deu lugar ao comezo da Guerra da Independencia Irlandesa.

Resultado desta Guerra foi a firma do Tratado Anglo-Irlandés, o cal dividía a illa en dous, Irlanda do Norte e Irlanda do Sur. Irlanda do Sur obtivo a independencia e Irlanda do Norte pasou a formar parte do Reino Unido. A firma deste Tratado foi moi polémica no seo da sociedade irlandesa e de parte do Sinn Féin que xunto co IRA, que se converteu nun grupo armado de opositores, fixeron que o inicio da transición á independencia de Irlanda fose nun clima extremadamente tenso. Estes grupos alegaban que o firmado no tratado non era o fin polo que se loitara na Guerra da Independencia. No tratado establecíase que o Estado Libre de Irlanda tería que xurar lealdade á Coroa británica a cal ostentaría a Xefatura de Estado, polo que a simboloxía británica permanecería no novo estado irlandés. Este clima desencadeou a Guerra Civil en Irlanda que duraría menos dun ano coa derrota do bando que rexeitaba o Tratado. A Guerra acabou pero os rescaldos da mesma permanecerían durante décadas en forma de terrorismo, sobre todo en Irlanda do Norte.

Como resultado do Tratado, Irlanda do Norte obtivo un Parlamento autónomo propio supeditado ao mandato do goberno do Reino Unido. Pero o establecemento desta nova entidade política non ía ser sinxelo se non que ía a concentrar toda a problemática do conflito irlandés-británico ou católico-protestante nun territorio moito mais reducido que o da completa illa irlandesa. A maiores, as políticas que impuxo o goberno británico e o norirlandés foron de total desintegración da sociedade. Tomaron a rexión do Ulster como unha rexión totalmente homoxénea obviando a existencia dunha gran parte da sociedade de confesión católica e que aínda se sentía irlandesa. Declaracións como a do primeiro ministro norirlandés, James Craig (“un parlamento protestante para unha poboación protestante”) deixaban entrever toda unha declaración de intencións por parte dos unionistas para humillar e destruír de vez tódolos restos do antigo espírito nacionalista irlandés. Esta dinámica política non fixo outra cousa que abrir unha fonda fenda na sociedade, a cal so ía a incentivar o odio e a violencia entre ambos bandos. A aparición de diversos grupos terroristas, tanto no bando católico (IRA) como no protestante (UVF) maila intervención do exercito británico, só ía a ser a mecha que faría explotar a bomba en Irlanda do Norte, o que deu inicio a un conflito que duraría case 30 anos e que se levaría por diante a vida de case 3.600 persoas, a maioría civís.

Facendo unha análise global dos feitos que propiciaron o estalido do conflito no ano 1969 podemos dicir que todos eles foron provocados basicamente polo afán do, aínda con vida, Imperialismo Británico por acaparar territorios e pola política colonialista do goberno do Reino Unido. A opresión exercida polo goberno británico sobre a poboación nacionalista católica en Irlanda do Norte, foi tan grave que os movementos armados case apareceron dun xeito natural para canalizar dun xeito organizado a ira e o odio que existía entre ambos bandos e tamén as reivindicacións políticas que os acompañaban.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais