Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 23 de Xuño de 2017 Ríos

Inés de Castro

pedro-e-ines.jpg

Luís de Camões dedica unha boa parte do Canto III de Os Lusiadas á figura de Inés de Castro, a nobre galega con orixes en Monforte de Lemos e “soberana que reinou despois de morta” en Portugal. Nun país normal, a súa lenda e a súa historia debería ser sobradamente coñecida. Moito me temo, sen embargo, que se un pregunta agora mesmo entre os mais próximos, poucos galegos saberán dela. A bo seguro, Hollywood non desaproveitaría a ocasión con tan tráxico relato (paixón, morte, intereses de estado) e tería feito del un éxito de pantalla.

Non é o caso en Portugal. A propia RTP dedicoulle unha serie de televisión en 2005. E por iso quedei gratamente sorprendido cando vin que o Jornal de Noticias, o diario do Porto co que colaboraba desde Londres na posguerra o noso Plácido Castro, escollía a nosa Inés entre seis “Nomes com História”, unha colección dirixida aos lectores mais novos, con texto fluído de Ana Oom, autora experimentada nestas lides, e fermosas ilustracións de Sandra Serra. A colección abunda en figuras que mudaron o rumbo da historia de Portugal. Con todo, o mais ingrato da lectura foi que en ningún caso se menta a orixe galega de Inés de Castro, referenciada unicamente coa súa residencia en Castela. E semella que esa lagoa é bastante estendida no coñecemento do público portugués a propósito dela.

En Inés de Castro, casada en segredo co infante don Pedro, galegos e portugueses temos un vínculo de alta voltaxe para transformar as simpatías e afectos, tamén as desconfianzas, en oportunidades para construír discurso a prol dunha comunidade de destino compartida. 

Galicia e Portugal precisan tamén de mitos para apuntalar as súas relacións que sempre imaxinamos privilexiadas se ben na práctica andan comunmente moi por debaixo do seu potencial. Somos moitos os que gozamos a cotío dunha proximidade natural que vai mais aló da xeografía e asenta nuns hábitos culturais perfectamente recoñecibles e produto da nosa historia. Pero entre a ignorancia e o desleixo, quizais interesado quizais non, así andamos virados de costas ante feitos de tanta significación como esta.

Inés de Castro é  unha figura de encontro que podería abrir un capitulo no noso tempo para afortalar o diálogo entre as dúas beiras do Miño. Desandamos moito nestes últimos anos e precisamos recuperar a comuñón intelectual para ganar altura e perspectiva, dous marcos hoxe indispensables para calquera folla de ruta que as nosas institucións e/ou as sociedades civís poidan imaxinar. En Inés de Castro, a galega que reinou en Portugal, temos un valor seguro se o queremos/sabemos aproveitar. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais