Distribuir

Distribuir contido
Galicia Confidencial 1 de Abril de 2014 VV.AA.

III Plan Director de Cooperación ao Desenvolvemento: Á terceira non vai a vencida

Unha reflexión de Emilio Manuel Martínez Rivas

A mediados de marzo o Parlamento de Galicia aprobou o III Plan Director da cooperación galega ao desenvolvemento 2014-2017, tal e como dispón a Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento no seu artigo 9.2. A aprobación foi precedida polo perceptivo informe do Consello Galego de Cooperación, no cal, por primeira vez, as ONGD galegas votaron en contra.

O III Plan Director supón por unha parte unha actualización do II Plan, incorporando na seu contido o discurso emanado das diferentes reunións de alto nivel e acordos arredor da cooperación ao desenvolvemento e sobre todo o discurso sobre o que se asenta o IV Plan Director da Cooperación Española 2013-2016. Plan estatal que debemos recordar tamén foi rexeitado pola Coordinadora Española de ONGD  dun xeito tan contundente como para levala a afirmar na súa valoración pública que “as debilidades de tipo substantivo  e estrutural atopadas na versión 2.0 do Plan Director … non permiten a realización de enmendas ao texto”.

O III Plan Director redáctase e aprobase nun contexto de crise orzamentaria da cooperación descentralizada e si tivéramos que escoller unha única verba para definir o medio cento de páxinas que o compoñen sen dúbida a escolla mais acaída sería: AXUSTE. E elo por dúas razóns principais:

-Por unha banda o plan aprobado, por primeira vez coa oposición parlamentaria votando en contra, é un exemplo do escaso interese que desperta no actual goberno galego o desenvolvemento das capacidades do autogoberno no eido da acción exterior, da que a cooperación ao desenvolvemento fai parte. O III Plan axústase perfectamente á pretensión do actual ministro de Asuntos Exteriores de reducir a acción exterior das comunidades autónomas ao financiamento dos intereses ditados polo Estado e a actividades mais ou menos folclóricas. Si a Lei de Cooperación, no citado artigo 9º,  xa indicaba o necesario aliñamento do Plan Galego coas directrices do Plan Director Estatal este III Plan o fai dun xeito moito mais evidente que nos casos anteriores, cunha asunción acrítica das orientacións estratéxicas da cooperación española. 

-En segundo lugar o axuste é económico. Si nos orzamentos do ano 2009 chegábase ao pico de 11,66 millóns de euros no programa 331A Cooperación Exterior e ao Desenvolvemento  as actuacións do Partido Popular levaron a unha rápida e drástica caída, 7,86 millóns de euros no ano 2011 e 4,14 millóns no ano 2013. Os orzamentos para o 2014 consignan a mesma cantidade que no 2013, que si a axustamos ao incremento do IPC dende xaneiro de 2003 (mais dun trinta por cento) resúltanos que é moi inferior ao orzamento que a Xunta de Galicia estaba dedicando na altura, o ano da aprobación da Lei de Cooperación. O III Plan Director acomódase no discurso de “aledénomos, que podía ser peor” e o seu horizonte financeiro só chega a garantir que a cifra dos orzamentos do ano 2014, 4,14 millóns, tentarase manter durante os anos de vixencia do plan. A letra do plan só garante a publicación estable da convocatoria de educación para o desenvolvemento, para as cales  o plan anual do ano 2014 fixa unha dotación de 315.000 euros. O furacán da austeridade financeira leva por diante a convocatoria de programas de ONGD que financiaba accións de maior complexidade e impacto que a destinada a proxectos.

A grande novidade do plan é o anuncio do estudo da redacción dunha nova lei de cooperación, proposta que debería considerar totalmente fora de lugar dado o pouco sobre o que hai que lexislar, e en todo caso a lei aprobada no ano 2003 precisaría dun axustes mínimos que a farían perfectamente válida para outros dez anos. Semella que non é mais que unha cortina de fume para agochar o escaso compromiso sobre a materia.

No eido das prioridades xeográficas o novo plan reduce o número de países prioritarios a 10 xa que na discusión parlamentaria sumouse aos incialmente propostos Cabo Verde, inexplicablemente excluido na proposta que chegou ao Parlamento. Pódese dicir que a prioridade xeográfica, á que se dedicara entre o 75% e o 80% dos fondos, é case exclusivamente América Latina, en consonancia coa política estatal de priorizar os países de rendas medias.

O III Plan Director pon en evidencia as poucas raíces que na administración autonómica ten botado a cooperación para o desenvolvemento e a dificultade, logo de mais de 25 cooperación por parte das organizacións sociais, de visualizar un sistema galega de cooperación.

E para rematar este breve comentario sirva unha referencia a un tema de actualidade. Fai unhas semanas  a prensa galega recollía unha entrevista cun experto na piratería no océano Índico na que se cifraba o custo da loita contra a piratería en mais de mil millóns de euros. É tal difícil que os nosos gobernantes interioricen que a mellor loita contra a piratería, ou contra a inmigración ilegal que tanto preocupa, e tamén, estou convencido, contra o radicalismo de calquera tipo é o desenvolvemento.  E tan difícil interiorizar que deixar á súa sorte, á súa mala sorte, a millóns de persoas é peor das políticas posibles?. Tamén para nos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais