Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Faro de Vigo 30 de Novembro de 2018 Ríos

Ignorancia

jinping.jpg

Seguía os ecos da recente visita de Xi Jinping a España no telexornal da noite pola 1 cando asomou no televisor un titular: “Identificado por si era opositor de Jinping”. Aínda que puidera parecelo, a broma non era o dispositivo policial posto en marcha na Porta do Sol da capital Madrid para identificar a un disfrazado de Winnie the Poop por si se trataba dun presunto crítico co presidente chinés, senón que se referiran a el como “Jinping”. A desgraza non acaba aí. No discurso de gala ofrecido ao ilustre visitante no Palacio Real nada menos que polo rei Felipe VI este aludiu igualmente ao “Presidente Jinping”. Despois de 45 anos de relacións diplomáticas e séculos de relacións múltiples e diversas, nas mais altas instancias informativas e políticas non están ao tanto aínda de algo tan elemental como que na China os apelidos van primeiro e os nomes, despois.

A anécdota, tan simbólica como clarividente, amosa canto descoñecemento hai aínda a propósito da China. E mostra tamén canto falta por percorrer para acadar unha mínima comprensión da súa cultura e sociedade. Unha grave tara pois sen iso as limitacións para comprender todo o demais son dificilmente superables, quedando a expensas de tópicos e prexuízos, fillos directos da ignorancia.

Igual de importante é asomarse a China con certo sentido da perspectiva. China é hoxe moi desigual e padece moitos desequilibrios. É o segundo país do mundo por número de multimillonarios e a segunda potencia económica do planeta, pero o seu Índice de Desenvolvemento Humano sitúase na posición 86 a nivel global. Claro que nos últimos 40 anos, máis de 700 millóns de chineses saíron da pobreza en virtude das reformas que impulsara Deng Xiaoping e en 2020 esta debe quedar totalmente erradicada. Non é pouca cousa para un país que representa o 20 por cento da poboación mundial e que só conta co 7 por cento das terras de cultivo dispoñibles. En 1949, cando Mao proclamou a Nova China, o seu PIB equivalía ao de 1890, cunha poboación inmensamente pobre e rural. Tiña acumulados no lombo 33 anos de guerra consecutiva, entre a civil e a desatada contra o invasor nipón. Se un contempla ese horizonte debidamente contextualizado e con perspectiva, aprecia mellor o moito logrado e tamén o moito que aínda pode quedarlle por avanzar para conformar unha sociedade minimamente xusta, desenvolvida e sostible.

Cultura e historia, contextualización e perspectiva, son vigas precisas para entender a un xigante como o chinés. Ninguén sabe o que dará de si o experimento actual pero non deberamos pasar por alto que durante practicamente 20 séculos China foi o país máis importante do mundo. Por algo sería. A superación dos humillantes dramas dos últimos 200 anos, dous séculos de amarga decadencia, é agora o soño chinés, o soño de Xi, non o soño de Jinping. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais