Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 21 de Decembro de 2017 VV.AA.

Honduras: a ira postelectoral

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, colaborador do IGADI
Protestas en na capital hondureña Tegucigalpa. Fonte: Nova China

Dende o pasado día 28 de novembro, o país centroamericano atópase inmerso nunha espiral de violencia, indignación, protestas cidadás e férrea contención por parte do Estado, chegando a decretar o estado de excepción, impoñer un toque e suspender as garantías legais por un período de 10 días. O detonante da situación atopámolo nas eleccións xerais do pasado 26 de novembro que, envoltas nun halo de escurantismo e reclamacións de fraude, vinte días despois atopábanse sen un gañador oficial recoñecido polo Tribunal Supremo Electoral (TSE). 

Ámbolos candidatos, o actual Presidente Juan Orlando Hernández (Partido Nacional), que se presentaba trala polémica resolución de Tribunal Supremo que lle permitía a reelección (pese a estar prohibida na Constitución), e Salvador Nasralla (Alianza de Oposición contra a Ditadura) decláranse vencedores dun proceso electoral repleto de sospeitas e irregularidades, como así o testemuñan as principais misións observadoras internacionais (UE, OEA etc.).

A tónica non resulta anormal na rexión, sendo relativamente habituais as impugnacións de resultados e a falta de recoñecemento polos adversarios políticos. Sen embargo, a complexa situación do país, así como a recente experiencia vivida en 2009 tralo golpe contra o entón presidente Manuel Zelaya e a forma  de proceder do TSE nos comicios, espertaron unha crise de carácter transversal e de profunda repercusión.

O 26-N e o estalido da crise hondureña

Tras unha campaña electoral belixerante, co principal foco situado na enfangada situación de corrupción política existente (amplos sectores do anterior goberno e do presente atópanse procesado polos seus lazos co crime organizado)(1), a delicada conxuntura socioeconómica e os altos índices de violencia, o candidato opositor parecía ir gañando enteiros ante o cansazo da sociedade hondureña.

Se ben antes do comezo do proceso de votacións xa se alertou sobre posibles alteracións de mesas e resultados (pouco cuberto polos principais medios de comunicación do país), a xornada sucederíase sen incidentes significativos. As tensións comezarían a aflorar tralo reconto do TSE, que viña sendo monitorizado, pois cun escrutinio do 75,39% os resultados situaban a Salvador Nasralla á cabeza das presidenciais, superando por 46.333 votos ao actual Presidente. 

A partir deste momento o sistema de monitorización (a través da web do TSE) veríase interrompido, retomando o seu funcionamento ao cabo de varias horas e reflectindo un cambio notorio na balanza electoral, esta vez con Juan Orlando Hernández por diante de Nasralla. Os reclamos sobre posible fraude, que xa se viñan fraguando previamente, capitalizaron o discurso de candidato opositor e do defenestrado ex presidente Zelaya, esixindo un reconto total das mesas electorais e impugnando os resultados.

As multitudinarias manifestacións, pese a baixa participación nos comicios (57,52%) comezarían na madrugada do pasado 28 de novembro na capital Tegucigalpa e prontamente sacudirían outras cidades como San Pedro Sula e o resto do país, sen mitigarse durante os seguintes 20 días. A falta de confirmación de resultados por parte do TSE durante este período, a falta de cobertura por parte dos medios do país e a declaración dos observadores internacionais da OEA e EU, que testemuñarían a falta de transparencia e irregularidades durante o proceso, serviría de mecha para a consumación do estalido social.

A tensión nas rúas continuaría “in crescendo” dando lugar a disturbios na maioría das grandes urbes do país, co goberno parapetándose e decretando 1 de decembro o estado de excepción(2). Pasados máis de 20 días, o bagaxe provisional arroxaría o nefasto reconto de 22 mortos e preto dun millar de detidos. Esta crecente deriva da conflitividade forzaría a sectores uniformados a declararse en folga de brazos caídos ante a perspectiva de actuar contra as manifestacións cidadás e ante a situación do país, o que terminaría por implicar –nalgunhas ocasións- un certo pretorianismo, ao utilizar forzas do exército na contención das protestas. 

Dende instancias do TSE accedeuse a un reconto parcial de sufraxios, algo máis de mil actas (5,7% de votos) de mesas electorais baixo sospeita, pese ás esixencias dun reconto de polo menos 5.000 actas das que a oposición afirma ter probas de fraude. Durante este proceso, postergado e pausado de forma premeditada, rexurdiu a posición de Manuel Zelaya á fronte das protestas e do “paro nacional” do 15 de decembro, mentres Salvador Nasralla acudía a Washington para reunirse con representantes do Departamento de Estado estadounidense –consciente de que a sintonía dos EUA, dada a súa influencia e presenza no país, resulta ineludible para canalizar o proceso-.

Neste clima, o pasado 17 de decembro o TSE oficializaba a través do maxistrado David Matamoros (membro do Partido Nacional) o triunfo de Juan Orlando Hernández e a súa continuidade coma presidente (lembremos que é algo prohibido pola Constitución) de Honduras tralo reconto das actas. A resposta da oposición, revalorizada tralo proceso, resultou previsible: non recoñecemento de ditos resultados, a denuncia de fraude, instauración dun Executivo ilexítimo que só busca o mantemento do viciado status quo e o non procesamento do seu presidente por relacións co narcotráfico (o cargo goza de inmunidade), así como alentar a continuidade da protesta civil.

Pola súa parte, o Secretario Xeral da OEA, Luís Almagro, emitiu un comunicado no que a Organización recomenda e solicita a realización de novas eleccións ante as “serias dúbidas”, “irregularidades” e “falta de certeza” sobre os comicios e os resultados obtidos. Nesta liña parece decantarse unha parte maioritaria dos observadores internacionais, así coma organismos significativos como Human Righst Watch ou Amnistía Internacional, preocupados ante a deriva violenta que parece acrecentarse no país e ante a vulnerabilidade dos dereitos sociais que se veñen sucedendo dende o comezo das protestas.

Sen embargo, o papel principal a xogar como presión para unha saída acordada ao conflito imperante dependerá notablemente da resposta ofrecida polos EUA (en maior medida) e dende o ámbito hemisférico. Polo de agora, a tónica parece seguir na liña vivida ata o de agora, cunha tensión social crecente e unha deriva de securitización do ámbito público que ameaza os dereitos fundamentais dos hondureños. Coa convocatoria de novas protestas e marchas dende o pasado 18 de decembro, semella que os días de ira no país centroamericano non albiscan un próximo final.

 

Alexandre Rey Parrado

é licenciado en Historia (USC) e Master en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais (USC e Centro de Estudos de Seguridade de Galicia.

 

 

Citas bibliográficas:

(1) O executivo de Porfirio Lobo (que accedeu ao poder tralo golpe de Estado contra Manuel Zelaya) viuse salpicado de numerosos escándalos e vínculos asociativos con grupos criminais nacionais (Grupo os Cachiros) e transnacionais (cárteis mexicanos). Entre outros, Porfirio Lobo atópase actualmente acusado polos EUA por vínculos co narcotráfico, así coma os seus fillos (en prisión) ou actuais representantes gobernativos como Julián Pacheco (actual ministro de Seguridade).

(2) Dita situación permitiu o establecemento dun “toque de queda” de 12 horas (entre as 18.00 e as 06.00), sendo detidos e procesados polo Fiscalía Xeral todos aqueles que o transgredisen ou aqueles sospeitosos de causar danos a outros cidadáns ou bens. Do mesmo xeito supedita ás Secretarías de Estado e órganos do Lexislativo a supeditarse ás Forzas Armadas e Policía Nacional.

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais