Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Público 16 de Abril de 2017 Ríos

Guerra en Corea?

corea.jpg

A suspensión dos paquetes turísticos e os voos entre China e Corea do Norte evidencia a gravidade do momento que se vive na península coreana. EUA reiterou que pondera o uso de opcións militares en resposta aos programas nucleares de Pyongyang. As celebracións do 105 aniversario do nacemento do fundador do réxime juche, Kim Il-sung, poderían determinar novas medidas de corte belicista por parte do seu neto, Kim Jong-un, incluíndo unha hipotética sexta proba nuclear ou o lanzamento experimental de novos prototipos de mísiles. Pola súa banda, o recen chegado Trump pronto se fartou da “paciencia estratéxica” do seu antecesor e coa súa alocución de que “o problema de Corea do Norte será atendido”, non dubida en botar máis leña ao lume dunha situación que ameaza con desbordarse. A suma do carácter impredicible dun e outro mantén en albas a toda a rexión e o mundo.

Pero máis aló das fanfurriñas, é posible que nesta ocasión ningunha das partes atravese a liña vermella. Os avisos de China a Corea do Norte foron máis serios que nunca (suspensión de importacións de carbón, restrición das exportacións de petróleo). Pola súa banda, Trump non pode obviar que o sistema de defensa antimísiles THAAD que instala en Corea do Sur -pese ás duras protestas chinesas e rusas- aínda non está operativo e que, ademais, o país vive un momento de grave inestabilidade política trala dimisión da súa presidenta Park e a convocatoria de comicios anticipados. Indudablemente, este clima influirá nos resultados electorais do 9 de maio e quizá reflote as posibilidades dos conservadores en detrimento dos liberais, menos entusiastas do THAAD, evitando un xiro á filipina.

En tanto estes dous problemas non estean resoltos, desaconsellaríase unha acción militar directa, o cal non será óbice para que a presión militar aumente e a atmosfera subseguinte desate unha guerra de nervios e asfixie calquera tentativa de recondución diplomática.

Un hipotético ataque militar a Corea do Norte non podería eliminar de vez as capacidades nucleares de Pyongyang e non quedaría sen resposta. Unha confrontación militar, conduza ou non a unha guerra total, será un pesadelo para toda Asia oriental. Para desnuclearizar a península de Corea, as partes involucradas non teñen outra opción que negociar e facer concesións. A alternativa da guerra só pode agravar os problemas. Non bastan as leccións de Iraq, Siria, Afganistán, Libia, etc? Imaxinar que un conflito destas características pode axudar a resucitar ou reafirmar cuestionadas hexemonías na rexión ou dar ao traste coas pretensións dos rivais estratéxicos é xogar con lume e o balance final podería resultar moi diferente ao esperado. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais