Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 9 de Outubro de 2017 VV.AA.

Guatemala: a presidencia contra a CICIG

(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC)
images.jpg

O pasado 27 de agosto, o presidente guatemalteco Jimmy Morales comparecía publicamente para comunicar a súa intención de limitar e supeditar, de feito, aos intereses do executivo guatemalteco o mandato da Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala (CICIG). Do mesmo xeito, declaraba persoa non-grata a Iván Velásquez, Fiscal Xeral da Comisión, e esixía a súa expulsión do país, ante o xeneralizado estupor nacional e internacional.

Posteriormente, o 13 de setembro, o Congreso votaría a favor de manter a inmunidade do xefe do executivo, ante as crecentes investigacións por financiamento ilegal da súa ultima campaña electoral. Do mesmo xeito decretaríase unha controvertida reforma xudicial para que máis de 400 delitos graves (moitos relacionados con corrupción) tiveran penas conmutables por sancións económicas (menos de US$ 3.000). Un duro golpe en contra das políticas e iniciativas de loita contra as redes de clientelismo, a corrupción  e a impunidade.

A tónica non era demasiado excepcional na historia recente da convulsa rexión centroamericana. Sen embargo, dende o primeiro momento, a presión social mantívose constante, así como a xudicatura e determinados membros das institucións manteranse comprometidos, non dispostos a deixarse dobregar ante a contaminación das súas estruturas. O camiño aberto dende a consolidación da CICIG, co compromiso de sectores importantes estratéxicos para o país, así coma o progresivo impulso social, semellan atoparse reforzados, o que configura unha ferramenta de incalculable valor para o fortalecemento democrático.

A CICIG coma punta de lanza da depuración do Estado

En anteriores artigos falábamos das iniciativas que se estaban desenvolvendo en Honduras e Guatemala en materia de seguridade e rexeneración democrática, das que destacábamos especialmente o papel da CICIG. Dende a súa implantación no 2007, baixo o amparo da ONU, a Comisión supuxo un cambio de rumbo significativo ante a persistente realimentación entre mafias criminais e as elites do país, manténdose firme na súa loita contra a corrupción e colectando éxitos significativos.

En 2013, trala chegada de Iván Velásquez, abalado xurista colombiano, a  labor da Comisión comezou a focalizarse nas estruturas paraestatais establecidas como grupos de poder fáctico do país. Para levar a cabo esta estratexia, estableceuse como eixo fundamental de investigación as múltiples tramas de financiamento ilícito, lavado de cartos e corrupción. Este enfoque supuxo, salvo contadas excepcións, un feito sen precedentes para todo o istmo centroamericano. Como recoñecía Ignacio de Lucas(1), coordinador da Rede Centroamericana de Fiscais contra o Crime Organizado (REFCO), as investigacións, acusacións e condenas por lavado de activos na rexión mostrábanse como anecdóticas.

Era unha aposta arriscada, enfrontábase de forma directa á metástase dunhas institucións copadas por unha corrupción perpetuada dende o final da guerra civil que, sen dúbida, reaccionaría. Pese ao escenario nada prometedor, recolléronse notables éxitos, coma os máis de 200 procesamentos e infinidade de investigacións abertas, que tiveron a seu punto máis álxido no 2015 ca trama da “Línea”, cobrándose o posto do ex Presidente Otto Molina e da súa  vicepresidenta Roxana Baldetti, actualmente extraditada aos EUA.

De forma paralela, e quizais un dos maiores éxitos da Comisión, foi o seu papel como catalizador da indignación cidadá, longo tempo aletargada e resignada. Ante o compromiso da xudicatura, a proliferación das investigacións da CICIG e a perspectiva dun cambio ante a impunidade existente, o “espertar” cidadá, con marchas e manifestacións masivas por todo o país, configurou a ferramenta chave para un cambio de rumbo na dinámica do país.

Os detonantes

Co inicio da presidencia de Jimmy Morales (2016), un outsider considerado a priori exento dos vicios da vella política, existiu un apoio tácito cara o labor da CICIG, logrando un certo equilibrio entre a presión e apoio da elite socioeconómica e política tradicional e o relativo compromiso pola depuración do país e a loita contra a corrupción. Sen embargo, a situación foise inclinando paulatinamente cara unha postura contraria a labor da Comisión, que tería o seu punto de maior tensión no pasado mes de agosto.

Os argumentos esgrimidos amparábanse na suposta intromisión da CICIG, e do seu Comisionado, na política interna de Guatemala. Dita intromisión sinalábase nos chamamentos públicos realizados en favor de reformas constitucionais en materia de desenvolvemento humano e reforzo do sistema xudicial, e impulsados pola proxección mediática da Comisión.

Sen embargo, outros sucesos pareceron influenciar máis notoriamente nesta precipitada e sorprendente decisión. O cerco xudicial ao actual presidente non facía senón estreitarse, pois comezaban a aflorar evidencias tanxibles sobre o financiamento ilegal da súa campaña electoral, concretamente US$ 900.000 en contribucións non declaradas. O día 25 de agosto, a CICIG e o Ministerio Público (Fiscalía Xeral de Guatemala) presentaban unha solicitude formal ao Parlamento para revocar a impunidade presidencial e investigar ao actual mandatario. Configurábase así a primeira ameaza directa á supervivencia política do presidente.

Co apoio de sectores tradicionais e vellas estruturas clientelares, descontentas e reactivas ante a labor da CICIG, o presidente Morales dispúxose a defender un mandato político en perigo, o que de forma paragóxica terminaría por situar súa continuidade, e a gran parte do seu círculo, contra as cordas.

A resposta

A pesar dos feitos acaecidos en 2015 e da paulatina aquiescencia de certos sectores político-sociais cara a rexeneración democrática e a loita contra a corrupción, non se prevía unha resposta tan dilixente e heteroxénea. Sen pasar apenas 24 horas do anuncio do presidente, a Corte de Constitucionalidade de Guatemala declaraba a nulidade provisional da orde de expulsión de Iván Velásquez, orde que revocaría definitivamente o 29 de agosto.

Pola súa parte, a indignación cidadá xa tomara dimensión na rúa, con múltiples marchas que esixían a dimisión da actual cúpula gobernativa. Dende o ámbito internacional tamén comezaba a materializarse a presión contra o controvertido mandato; dende a representante dos EUA na ONU, Nikki Haley, ata a Alta Representante de Política Exterior e Seguridade da Unión Europea, Federica Mogherini, a resposta foi unánime, exhortando ao presidente de Guatemala a revisar a súa posición fronte a CICIG e o seu Comisionado.

Sen embargo, o clima de tensión dispararíase durante a primeira quincena de setembro debido a varios sucesos. Por un lado, a polémica reforma xudicial actuaría de catalizador da indignación pública, convocándose unha concentración multitudinaria fronte as portas do Congreso de Guatemala. Doutra banda, o día 12 de setembro faríase pública a existencia dun sobresoldo percibido por Jimmy Morales, pagado polo Ministerio de Defensa, polo que o descrédito cara a figura do presidente acrecentaríase de forma substancial.

Se o revés xudicial e o apoio manifesto de parte da comunidade empresarial e política supoñían un duro revés, a mobilización cidadá desembocaría na anulación das reformas en mandatos anteriormente descritos. Baixo  “hagstagscomo #PactodeCorruptos ou #ParoNacional20S correrían diversas iniciativas e convocatorias a través das redes, que conseguiron congregar a milleiros de persoas nas multitudinarias manifestacións e convocar una folga xeralo pasado 20 de setembro.

Ante a presión imperante, o Congreso de Guatemala terminaría por revocar a polémica reforma xudicial, así como a blindaxe xurídica ao presidente Morales. Do mesmo xeito, o presidente pediría perdón publicamente polo sobresoldo e mostraríase disposto a devolver o importe íntegro. Finalmente, sucederíanse numerosas renuncias, entre as que destacan a do Ministro de Interior, Francisco Rivas ou a do Ministro de Finanza, Julio Héctor Estrada.

Nesta sorte de “calma tensa” atopase actualmente o país centroamericano, a espera de que se decida o futuro político dun goberno totalmente desacreditado e no que as elites e vellas redes clientelares sufriron un duro e inesperado golpe. A labor da CICIG e a aquiescencia cada vez máis notable pola loita contra a institucionalizada corrupción poden configurar unha punta de lanza para toda a rexión. A sociedade guatemalteca demostrou claramente que nesta loita non hai marcha atrás. Como reflectía  Martín Rodríguez Pellecer nun recente artigo para o New York Times, “se las fuerzas democráticas consiguen derrotar a las mafias del Estado, Guatemala, tan golpeada como resiliente, podrá ser un ejemplo para toda América Latina(2).

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas Bibliográficas:

(1) Fórum :“The Transnational Nature of Organized Crime in the Americas”, Woodrow Wilson Center (09/04/2013) min. 17:15 [Recuperado de] https://www.wilsoncenter.org/event/the-transnational-nature-organized-crime-the-americas#field_files

(2) Rodríguez Pellecer, Martín: “Guatemala será una república mafiosa o una democracia” The New York Times (20/09/2017) [Recuperado de] https://www.nytimes.com/es/2017/09/20/guatemala-sera-una-republica-mafiosa-o-una-democracia/?action=click&rref=collection%2Fsectioncollection%2Fnyt-es&contentCollection=inicio&region=rank&module=package&version=masinformacion&contentPlacement=3&pgtype=Homepage

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais