Distribuir

Distribuir contido
Praza 16 de Abril de 2019 Ríos

Galicia, eleccións xerais e acción exterior

galicia_in_spain_.png

Cabe alegrarse de que as propostas galegas que concorren aos comicios xerais incorporen cada vez máis nos seus programas reflexións e medidas a propósito da nosa acción no ámbito dos intereses exteriores. Isto importa especialmente para influír, en primeiro lugar, nun cambio na nosa cultura política que sexa capaz tanto de ampliar horizontes como de sumar a internacionalización en todas as súas dimensións ao catálogo de demandas do país.

En efecto, non se trata só de asegurar a plena participación das autonomías no desenvolvemento das propias competencias no marco europeo e global, senón de  instar a participación directa na concepción e xestión dos propios intereses exteriores do Estado, que debe dar cabida ás súas necesidades e ambicións establecendo sinerxías mutuamente beneficiosas.

Fronte á tendencia recentralizadora instada por algunhas formacións políticas nos últimos anos, compre opoñer neste eido un pensamento exterior acorde coas esixencias de transformación e participación cívica nas políticas públicas –e esta tamén o é- capaz de incorporar aqueles eidos nos que Galicia pode desenvolver políticas específicas que deveñen das súas propias características nacionais.

Admitida a crítica sobre a improcedencia de regulamentar por decreto a nosa acción exterior, agora que a Xunta de Galicia semella proporse a elaboración dun novo marco normativo na busca do máis amplo consenso, importa, primeiramente, instar a modificación da lei estatal da acción e do servizo exterior, de 2014, para superar a visión restritiva que a inspira instando outra acorde cunha visión da participación internacional que responda aos requirimentos dos novos tempos.

Case corenta anos despois de aprobarse o estatuto de autonomía, incluso as tímidas previsións que contempla relacionadas con esta materia seguen á espera de desenvolvemento. O estado, Europa, o mundo, cambiaron de xeito notable dende 1980. Non semella haber condicións para modificar agora ese estatuto pero si pode habelas para procurar un maior alongamento da nosa esfera de actuación e tamén para achegar unha maior e mellor cobertura desas accións. Por suposto, a regulación do voto exterior, a incorporación da nosa diáspora á acción política, a asunción a todos os niveis da realidade plural do Estado e a súa visibilización global, o papel preponderante de Galicia en áreas e eidos específicos, etc., requiren atención urxente.

É posible aquelar unha axenda común con vascos e cataláns para promover un compromiso activo cunha visión transformadora no trazado da política exterior estatal. Partindo da coincidencia na defensa de valores e principios compartidos, pódese mesmo aspirar a reforzala cunha vontade innovadora na praxe exterior que poña coto á belixerancia exclusivista de tempos recentes. A suma a partir da incorporación da pluralidade non ten por que debilitar o Estado e este e todos deben preocupárense de dotar de coherencia a presenza exterior dos respectivos axentes. É posible consensuar unhas regras de xogo.

Para actuarmos no mundo temos tamén que actuar a través do Estado. Facendo uso dos seus activos e mecanismos, na conxuntura presente importa ser capaces de integrar a pluralidade existente en termos de representación co desenvolvemento de políticas no eido exterior.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais