Distribuir

Distribuir contido
Grial 8 de Agosto de 2013 Ríos

Galeguismo, Federalismo e Cultura

A propósito de "Outra política para outros tempos" de Xosé Luís Franco Grande

Varias ideas fundamentan este novo ensaio de Franco Grande. A primeira, a reivindicación do carácter integrador e inclusivo do nacionalismo galego nun contexto no que sistematicamente se lle acusa de todo o contrario. Reivindica tamén a súa dimensión máis fonda, a defensa da cultura propia, a que nos sinala e identifica como país, transcendendo polo seu calado calquera outra manifestación por forza sempre conxuntural. O académico de Tebra desautoriza de plano aquelas opcións, nacionalistas ou non, que pasan por alto esta obriga, consubstancial á nosa existencia e lamenta a perda dun consenso elemental que bota raíces con disparatadas políticas baseadas na autodestrución. Afonda Franco Grande na actitude histórica do nacionalismo e no seu talante de apertura ao exterior, entendendo sempre, no dicir de Plácido Castro, que a súa é unha proposta para superar o noso largo incomodo histórico con novas formas de unión, circunstancia e imperativo moito máis evidente á luz das interdependencias do noso tempo.

A segunda, a reivindicación da solución federal, entendida non soamente como unha opción de enxeñería político-territorial senón, sobre todo, como una actitude, unha forma de encarar as diversidades non como problema senón como unha riqueza, amando, como el di, a complexidade das cousas e rexeitando as simplificacións, sempre miserentas, que nos levan ao totalitarismo. O autor afonda no devalar europeo e nos pensadores e estadistas que avogaron por unha unidade do vello continente con base na cultura común e da que Galicia tamén forma parte. En suma, unha volta ás orixes federalistas nun tempo en que a Europa unionista esmorece por falta de grandeza e enredada nas súas miserias. Pero tamén é unha chamada de atención ao pensamento nacionalista que precisa transcender as formulacións comúns de corte soberanista stricto sensu para suxerir outras propostas de autogoberno e á vez de coexistencia que dean respostas ás novas realidades do século no que andamos. É unha solución para interminable “cuestión nacional” de España no marco continental.

Aproveita Franco Grande igualmente para reivindicar o alcance e visión da tarefa política do galeguismo da posguerra centrada na cultura e non no controvertido “culturalismo”, cun deliberado horizonte de longo prazo, o único non só verdadeiramente posible naquelas circunstancias senón o verdadeiramente capaz de mudar as cousas de raíz. Esa matriz, antes e despois da guerra, foi sempre internacionalista, e abonda en exemplos de persoas, militancias, correntes e iniciativas que así nolo demostran xenerosamente, sen necesidade de forzar cousa ningunha.

Paga a pena, en contraposición, a crítica do nacionalismo español, agora mesmo en pleno auxe entre nós, excluinte por vocación e por ignorancia, aserto que vale para boa parte do variopinto escenario da política española e as súas proxeccións xurídico-mediáticas que debuxan un escenario de subordinacións e asimetrías que nos abocan a unha crise irresoluble e permanente. España é un país difícil, di, e o peor do nacionalismo español é a súa espantosa incultura, entendida esta como a capacidade para recoñecer a excelencia do diferente, a fortuna que supón a diversidade –vivida reiteradamente como lastre- e, polo mesmo, de construír unha relación equitativa que sirva de fundamento para unha lealdade compartida.

A proposta, tan reflexiva e crítica como construtiva, complétase cun chamamento a facer no noso país cultura con maiúsculas, combatendo o estado de autocompracencia, reivindicando a crítica e o equilibrio, teimas indispensables para estarmos presentes no mundo con ela como valor primeiro. Ese problema debemos resolvelo nós, dentro, pero tamén fomentando un contacto exterior que nos axude a situarnos ante as nosas forzas e as nosas fraquezas. Non é de exportar do que trata senón de estar no mundo como somos cun nivel de recoñecemento acaído froito de achegar o mellor de nós ao común da humanidade. Pero tamén invita a poñer en valor o local, as comunidades de base, onde se pode recuperar o orgullo e a dignidade deste país, escéptico ata a medula, e que precisa “volver a crer en si mesmo para crear o seu propio destino sen consentir que outros llo impoñan”.

Para Franco Grande, a clave de todo pasa pola cultura. É a devaluación da cultura, que é moito mais que literatura ou coñecemento experto, o feito que en boa medida explica que a mediocridade se vaia estendendo como un cancro na nosa sociedade. Sen a superación da incultura actual, que medra exponencialmente en todos os escenarios imaxinables, pouco poderemos avanzar. Todos os males proveñen desa ignorancia, sinala, que avanza, inexorable, nun contexto de culto aos trebellos e non ás ideas, entre todos os segmentos e tendencias da nosa sociedade. E tamén, sen cultura federal non hai federalismo posible.

Franco Grande propón un regreso ás lecturas e preocupacións da súa mocidade, a autores e ideas en boa medida asolagadas que probablemente farían posible civilizar España, a gran tarefa pendente dos demócratas na península. O fracaso da comprensión da pluralidade explica o incontestable reinado da tutela, cunhas autonomías en precario e á baixa, fonte de conflitos sen fin. Pero tamén invita a repensar a política nacionalista ou simplemente a política galega, a secas, postulando novos usos que a dignifiquen e sobre todo unha fonda asunción do que somos colectivamente, isto é, antes que nada, cultura. Sen ela, perderémolo todo.

Estamos a unha homenaxe a aquel galeguismo que militaba entre os primeiros europeístas do continente e que foi europeísta moito antes de que nos abafara este outro europeísmo rancio e converso, superficial e oportunista. Toda unha mostra de afecto igualmente a un dos seus apóstolos mais significados na posguerra, Ramón Lugrís.

Un libro tan provocador como oportuno e necesario para (re)abrir os debates que importan.

Franco Grande, Xosé Luís. Outra política para outros tempos. Galaxia, 2013, Vigo. 130 páxinas.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais