Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 31 de Outubro de 2015 VV.AA.

Francia vira as costas á súa propia diversidade lingüística

Unha análise de Daniel Arias (estudante en prácticas da USC)
paris_4.6.2004_013.jpg

No país galo atopamos unha rica diversidade cultural por mor da existencia de diferentes pobos e culturas que cohabitan coa cultura “nacional” francesa. O goberno francés caracterizouse ao longo da súa historia recente por ser defensor arduo dunha cultura e lingua nacionais uniformes. Esta dinámica política devén da Revolución Francesa, que sempre primou a unidade e indivisibilidade da nación gala asociada aos valores republicanos do xacobinismo. Esta política centralista fai que tódalas diferentes culturas e minorías existentes no territorio francés síntanse ignoradas e desprezadas por un Estado, por outra banda, considerado por non poucos paradigma de democracia. En pleno século XXI podemos constatar como nunha das democracias mais importantes e consolidadas do mundo, idiomas de gran importancia cultural como o Bretón, o Galó, o Occitano, o Corso ou o Alsaciano viven á marxe das leis estatais, sen gozar de ningún recoñecemento por parte das institucións.

Recentemente, o Senado francés rexeitou o proxecto de lei de ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, firmada por Francia no ano 1999. O resultado da votación foi que 180 dos 335 votos emitidos rexeitaron  a proposta que fora compromiso electoral do actual presidente François Hollande. Isto anubra de novo o futuro das linguas minoritarias e dos seus falantes en territorio francés.

A UNESCO, con sede en París, nos seus estudos sobre linguas do mundo en perigo, localiza en Francia un total de 26 idiomas que están a piques da desaparición. As linguas autóctonas son as que peor están.

A perda de falantes dos diferentes idiomas minoritarios é progresiva ao longo dos últimos anos, aínda que cada vez máis pronunciada. As novas xeracións, influídas en gran medida pola globalización, tenden a dar mais prioridade ao idioma considerado como mais importante.

No caso da Bretaña, territorio cunha cultura amplamente arraigada historicamente e considerada como unha das antigas nacións celtas, atopamos dous idiomas de importancia, o bretón e o galó. O idioma bretón é propio na zona mais occidental da rexión. Segundo a UNESCO, esta lingua ten un número de falantes estimado de 250 mil e actualmente atópase en situación de perigo severo. A súa vez, o bretón divídese en catro dialectos; o vannetés no sueste, o cornuallés no sudoeste, o leonés ao noroeste e o tregorés ao noreste. Por outra banda, atopamos o galó, falado na zona mais oriental. Este idioma atópase nunha situación mais crítica aínda que o bretón pola influencia mais directa dos territorios de fala maioritaria francesa. Isto tamén é debido en parte á falta de literatura no propio idioma. Segundo a UNESCO, o galó ten uns 200 mil falantes, aínda que a realidade apunta que poderían ser moitos menos.

O occitano atopámolo na práctica metade sur do país galo, o denominado mediodía francés, e pode considerarse como o mais falado en Francia despois do francés. Segundo os datos da UNESCO, conta con máis dun millón de falantes divididos nos diferentes dialectos, ademais de ser considerado como un idioma en severo perigo. Actualmente, estímase que uns 8 millóns de persoas teñen certa competencia no idioma se ben non o usan como lingua habitual. Os principais dialectos que conforman o occitano son; o auvernense, o gascón, o languedociano que é o máis falado, o limosín, o provenzal e o vivaroalpino.

Na rexión de Alsacia acontece outro tanto. Neste territorio atopamos o denominado alsaciano, conformado por un conxunto de dialectos e variedades lingüísticas propias da rexión de Alsacia. Estes dialectos están emparentados co alemán por mor da proximidade e a influencia histórica do país xermano na rexión alsaciana. Non existen demasiados datos acerca do número de falantes que esta lingua ten actualmente pero especúlase que podería roldar os 700 mil.

Por último, atoparíamos o corso, propio da illa mediterránea. Tamén é considerado como un conxunto de dialectos toscanos. O número de falantes, segundo a UNESCO, podería roldar os 160 mil, sinalándoo como lingua en perigo. Neste caso, o nivel de perigo é inferior, quizais debido á insularidade do territorio.

Todas estas linguas posúen un trazo común, a subdivisión en diferentes dialectos. Esta situación débese á falta da institucionalización e normalización lingüística dos diferentes idiomas existentes, en clara inferioridade fronte á lingua estatal, o francés.

Na actualidade, a situación nas diferentes comunidades nas que é falada unha lingua distinta da estatal é bastante similar. Agás a illa de Córsega, onde o corso é recoñecido como lingua histórica, que non oficial, o resto de zonas con idiomas propios non teñen apoio ou recoñecemento algún por parte de París Isto supón unha discriminación clamorosa de cara ás minorías lingüísticas. E a menos que se produza un xiro inesperado da opinión pública e da axenda dos partidos políticos, esta vaise ver  agravada nos próximos anos.

Incomprensiblemente, o París das Luces amosa neste aspecto poderosas sombras, ilustradoras dunha total irresponsabilidade para coa supervivencia dun patrimonio cultural que pertence á humanidade toda.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais