Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 25 de Abril de 2019 Martínez Pellitero

Evolución e Contribución dos ODS en América Latina (II)

A CEPAL considera imprescindible a incorporación feminina en condicións igualitarias ao mercado laboral. Foto: CEPAL

Case catro anos despois da entrada en funcionamento da Axenda 2030 das Nacións Unidas e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible instrumentalizados en 169 metas e varios centos de indicadores, América Latina e o Caribe afronta un foro crucial baixo o paraugas da Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL), do que deberán definirse análises de seguimento concretos que redefinan as estratexias de desenvolvemento e planificación nacionais nos próximos anos. Un tema non menor nunha das rexións que mais recursos e capacidades ten investido nesta idea do desenvolvemento nas últimas seis décadas.

Neste segundo artigo tentaremos resumir algúns puntos que, por mera extensión –e non por importancia(1)- tiveron que ficar fora da primeira entrega. E é que como ben se sabe este proxecto da Axenda 2030 é un proxecto transformador transversal a todos os niveis ,no que se recollen os grandes desafíos que deberá afrontar a sociedade mundial (tanto países desenvolvidos coma en vías de desenvolvemento ou practicamente sen desenvolver) nos próximos 10 anos.

En primeiro lugar, e por establecer unha conexión coa primeira parte desta análise, compre lembrar que os grandes avances atinxidos na maioría de índices relacionados co desenvolvemento inclusivo obtivéronse na década comprendida entre 2004 e 2014. A caída dos indicadores de pobreza e pobreza extrema (ODS 1), grazas as maiores políticas redistributivas levadas a cabo polos gobernos progresistas, pero tamén grazas ao maior dinamismo das economías latinoamericanas e á conseguinte maior capacidade do mercado de traballo de xerar un emprego de maior calidade (aspiración coa que pechamos esa primeira entrega). Por iso, esta dinámica freada nos últimos anos está repercutindo directamente na desaceleración da rebaixa duns índices que chegan a acadar o 29.6% de pobreza e 10.2% de pobreza extrema no 2018(2).

Esta mesma tendencia ao estancamento das reducións pero con trazas aínda mais críticas se da co respecto ós índices de poboación con fame ou malnutrición, a mesma FAO confirmou en 2017 que as taxas de persoas que pasan fame están aumentando nos últimos anos e como afirma (CEPAL, 2019; páx.124), se non se produce un cambio de tendencia será imposible que a rexión erradique o problema da fame nin en 2025(3) ni en 2030(4). Similares e preocupantes tendencias aparecen cando falamos de prestacións e coberturas sanitarias, no que o acceso ás mesmas non son igualitarias para todos e todas, e conseguir e loitar por unha atención sanitaria universal debe ser unha meta primixenia en aras de conseguir as propostas do ODS 3.

Semella evidente, por tanto, que para conseguir pechar moitas destas enormes brechas sociais que se dan en América Latina e o Caribe precísase, en primeiro lugar, crecemento económico, mais, en segundo e non menos importante, a capacidade e vontade política de revertelo en favor das grandes maiorías desfavorecidas. Así por exemplo, melloras corroboradas como a educación (presentes no ODS 4) a pesar do progreso tanto cualitativo coma cuantitativo co respecto a principios de século, poden perderse na transición ao mercado laboral se este non ofrece as posibilidades axeitadas aos mellores nivel de educación da poboación.

Introducindo a dimensión de xénero, a CEPAL sinala que este problema afecta especialmente ás mulleres xoves (tanto rurais coma urbanas), e por tanto deberían centrarse esforzos en facilitar a incorporación feminina en condicións igualitarias ao mercado de traballo, nun sistema e nunha sociedade no que xa contan con suficientes dificultades polo simple feito de ser mulleres. De xeito específico, ponse o foco sobre as mozas de áreas urbanas que experimentan cedo a maternidade e despois teñen enormes dificultades para conseguir un primeiro emprego digno, reproducindo as desigualdades tanto de clase coma de xénero sobre os seus fillos e fillas.

Para pechar esta serie imos a profundar, agora si, nunha cuestión absolutamente central cando falamos dun desenvolvemento sostible que non comprometa as capacidades e dereitos das xeracións que nos sigan para obter o seu propio desenvolvemento, a transformación das sociedades cara unha perspectiva integralmente sustentable, referíndonos aquí tanto a centros e asentamentos urbanos(5) coma a ecosistemas medioambientais e áreas naturais.

A ONU (a través do PNUMA) declara que, nas últimas décadas, o continente americano está perdendo superficie ocupada por bosques e aumentando a superficie de solo destinado á explotación agrícola, reducindo o potencial de América Latina e o Caribe coma o “gran pulmón do planeta” sen conseguir aumentar nin a produtividade nin o atrasado modelo de explotación rexional agropecuario. Unha cuestión que sempre se marca como central para avanzar neste campo é o impulso da bioeconomía, coa correspondente xeracións de biocadeas e economía circular, especialmente a partir da construción de sinerxías coa protección da biodiversidade.

Este aspecto repercute de xeito directo nun dos grandes desafíos globais para ás próximas décadas: a escaseza de auga. Precisamente co aumento da desertificación e degradación dos solos e da perda de ecosistemas vaise acrecentar un problema inminente de falta de auga doce abondo para abastecer a crecente poboación mundial. Este parece un reto complicado, en tanto que canto mais solo e recursos naturais se necesitan para alimentar a cada vez mais seres humanos, peor calidade dos mesmos imos a ter, polo que as saídas apuntan á innovación e investigación que impulsen novos xeitos de obter tanto abastecemento alimentario coma auga doce.

Outro dos grandes retos que debe afrontar ALC é o relacionado ó ODS 11, traballando para transformar as súas cidades en contornos menos agresivos para a vida das persoas, especialmente dos nenos e nenas, os mais afectados segundo UNICEF. Como afirma a CEPAL, en 2014, antes da entrada en funcionamento da axenda 2030, aínda mais de 100 millóns de persoas vivían aínda en “tugurios” nas zonas urbanas. No entanto, tamén e non menos importante é a fenda existente entre á poboación urbana e a que habita nas zonas rurais, con menores accesos e posibilidades a servizos educativos, sanitarios ou de tecnoloxías da comunicación.

Así, combinando estes dous problemas, UNICEF segue denunciando que millóns de nenos e nenas en todo o continente seguen estudando en instalacións que non contan con subministración suficiente de auga, ou que non teñen mesmo no centro un servizo básico de saneamento ou puntos de lavado de mans. Demandando que dende os gobernos se integren estratexias de acceso ao auga, saneamento e hixiene nas escolas nos plans de desenvolvemento nacionais ou de educación (CEPAL, 2019).

Pasando á dimensión enerxética, e só constatando que o acceso a esta segue sendo un problema de primeira ordena rexión para gran parte de poboación con menos recursos, hai que destacar o mal desempeño xeral cando falamos da tan ansiada “transición verde”. As enerxías renovables, a pesar de crecer en termos absolutos, non terminan de gañar peso nunha matriz enerxética(6) que destaca pola utilización de carbono. Por isto a cifra de intensidade enerxética (enerxía por unidade de produto) freou dende 2012 o descenso que viña amosando dende inicios de século e comeza a apuntar perigosamente a aumentos que difiren moito das metas que propón a Axenda 2030 (CEPAL, 2019).

Mais non todo son malas novas, polo menos con respecto á capacidade instalada no continente de enerxía eólica e outras enerxías verdes, véñense incorporando bos avances dende principios de esta década(7). Avances que, por outra banda, non terminan de convencer a unha CEPAL que é clara no referente a este apartado da sostibilidade medioambiental: son necesarios cambios estruturais tanto nos patróns de produción como de consumo, “particularmente en relación con el uso de la enerxía y del territorio, así como implementar medidas de adaptación” (CEPAL, 2019; 195) para poder disociar o futuro de América Latina e o Caribe dese ‘worst case scenario’ de cambio climático que se quere evitar a toda costa.

Tras este repaso rápido aos últimos e poderosos informes da CEPAL en relación ao avance de América Latina e o Caribe con respecto a Axenda 2030 e os ODS, os cales recomendamos encarecidamente a súa lectura para a mellor comprensión de todo o recapitulado aquí, pode quedar unha sensación agridoce, de mellora en algúns aspectos pero claro estancamento –e incluso deterioro- noutros moitos, especialmente se comparamos este cuadrienio cos progresos feitos durante ao ciclo anterior (2000-2015).

Sen embargo, debemos ser optimistas e apostar por ese forte desenvolvemento institucional, programático e estatístico xunto a algúns acordos rexionais en campos como a migración, as infraestruturas, as enxerías renovables ou a tecnoloxía que poden sentar as bases para que, de existir condicións favorables (principalmente un ciclo económico medianamente expansivo e certa vontade política), permitan aproveitar unha década na que as posibilidades que ofrece este marco e outros convenios internacionais coma o Acordo de París poden permitir un contexto favorable para afrontar esta ambiciosa tarefa.

Será clave que, moitas das recomendacións e acordos aos que se cheguen neste foro sexan incluídos nos diferentes plans de desenvolvemento nacionais ou nas políticas activas que os Estados latinoamericanos leven a cabo, impulsando en conxunto, un novo modelo tanto de produción coma de consumo responsable e sostible, que aposte polos dereitos humanos e da natureza por unha parte, e pola ciencia e a innovación por outra, que poida mudar o rumbo do barco do desenvolvemento ao que nos diriximos.

 

Bibliografía:

 

https://repositorio.cepal.org/bitstream/handle/11362/40155/S1801141_es.pdf?sequence=24&isAllowed=y

 

 


 

 

 


(1) No caso de querer “xerarquizar” os ODS mais importantes na axenda de América Latina e o Caribe, na II REUNIÓN celebrada en México no 2016, atendendo aos documentos oficiais prestouse especial atención aos: “Obxectivos relativos aos temas de auga e saneamento (ODS 6), enerxía (ODS 7), cidades (ODS 11), produción e consumo sostibles (ODS 12) e desertificación e biodiversidade (ODS 15)”.

(2) Dato de (CEPAL, 2019; páx.120)

(3) Estipulada na “Iniciativa América Latina y el Caribe sin Hambre 2025” (IALCSH)

(4) Meta do ODS 2, Fame Cero.

(5) Un dos campos no que non poderemos profundar mais existe certo consenso xeral é o relativo á necesidade de inversión e renovación dos sistemas de transporte público e infraestruturas urbanas, sendo necesaria unha mellora da “calidade, eficiencia, inclusión, seguridade, sostibilidade ambiental e perspectiva de xénero” que impidan o deterioro actual das condicións de vida urbana (CEPAL, 2019).

(6) En 1990 o 28.9% de enerxías utilizadas en ALC eran renovables, diminuíndo ao 26.5% no ano 2016. (CEPAL, 2016).

(7) Neste punto respectivo ás inversións en enerxías renovables a CEPAL é moi explícita nos seus documentos: “Una de las políticas del sector de las energías renovables en la región que debería profundizarse es la promoción de la inversión de las instituciones financieras públicas nacionales, que han ofrecido condiciones atractivas para la formación de capital y han catalizado el financiamiento privado” (CEPAL, 2019), insistindo tamén na necesidade desenvolver o sistema financeiro e os marcos regulatorios.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais