Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Nosa Terra 1 de Xullo de 2010 Gonzalves Vicente

Europa e a crise poden favorecer un goberno singular na Bélxica

Desde este mes de xullo, as rédeas do Consello da UE son tomadas por un dos seis países fundadores da Unión, Bélxica, que máis unha vez atravesa por unha situación política delicada. A eventual inestabilidade interna belga non terá efectos negativos no funcionamento institucional europeo, por non ser un caso en absoluto comparable ao da dirección checa de hai un ano; Bélxica é profundamente europeísta. Tampouco irá ser un asunto de máxima actualidade para a cidadanía do país, que estará máis atento á sempre problemática conformación dun novo executivo. No entanto, si poderá ter unha influencia indirecta, pero de relevo, na configuración da futura coalición de goberno.

Bart De Wever, líder da Nova Alianza Flamenga (N-VA).  Foto: Reuters.O pasado 22 de abril abríase unha nova crise política na Bélxica ao quebrar a coalición que tiña sostido o goberno do demócrata-cristián Yves Leterme. A disputa entre flamengos e valóns á volta do excepcionalismo da provincia do Brabante Flamengo, que a diferenza das demais se divide, a efectos electorais, en dous distritos, tiña sido a causa. Lémbrese que a tal división posibilita que os valóns que viven no distrito electoral do oeste, Brussel-Halle-Vilvoorde, conten cuns dereitos políticos en territorio flamengo dos que os flamengos non pode gozar en ningún distrito valón. Algo, claro, considerado intolerable polos neerlandófonos.

O colapso do goberno conducía a unhas eleccións anticipadas que tiveron lugar o pasado 13 de xuño. Os tres partidos que facían parte do executivo precedente foron severamente castigados. Pola contra, os resultados foron notablemente favorables para os independentistas da Nova Alianza Flamenca (N-VA , polas súas siglas en neerlandés) en Flandres e o Partido Socialista en Valonia. Son os dous partidos vistos como gañadores e, por tanto, os que contarían con maior lexitimidade para facer parte dunha nova coalición de goberno. E niso están.

Non vai ser unha tarefa fácil: os independentistas son conservadores e os socialistas de esquerdas, os primeiros arelan camiñar cara a Confederación e futura independencia total e os segundos quixeran manter unha unión suficiente como para que o maior pulo económico dos flamengos do norte poida acabar enganchando os economicamente menos dinámicos valóns do sur. Mais as mensaxes dos dous líderes teñen sido conciliadoras nas últimas semanas. Os socialistas conceden a importancia dunha nova reforma constitucional, a sexta, que aumente os poderes das rexións. Os independentistas suxírense dispostos a deixar o posto de Primeiro Ministro libre para o líder socialista, Di Rupo.

Hai certa présa por atinxir un entendemento do que poida resultar un executivo sólido. Ou que, polo menos, pareza sólido durante o tempo suficiente. Cómpre espantar os fantasmas do castigo dos mercados financeiros: Bélxica é o terceiro país máis endebedado da UE, por detrás de Grecia e Italia; e a presidencia da UE non axudará a disimular as dificultades políticas internas.

Así as cousas, unha alianza entre independentistas flamengos, que chegarían por vez primeira ao goberno, e socialistas é a máis probable. Paradoxalmente, o N-VA posibilitaría un Primeiro Ministro francófono por primeira vez desde 1974.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais