Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
El País 11 de Febreiro de 2013 Reinero González

Europa dita a nova reconversión galega

A Unión Europea senta estes días as bases da nova reconversión que diversos sectores da economía galega deberán afrontar no que queda de década. Caerán os investimentos, pescarase menos e haberá que pasar de promesas a feitos no coidado ambiental das rías. Cambie Galicia ou obríguena a cambiar, os políticos coinciden en que as cousas non seguirán igual.

A entrada de España na entón Comunidade Económica Europea en 1986 obrigou a sacrificios na construción naval, a pesca e as explotacións agrarias a cambio de inxentes axudas que renovaron o país, ás veces con proxectos de dubidosa rendibilidade. Tres décadas despois, os 27 veñen de decidir, o pasado venres, que Galicia afronte o período 2014-2020 con 1.300 millóns de euros menos de fondos europeos que en 2007-2013. Dous días antes o Parlamento Europeo aprobou para o mesmo período a nova Política Pesqueira Común (PPC) que obrigará a pescar menos. E mañá chega a Galicia unha delegación de eurodeputados para coñecer a deterioración ambiental das rías e apremar a súa corrección.

Redución das axudas europeas

O novo orzamento comunitario será por primeira vez inferior ao anterior e nel Galicia, máis rica que hai sete anos, xa non é rexión prioritaria. Para non perder de golpe as axudas, Xunta e Goberno central lograron manter o que denominan “rede de seguridade”: unha partida de 2.000 millóns ata 2020, o 60% dos 3.300 millóns que chegaron entre 2007 e 2013 para infraestruturas e políticas de emprego. Serán 200 millóns menos ao ano que repercutirán nunhas contas autonómicas cuxas partidas de investimento, moi centradas na obra pública, xa caeron dos 1.500 millóns de 2010 aos 700 de 2013.

A perda podía ter sido maior, por iso o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, móstrase satisfeito da “aterraxe suave” acadada. O que non lle impide recoñecer que Galicia terá que cambiar. “Si se pode falar de reconversión, pero eu estou por esa reconversión”, defende, evitando as connotacións históricas pexorativas do termo. “Hai que cambiar de mentalidade, primar a eficiencia e traballar por obxectivos”, di Gamallo, “porque a UE vai controlar en que se invisten os seus fondos”.

As axudas territorializadas, que a partir de 2020 desaparecerán por completo, non son as únicas que recibe Galicia. Tamén chegarán parte dos 6.500 millóns, como máximo, cos que a UE financiará os cambios da nova Política Pesqueira Común (PPC), unha insignificancia se se ten en conta que a Política Agraria Común (PAC) supón máis dun terzo do billón de euros total do orzamento comunitario. A cantidade que chegará dese novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), aínda por determinar, non compensa, a xuízo dos implicados, os sacrificios do novo marco legal. Con discrepancias entre eles, no que están de acordo todos os partidos e subsectores marítimos é en que a pesca galega terá que cambiar.

O eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo lamenta que os fondos europeos para rescatar ás caixas, máis de 5.000 millóns, “foron máis do dobre do que se recibirá entre 2014 e 2020”. “Galicia vai ter que seguir realizando un grande esforzo de modernización”, di o socialista, “agora con investimento privado, porque xa non hai entidades financeiras propias”. Pero é optimista: “Haberá axustes en toda a UE, a economía galega é máis aberta que a Española e xa avanzamos, por exemplo, en automoción ou en agricultura, ao pasar de 60.000 explotacións en 1992 a 11.000 que producen un 40% máis”.

A europarlamentaria nacionalista Ana Miranda lamenta que “a UE usa o termo diversificación económica para deixar abandonados determinados sectores, pero o que hai que facer é diversificar en cada sector”. Para ela, o que agora se está a decidir “é unha reconversión directa e a cara descuberta que afecta ás redes de transporte, á PAC, á pesca, e o peor é que a Xunta está ausente nos debates, non hai estratexia de país. “No pasado houbo malas prioridades de investimento e seguimos sen estar preparados, habería que dar incentivos ás microempresas, como outros países”, aposta Miranda de cara ao futuro.

Dende Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz critica que “co modelo capitalista da troika europea, Galicia vai sufrir unha agresión nos seus grandes sectores económicos, o naval, a gandería e a pesca”. “As restricións orzamentarias son un ataque a toda a UE, pero sobre todo a un país empobrecido como o noso”, que a dirixente esquerdista considera “mal defendido por unha Xunta que prima intereses empresariais e non os do pobo”.

Reforma pesqueira

Lonxe do que parece polas súas declaracións, as posturas dos partidos galegos non son tan distantes nin en materia orzamentaria nin en pesqueira. Todos son conscientes de que nalgún momento Galicia deixaría de recibir axudas comunitarias e a solidariedade cambiaría de destino. A discrepancia xorde sobre o ben ou mal que se xestionaron no pasado os fondos e sobre como se fará agora. Igualmente todos coinciden en que o principal problema da pesca galega é o denominado “principio de estabilidade relativa”, polo que ten a mesma capacidade legal de capturas con respecto ao resto de Europa que hai tres décadas, o que impide o desenvolvemento do sector. Pero ese principio é intocable en Bruxelas.

A reforma actual baséase na premisa de pescar menos agora para que as poboacións mariñas se recuperen e se poida pescar máis a partir de 2020. Para controlar que sexa así, obriga a desembarcar todo o pescado, sen poder tirar de novo ao mar, moitas veces mortas, as capturas non desexadas. A Confederación Española de Pesca está de acordo en reducir eses descartes, pero pide flexibilidade nos prazos e expón dificultades técnicas. O PP fai propia esa argumentación, avalada pola Xunta, para explicar o seu voto en contra. Como o BNG, que non obstante defende outras medidas ambientais da reforma e acusa o PP de primar os intereses de grandes armadores e conserveiras. O PSOE, pola súa banda, votou a favor, como o 77% do Parlamento, porque a Eurocámara aínda deberá negociar cos Estados e, segundo Sánchez Presedo, así a súa postura será máis valorada.

Pero eses non son os problemas nin do marisqueo nin da frota costeira artesanal, 4.000 dos 4.500 barcos galegos, que sen tanta capacidade de presión política ven como a PPC os “protexe” de momento só retoricamente, deixando en mans de cada Estado as medidas e axudas concretas.

Mentres, Bruxelas aumenta o control sobre os seus recursos e competencias. Esta semana chega a Galicia unha delegación de eurodeputados para comprobar de primeira man que se fixo pola mellora ambiental das rías. A Xunta, curándose en saúde, emitiu entre o xoves e o sábado sete notas de prensa ao respecto. Pero a realidade é que acumula anos de atraso, o que impide aproveitar ao máximo as potencialidades marisqueiras e pesqueiras.

Con menos fondos, máis restricións produtivas e máis vixiados, a reconversión que afronta Galicia é a da eficiencia. O balance farase nuns anos, cando se comprobe se os cambios serán lampedusianos, para que nada cambie, ou se efectivamente nada será igual tras as decisións de Bruxelas destes primeiros meses de 2013.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais