Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 23 de Outubro de 2013 Mansilla Blanco

Estados de feito: unha curiosa xeopolítica

O Cáucaso concentra estratéxicos casos de EDF (Abxasia, Osetia, Nagorno Karabaj) sen menoscabar noutros conflitos (Chechenia)

Desde 2011, o IGADI reflexiona sobre unha realidade atípica no sistema internacional, a través da elaboración do Informe Mundial de Estados de Feito (IMEF). Escasamente abordada polos medios de comunicación salvo cando estes casos implican un elevado nivel de conflitividade, unha perspectiva conceptual dos Estados de Feito (EDF) implica considerar a vitalidade de entidades políticas que, habendo proclamado a súa independencia (recoñecida ou non por algún outro Estado), non forman parte do sistema de Nacións Unidas, a pesar de conservar os elementos necesarios para ser recoñecidos internacionalmente como Estados de dereito: lexitimidade gobernamental sobre unha determinada poboación e territorio, institucionalidade e prestación de servizos públicos, entre outros. Con todo, e constituíndo casos atípicos e ata marxinais dentro do concerto global, os EDF implican un caudal de conflitividade con notable incidencia xeopolítica internacional, en particular no relativo ao recoñecemento da súa soberanía estatal así como do pulso de intereses entre diversos actores.

Así, identifícanse once casos de EDF, cada un coas súas particularidades e singularidades contextualizadas nun obxectivo común, focalizado no recoñecemento internacional. Son estes os casos de Abxasia, Cosova, Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Palestina, Puntlandia, República Moldava Pridnestroviana de Transnistria, República Turca do Norte de Chipre, Sáhara Occidental, Somalilandia e Taiwán. En perspectiva demográfica global, a problemática dos EDF abarcaría aproximadamente a 40 millóns de persoas.

De feito.. ou desfeitos?

Obviamente, os EDF corresponden a realidades distintas a pesar da súa esencial  homoxeneidade, caracterizada polas demandas de recoñecemento internacional. Buscan ser recoñecidos como entidades estatais pero, nalgúns casos, a polarización de intereses xeopolíticos que determinan os seus respectivos casos implica considerar que, con case toda probabilidade, a mellor e ata única forma de resolución das súas respectivas controversias supón, curiosamente, manter o seu status quo.

En termos comparativos, reflexionar sobre a realidade dos EDF determina observar escenarios tan diametralmente distintos como, nalgúns casos, curiosamente converxentes. Por exemplo, a República Pridnestroviana de Transnistria e Nagorno Karabaj non posúen recoñecemento oficial por parte de ningún Estado, nin sequera dos seus respectivos “Estados protectores”, sendo estes Rusia e Armenia. Curiosamente, o único recoñecemento exterior se focaliza entre eles mesmos.

Así e todo, Moscova (no caso de Transnistria) e Ereván e a diáspora armenia (no caso de Nagorno Karabaj) son os principais benefactores destes EDF, en especial en materia de asistencia económica, loxística e militar, así como no impulso dunha diplomacia internacional orientada a consolidar o seu recoñecemento, visiblemente observado no caso de Nagorno Karabaj.

Outros tres casos de EDF, como Palestina, Sáhara Occidental e República Turca do Norte de Chipre (RTNC), están inseridos en procesos de negociación para a resolución dos seus respectivos conflitos, principalmente auspiciados pola ONU, pero actualmente en fase de parálise política, cun futuro absolutamente incerto.

O referendo de autodeterminación saharauí, demandado pola Fronte Polisaria desde o final do conflito armado en 1991, ven sendo obstaculizado pola (re) activa diplomacia marroquí, aliado estratéxico occidental, en particular de EUA e Europa. Pola súa banda, o proceso de paz palestino supón un “tira e afrouxa” decisivamente determinado pola presión de intereses de Israel e EUA, e cuxa única singularidade recente foi o recoñecemento palestino na ONU (novembro de 2012) baixo o estatuto de “Estado observador Non Membro”.

No caso da República Turca do Norte de Chipre, as negociacións de paz auspiciadas pola ONU e a UE coa oficialmente recoñecida República de Chipre (membro da UE desde 2004), están actualmente paralizadas, a pesar da petición da diplomacia turca (único país que recoñece á RTNC) de reactivar estas negociacións. Incluso, recentes intereses de carácter enerxético no Mediterráneo Sur, que implican a actuación de actores estratéxicos como EUA e Israel, así como a crise financeira que asola a Chipre desde febreiro pasado, son outros factores que obstaculizan os mecanismos necesarios para retomar as negociacións de paz.

Outra singularidade dos casos palestino e saharauí ten que ver coa proliferación de países membros da ONU que recoñecen oficialmente a ambas entidades, sendo moito mais frutífero no caso palestino, ata agora recoñecido por mais de 140 países membro. De acordo aos estatutos da ONU, un Estado que supera a franxa de 100 países membros dese organismo que a recoñecen oficialmente, pasa automaticamente a ser un Estado membro pleno, un aspecto que no caso palestino resulta inexistente.

No relativo ao Sáhara Occidental, existe unha clara diverxencia entre países que recoñecen á República Áraba Saharauí Democrática, RASD (54 países segundo o Parlamento europeo) e as que recoñecen a lexitimidade da súa entidade gobernamental, a Fronte Polisaria (82 países), mais non da RASD. Curiosamente, son os países latinoamericanos e africanos os que amosan maior sensibilidade política para o recoñecemento oficial da RASD, en comparación coa escasa incidencia de recoñecemento dentro do mundo árabe ou islámico.

Tanto como membro formal da Unión Africana, a RASD é membro observador do Parlamento andino, entidade integrada na Comunidade Andina de Nacións (CAN), así como a Comunidade do Caribe (CARICOM), o Movemento dos Países Non Aliñados e o Grupo de Río, os cales recoñecen o dereito á autodeterminación do pobo saharauí no marco da Carta da ONU. Polo contrario, a Organización da Conferencia Islámica (OCI) non recoñece á RASD, considerando a Marrocos como o Estado soberano nos territorios saharauís.

Continuando coas comparacións, existen catro EDF (Puntlandia, Somalilandia, Transnistria e Nagorno Karabaj) que non posúe recoñecemento oficial algún por parte dalgún Estado. Dous deles (Puntlandia e Somalilandia) xurdiron da desintegración, parcial ou de feito, dun Estado antano centralizado (Somalia ata 1991), de igual xeito que Osetia do Sur e Abxasia separáronse dun mesmo Estado (Xeorxia), a través de diversos conflitos bélicos, sendo o mais determinante a breve guerra de agosto de 2008 entre Rusia e Xeorxia.

No caso de Puntlandia e Somalilandia afróntase igualmente situacións peculiares. Ambos corresponden aos únicos EDF que comparte fronteiras comúns e que, polo tanto, teñen conflitos armados por reclamacións de soberanía territorial limítrofe (provincias de Sanaag e Sool) No aspecto da autodeterminación, Puntlandia corresponde ao único EDF que aceptaría ser incluído dentro dunha estrutura estatal federal, un Estado somalí federal e descentralizado, que recoñecera este carácter federal e autónomo de Puntlandia. Por tanto, as autoridades de Puntlandia non ansían irrefutablemente ese recoñecemento internacional de independencia que si busca, por exemplo, Somalilandia.

Un caso similar ao puntlandés aínda que con distintas implicacións de carácter xeopolítico ten que ver con Taiwán, en particular tomando en conta o seu anacronismo estatal e a súa incerta reunificación con China continental. O caudal conflitivo de Taiwán resulta nun escenario estratéxico chave para a seguridade internacional, debido a que implicaría o pulso de intereses xeopolíticos entre EUA e China.

A pesar da súa aparente estabilidade institucional e política, casos como Puntlandia, Somalilandia e Cosovo vense igualmente obstaculizados pola proliferación de milicias armadas (mais identificadas con clans de orixe familiar ou étnico) e grupos criminais (piratería nos casos de Puntlandia e Somalilandia; narcotráfico e contrabando de persoas e órganos no caso cosovar) que en determinados aspectos pode cuestionar a súa integridade estatal, incluso sorteando a posibilidade de converterse en “Estados fracasados”. Un caso referente pode ser o cosovar, institucional e militarmente dependente das misións de paz da ONU e da OTAN.

A dependencia exterior corresponde igualmente un resgo distintivo dos EDF. Salvo Taiwán, considerada unha “economía emerxente” de elevado agregado tecnolóxico, cunha renda comparable ás grandes economías mundiais (US$ 19.000 per capita), os demais EDF amosan forte dependencia económica do exterior, principalmente dos seus “Estados protectores” e paralelamente do estratéxico apoio outorgado polas diásporas, especialmente as armenia, palestina, saharauí, cosovar e somalí.

Por tanto, a autarquía e unha absoluta dependencia económica e militar exterior (Abxasia e Osetia do Sur por parte de Rusia; RTNC por parte de Turquía; ) identifican os baluartes chave que garanten as súas respectivas supervivencias e integridade, tanto como fomentan e perpetúan as súas dificultades de integración co resto de entidades estatais.

O status quo como solución?

Paralelamente, compre observar que a proliferación de EDF concéntranse en tres áreas xeográficas principais: Europa, e particular de cara á periferia ex soviética en Europa do Leste (Transnistria), e caucásica (Abxasia, Osetia do Sur e Nagorno Karabaj), así como na rexión balcánica (Cosova) e mediterránea (República Turca do Norte de Chipre); África, con especial atención no Corno de África (Somalilandia, Puntlandia) e na rexión occidental (Sáhara Occidental); e Asia (Taiwán) no que tanxencialmente pode incluírse a Oriente Medio (Palestina)

Esta xeopolítica dos EDF corresponde esencialmente a factores de carácter histórico, como a desintegración estatal (URSS, Iugoslavia, Somalia), ao proceso inacabado de descolonización (Palestina, Sáhara Occidental), ou ben a conflitos periféricos latentes (de carácter étnico, político, territorial, etc), contextualizados pola confrontación bipolar e as secuelas da posguerra fría.

Resalta a atención a ausencia de casos similares de EDF noutras rexións como, por exemplo, América Latina ou Sueste asiático, cuxa hipotética explicación pode deberse á conformación de entidades estatais e territoriais como maior solidez e homoxeneidade, con febles casos de separatismo ou autodeterminación.  

Se ben os EDF son casos estruturalmente atípicos no sistema internacional, cunha natureza basicamente periférica, os mesmos posúen unha notable (e ás veces indubidable) capacidade para xerar conflitos globais e graves crises para a seguridade internacional (Taiwán, Cosovo, Palestina) A escaseza de criterios uniformes por parte da comunidade internacional e, particularmente, da ONU, para a resolución destes conflitos, da a entender o anacronismo da realidade e a xeopolítica dos EDF.

A actitude da comunidade internacional, balanceándose entre percepcións moitas veces determinadas polas “dobres varas de medir”, tales como socavar, ignorar ou ben acomodar aos intereses, dificulta unha resolución efectiva dos casos. Por irónico e paradoxal que pareza, a única resolución efectiva de feito para a problemática dos EDF semella focalizarse en manter o seu actual status quo, preservando así esa múltiple condición e percepción de casos atípicos, marxinais, ignorados….

  

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais