Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 27 de Xuño de 2018 Mansilla Blanco

Erdoĝan sen ataduras

O presidente turco Erdoĝan durante a votación do pasado 24 de xuño. Fonte: Axencia Xinhua

A reelección de Recep Tayyip Erdogan nos comicios presidenciais e parlamentarios celebrados o pasado 24 de xuño en Turquía confirma un  histórico xiro cara a un sistema presidencialista con trazos autocráticos cuxo obxectivo é sepultar os restos da república “kemalista”, a favor dunha especie de “sultanato republicano” de carácter “erdoĝiano”. Este xiro tamén é de carácter xeopolítico, xa que asegura a viraxe de Erdoĝan cara ao eixe euroasiático con Rusia e China, marcando así distancia de Europa e do atlantismo.

Como se prevía, Erdoĝan logrou o seu cometido coas eleccións presidenciais e parlamentarias celebradas o pasado 24 de xuño en Turquía. 
Estes comicios, en principio pautados para finais de 2019, foron subitamente adiantados por Erdoĝan a comezos deste ano, a fin de asegurar canto antes as súas cotas de poder.

Con case un 53% dos votos a favor, Erdoĝan evita unha segunda volta que eventualmente amosaría unha indesexable polarización ante o avance do seu rival, o social demócrata  Muharrem Ince, do Partido Republicano do Pobo (CHP). Amparado no índice de 30,4% dos votos, Ince eríxese agora como o principal líder da oposición dun partido, o CHP, creado polo fundador da república turca, Mustafá Kemal Atatürk, a partir de 1923.

O propio Ince e outros candidatos opositores pediron aos seus militantes vixiar as urnas ante a posibilidade de fraude electoral por parte de Erdoĝan. Maila as denuncias de presuntas presións e irregularidades, os rivais electorais do presidente turco terminaron recoñecendo o seu triunfo, toda vez o nivelde participación electoral foi historicamente elevado: 87%.

O resultado é, por tanto, de enorme simbolismo histórico. Estes comicios paralelos, tanto presidenciais como parlamentarios, son unha novidade en Turquía trala reforma constitucional impulsada por Erdoĝan, primeiro vía referendo en 2010, e despois a través do decreto dunha nova reforma constitucional en 2017, que eliminaba a figura do primeiro ministro.

O obxectivo de Erdoĝan era crear un sistema presidencialista forte que amortecera o equilibrio de poderes vixente no sistema parlamentario instalado en Turquía desde finais da década de 1980.

Agora, Erdoĝan será simultaneamente Xefe de Estado e de Goberno, con facultadeabsoluta para nomear aos responsables doutros poderes públicos como a Xudicatura e incluso os poderes parlamentarios a través da Gran Asemblea Nacional, baixo control do seu movemento, o islamita Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP).

Con esta  reelección, Erdoĝan asegúrase outro feito indiscutible: a súa perceptible imbatibilidade nas urnas. Unha tendencia igualmente visible nos comicios parlamentarios: o AKP alcanzou o 42,3% dos votos, por 11,3% do seu aliado, a extrema dereita nacionalista do Movemento de Acción Nacionalista (MHP). Deste xeito, o AKP e o MHP aseguran a maioría parlamentaria para os plans hexemónicos de Erdoĝan.

Obxectivo 2023

Con iso, Erdoĝan, no poder como primeiro ministro desde 2003 e como presidente desde 2017, asesta un golpe político a un partido, o CHP, herdeiro do “kemalismo” laico establecido por Atatürk desde a creación do sistema  republicano turco en 1923, das cinzas do Imperio otomán.

O horizonte de Erdoĝan é claramente asegurar os mecanismos de perpetuidade no poder, con obxectivo situado en permanecer ao mando máis aló de 2023, data do centenario da república turca. Con iso, busca sepultar definitivamente o ata agora predominante sistema “kemalista” por outro igualmente personalizado nun “erdoĝianismo” hexemónico, tanto no seu partido, o islamita AKP, como dentro do sistema político turco.

Para iso, Erdoĝan asegurouse un apoio historicamente contra natura: o da extrema dereita nacionalista do Movemento de Acción Nacionalista (MHP). E, ao mesmo tempo, a domesticación do CHP, fracturado polas súas sucesivas derrotas electorais ante Erdoĝan desde 2003.

Esta estraña conxunción de intereses entre os islamitas “erdoĝianos” do AKP e os ultranacionalistas do MHP, detentores de grupos paramilitares como os tristemente soados “Lobos Grises”, permitiu socavar calquera manifestación de oposición organizada, sexa por parte do CHP como de partidos progresistas, como é o caso do prokurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP), que alcanzou o 10% dos votos nestes comicios, mantendo así a súa cota parlamentaria.

O HDP alcanzou índices maioritarios nas provincias do sueste de Turquía, onde está asentada a maior parte da comunidade kurda do país, o denominado Kurdistán turco. O seu líder, Selahattin Dermitas, está en prisión preventiva desde a purga política impulsada por Erdoĝan tralo fracasado intento de vez militar de xullo de 2016.

Desde entón, Erdogan encerrou a centos de activistas políticos, membros do sistema burocrático, xuíces e persoal académico potencialmente opositor ás súas pretensións hexemónicas. Este factor foi igualmente perceptible nestas eleccións, beneficiando así ao AKP e a Erdoĝan, ante candidaturas aparentemente pouco coñecidas como as de Ince e outras imposibilitadas xudicialmente de participar nestes comicios.

Esta purga tamén permitiu a Erdoĝan asegurar as súas cotas de poder dentro do islamismo político turco, particularmente dirixidas a expulsar aos simpatizantes coas ideas do teólogo Fetullah Güllen, exiliado en EUA trala súa ruptura con Erdoĝan manifestada desde aproximadamente fai unha década. Deste xeito, purgando aos “gülenistas” dentro da estrutura burocrática estatal así como das redes afiliadas ao AKP e outros movementos islamitas, Erdoĝan asegúrase igualmente o control do campo de representación existente no islamismo turco.

A era do “autócrata competitivo”

A pretensión de Erdoĝan de crear un novo sistema republicano presidencialista “post-kemalista” achégalle en estilo político personalista dos seus principais aliados xeopolíticos: o ruso Vladimir Putin e o chinés Xi Jinping, ámbolos dous reforzados respectivamente no poder nos derradeiros tempos.

Nos círculos académicos, este novo sistema bautizouse como o de “autocracia competitiva”. A súa esencia adoita ser similar: a concentración e a perpetuidade hexemónica no poder amparándose nun verniz democrático a través da celebración de eleccións, con frecuencia de natureza plebiscitaria.

O presidente chinés Xi Jinping logrouno trala súa entronización “cuase imperial” no Congreso do Partido Comunista Chinés de outubro pasado, instaurando unha especie de sistema mais personalizado (o “xiísmo”) e menos colexiado, con pretensións de sepultar definitivamente o maoísmo e o “post-maoísmo” instalado desde 1978 nas altas esferas de poder chinesa. Pola súa banda, Putin logrou outra reelección presidencial en marzo pasado, instaurando un poder personalista con reminiscencias zaristas.

Así, Erdoĝan perfila o seu futuro a un eixe xeopolítico euroasiático con Putin e Xi, do que colateralmente forma parte o Irán dos aiatolás. Neste sentido, este eixe xa foi ensaiado no cumio de Sochi de novembro pasado, na cal Erdoĝan, Putin e o presidente iraniano Hassan Rouhaní perfilaron escenarios para o post-conflito sirio.

Os proxectos de integración euroasiáticos, desde a Organización de Cooperación de Xangai, a Unión Económica Euroasiática (UEE) de Putin e o das Rutas da Seda impulsadas pola China de Xi, son agora as apostas xeopolíticas dun Erdoĝan que, paralelamente, semella tamén persuadido a virar por completo a vocación atlantista e occidental que o “kemalismo” instaurou durante décadas de poder en Turquía.

Adeus  Europa?

Trala súa vitoria, Erdoĝan recibiu a chamada do presidente francés Emmanuel Macron, instando á restauración de diálogo entre Turquía e a Unión Europea. Pero o contexto é incerto neste sentido. Turquía segue formando parte da OTAN, pero as súas negociacións coa UE (da que é candidato de admisión desde 2005) están practicamente estancadas desde 2010 e Erdoĝan non semella particularmente entusiasmado en reactivalas.

Ademais, a recente crise migratoria no Mediterráneo, debido ao conflito sirio e a inestabilidade libia, non semellan persuadir a Erdoĝan a buscar compromisos con Europa máis aló do acordo migratorio alcanzado en 2016, que denota unha especie de “muro de contención” deste fluxo desde Turquía cara a Europa.

Mentres en Berlín, a chanceler alemá Ánxela Merkel recibía ao presidente de goberno español Pedro Sánchez para tratar a crise migratoria mediterránea, Macron visitaba o Vaticano para alcanzar un compromiso similar en momentos de tensión nas relacións europeas, particularmente co novo goberno italiano de Giusseppe Conte, tendente a negarse a recibir refuxiados e inmigrantes ilegais.

Conte, con apenas un mes no poder, negouse a recibir en chan italiano ao buque migrante “Aquarius”, finalmente atracado en costas españolas por decisión do novo goberno de Sánchez en Madrid. O propio Conte declarou recentemente que Italia busca un “cambio radical” na política de asilo europea, algo que molestou aos seus socios europeos, principalmente Macron e Sánchez.

Por iso, Merkel, Macron e Sánchez buscan agora crear un novo compromiso europeo en materia de fluxo de inmigrantes e refuxiados que aborden esta problemática que desde fai anos percíbese nas augas do mar Mediterráneo.

Nese contexto, o reelecto Erdoĝan con poderes absolutos en Turquía prefire mirar a outro lado, cara a unha  Eurasia onde Putin e Xi aparentemente concédenlle maior receptividade e atención aos  seus intereses

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais