Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
10 de Xullo de 2017 González Palau

Entrevista a Ignacio Ramonet: “Non hai cambio no ciclo político latinoamericano. Unha excepción non fai un modelo”

Fonte: Ateneo Republicano da Coruña

Convidado polo Ateneo Republicano de Galicia, Ignacio Ramonet impartiu o 25 de maio pasado na Coruña a conferencia: 'A catástrofe perfecta: desorde mundial no século XXI' no Auditorio da Fundación Abanca, cun cheo ata o galiñeiro .

Director de 'Le Monde Diplomatique' en París entre 1995 e 2008 (actualmente aínda o é da edición en español) foi tamén un dos principais impulsores da ATTAC e do Foro Social Mundial durante a década dos 90, identificando a súa figura intelectual coa construción do movemento anti-globalización e altermundista durante a primeira década do século XXI. É membro do Consello Reitor do Igadi.

Ademais de sociólogo, é profesor emérito da Universidade Denis-Diderot (París-VII) de Teoría da Comunicación, e escritor, con decenas de títulos suxerentes que circulan de xeopolítica á tecnoloxía, algúns deles entrevistas en profundidade con personaxes únicos do noso tempo coma Fidel Castro, Hugo Chávez ou o Subcomandante Marcos.

Para as xeracións que nacimos no mellor dos mundos posibles, a traxectoria pública e a obra de Ignacio Ramonet fanse referenciais dentro do que o zapatismo definiu a finais dos anos 90 como -a IV Guerra Mundial: a emerxencia da globalización, o neoliberalismo e o fin da historia (coa caída do Muro de Berlín e o fin da Guerra Fría, a III Guerra Mundial no imaxinario do indixenismo zapatista contemporáneo).

A entrevista nace dese punto de partida, aquela IV Guerra Mundial que o EZLN describía así en 1999: “Lo que ofrece la globalización del neoliberalismo es una red construida por el capital financiero o, si se quiere, el poder financiero. Si hay una crisis en este nudo, el resto de la red va a amortiguar los efectos. Si hay bonanza en un país, no se produce un efecto de bonanza en el resto de los países. Es entonces una red que no funciona, lo que nos dijeron fue una mentira del tamaño del mundo, es un discurso reiterado en los líderes de América Latina, ya sea Menem, Fujimori, Zedillo u otros dirigentes de ‘comprobada’ calidad moral. En la realidad ocurre que la red ha hecho mucho más vulnerables a los Estados nacionales ".

Tralo 11s (2001), a crise económica financeira mundial (2008) e as mortes de Hugo Chavez (2013) e Fidel Castro (2016), a entrevista faise inabarcable baixo este marco histórico.

Daniel González Palau (DGP): Coa saída de gobernos progresistas en Arxentina por medio de eleccións e por medio dos tribunais en Honduras, Paraguai e Brasil, con enfrontamentos sociais en Ecuador, e especialmente en Venezuela; fálase moito do 'fin da ola progresista latinaomericana' que comezara coas vitorias electorais de Hugo Chávez en 1998... No marco desa traxectoria histórica que comentabamos das últimas dúas décadas e desde a súa posición como un observador privilexiado, que pensas do debate sobre o 'fin do ciclo progresista' en América Latina?

Ignacio Ramonet (IR): Sobre este tema reflexiónase moito. O que digo eu é que hai efectivamente ciclos, pero que os ciclos determinantes son os ciclos económicos, que teñen consecuencias políticas. O ciclo dominante en América Latina é case sempre o económico. Por que? Porque estruturalmente as economías latinoamericanas son de tipo colonial (a excepción de países coma Panamá, por exemplo, que ten unha economía de servizos). A que me refiro cando digo que son 'economías coloniais'? Pois a que son economías baseadas nun ou máis produtos a exportar; sendo ese ou eses produtos a exportar a única vantaxe comparativa desas economías. Esta situación define e determina toda a economía do país, por exemplo, a soia para Arxentina, o cobre para Chile, varios metais para o Perú, o petróleo para Venezuela... Deste xeito, estes países sofren os caprichos do ciclo económico, están suxeitos á oferta e a demanda internacional. Se hai demanda de mercadorías, materias primas, os países van ben. Se non hai demanda e os prezos das exportacións redúcense, van mal... E nese movemento económico, constrúense tamén, case sempre, as mudanzas políticas .

Que ocorre? Entre finais dos anos 80 e finais dos anos 90, os prezos do petróleo caeron significativamente... Fíxate por exemplo como estaba Venezuela; co petróleo a menos de 10US$ o barril tiveron o Caracazo (1989)e afundíronse os partidos tradicionais, COPEI e Acción Democrática. Chávez gañou as eleccións en decembro de 1998 e con el, grazas á súa política de revitalización dos prezos do petróleo na OPEP alcanzouse un prezo de 124US$ o barril. Con este escenario pódense facer grandes políticas de redistribución social, promover e ampliar o perímetro do estado... Pero, cando os prezos do petróleo baixan... Por exemplo: cando o presidente Nicolás Maduro foi elixido en abril de 2013, o petróleo estaba moi alto, de 115US $ por barril... Pero uns meses despois, en setembro de 2013, comezou o afundimentos dos prezos do petróleo para rematar nos 25US$ o barril en 2016... Isto causou un impacto tremendo en todos os países exportadores de petróleo: Rusia, Arabia Saudita, México, Alxeria, Angola, Irán, Ecuador, Nixeria... E claro, tamén en Venezuela. Todos estes países tiveron que reducir drasticamente as súas importacións procedentes das nacións desenvolvidas, agravando así a crise económica global.

O que aconteceu nos últimos catro anos co petróleo ocorreu tamén con outras materias primas que viron os seus prezos derrubarse. Evidentemente isto en América Latina tivo unha grande repercusión. Por que baixaron os prezos? Porque o Gran Importador, tanto de soia, coma de cobre, coma doutros minerais, coma do petróleo foi China. E China decidiu mudar o seu modelo económico, cambiou o seu modelo e agora promove o crecemento baseado no mercado interior; xa non quere ser só o taller do mundo. Consecuencia: os prezos das materias primas derrubáronse... Isto tivo unha influencia decisiva sobre o ciclo económico global.

Polo tanto, teimo, debemos analizar máis a importancia do ciclo económico no canto do ciclo político. Porque... por outra banda, se observamos; en Uruguai, Ecuador, Nicaragua, realizáronse recentemente eleccións e gañou a esquerda. Polo tanto, non hai cambio no ciclo político. A única excepción é a Arxentina, mais unha excepción non fai un modelo.

DGP: O escenario de tensión social en Venezuela produciu debates dentro das esquerdas mundiais, nunha fotografía dividida á hora de facer comparativas, entre o que aconteceu no Chile de Allende ou no México do PRI. Con cal dos dous escenarios pensas que ten máis semellanza?

IR: Venezuela non é unha ditadura ao contrario das afirmacións dalgúns medios dominantes. Hai unha oposición política, medios de comunicación libres, liberdade de expresión, eleccións... Hai enfrontamentos e violencia porque a oposición non respecta o marco legal desde hai moitos anos... Por exemplo, organizando manifestacións moi agresivas repetidamente en lugares sensibles; como o centro de Caracas, sen permiso de manifestación. A oposición pode expresarse libremente, pero con itinerarios autorizados, coma en calquera país democrático. É unha cousa moi normal cando falamos de legalidade. Pero buscan os choques para obter as fotografías necesarias para ter un relato adverso en conta do goberno, cando todo o mundo sabe que as forzas policiais non levan armas letais. A maioría das vítimas deses enfrontamentos, e está ben documentado, son causados por elementos violentos da propia oposición.

A solución en Venezuela non é rezar para que o petróleo suba de prezo, a solución é cambiar o modelo, pasar dun modelo rentista a un de produción e diversificación. E iso é o que o goberno do presidente Maduro decidiu facer desde 2016. É un cambio copernicano. Verdadeiramente revolucionario. Porque Venezuela é un país pouco poboado e cunha superficie o dobre que a española, con inmensos recursos non explotados e un potencial agrícola excepcional. Pode perfectamente ser autosuficiente, con soberanía alimentaria. Pero a causa do petróleo, o máis sinxelo é importar o que se consume... Cando, de feito, Venezuela ten recursos infinitos en termos de auga, aceiro, ferro, unha grande industria siderúrxica. O país precisa dun novo tipo de proteccionismo...

Mentres este novo modelo de produción non comece a funcionar, non vai ser doado... Este cambio de modelo, indispensable, provoca un traumatismo que precisa do seu tempo. Se a todo isto sumámoslle a guerra permanente da dereita contra o goberno bolivariano, que non é nova, vemos un escenario moito máis perto do que coñeceu Allende que calquera outra cousa. O resto é propaganda, non ten outro nome.

DGP: A partir da súa experiencia próxima... Tanto a aposta por renovar o pensamento clásico das tradicións de esquerdas desde o zapatismo, como os casos de Cuba e Venezuela e o que representan os hiperliderazgos... ¿Canto de aprendizaxe deixan estas experiencias desde un pensamento crítico co poder?

IR: Mira ¿por que o zapatismo nos interesou tanto cando xurdiu? Primeiro, porque naceu nun momento de gran baleiro e depresión da esquerda mundial. Rematara a Guerra Fría, a Unión Soviética implosionou, o socialismo convertérase en liberal, non tiñamos utopía... E no medio dese avance abafante do neoliberalismo apareceu o zapatismo. E lembre, os zapatistas xurdiron coa entrada en vigor do tratado de libre comercio EEUU-México-Canadá, o 1 de xaneiro de 1994, o Tratado que Donald Trump agora quere anular...

Pense ademais no carácter do Subcomandante Marcos, esa transversalidade do seu discurso... que mestura unha tradición libertaria, comunista, un ecoloxismo e un feminismo moi desenvolvido, a visión indíxena coma filosofía de relación coa Terra, a súa reflexión e o uso das novas tecnoloxías da comunicación... Toda esa visión interesounos enormemente a unha xeración que estabamos orfos de novas experiencias, digamos construtivas.

Agora ben, logo, a finais da década dos 90 prodúcese a etapa seguinte coa chegada ao poder de Hugo Chávez, Lula, Evo Morales e Rafael Correa; aparecen os Foros Sociais Mundiais, a extensión do progresismo en Latinoamérica... Nese momento, o zapatismo, que aínda é un bo tema para a reflexión, vai chocar co feito de que en América Latina hai unha esquerda que goberna e que está -concretamente- transformando as sociedades, conseguindo éxitos sociais desde o poder. Temos en particular ao Evo Morales gobernando un país, integrando ese pensamento indíxena, gobernando a sociedade desde unha perspectiva progresista, tendo éxitos económicos e sociais. Nese momento prodúcese algo alí, algo que o zapatismo non vive, non coñece.

O zapatismo nacera con ese postulado -que compartimos, que o poder político é un lugar baleiro, xa que o verdadeiro poder de decisión está no poder financeiro. Eles deduciron disto un postulado que eu non comparto, a idea de que xa que o poder está baleiro non hai que tomar o poder, hai que construír o poder desde abaixo, transformando ao ser humano renunciando á xestión do poder institucional... Esta proposta de longo prazo choca cando tes o outro modelo, máis inmediato, Chávez, Lula, Evo, Correa, a Fronte Amplia no Uruguai, os Kirchner en Arxentina, que xa están mudando as sociedades, erradicando o analfabetismo, multiplicando os centros de saúde gratuítos, sacando a decenas de millóns de pobres da miseria...

Temos que mudar a sociedade desde abaixo como afirman os zapatistas? Con certeza, pero tamén digo: cambiémola tamén desde arriba, desde o goberno, e se facemos as dúas cousas ao tempo, imos máis rápido, non? Porque, como dixo Chávez, "o pobo ten présa; leva séculos agardando... "

DGP: Coma temos pouco tempo renunciarei a preguntar por Fidel Castro e a súa relación con toda esta historia e proceso... Así que subo de plano para preguntarlle por distintos escenarios claves do mundo actual.

¿Onde vai a relación dos EUA coa China? ¿E o papel dos BRICS no mundo da S.XX?

IR: China e os Estados Unidos están nunha situación que eu chamo de "desconfianza estratéxica", pero non estamos diante dunha confrontación. Vemos coma os dous son prudentes, o propio Donald Trump evolucionou moi e rapidamente a este respecto, relaxou o seu discurso inicial. Non é doado facerlle fronte a un xigante como China... Agora ben, a capacidade militar dos EUA fainos ser a única superpotencia mundial. A China non lle deixan nin ter unha presenza militar importante no seu propio mar, especialmente no Mar da China Meridional. É unha desconfianza estratéxica que perfilará o S.XXI.

Dos BRICS xa case non fala, constátoo. Os BRICS presentaron unha alternativa posible hai algúns anos, pero desde o inicio deste ciclo económico negativo, imaxínate, co Brasil que implosionou; A África do Sur mira como está... Rusia rodeada e sometida a sancións económicas... e India e China coa súa propia rivalidade estratéxica...

Os BRICS seguen a ser unha esperanza, pero polo momento, non constitúen un pilotaxe alternativo, non son a alternativa ao G7... Aínda que debían de selo.

DGP: A Unión Europea ¿que hourizonte, o final dunha utopía?

IR: Sempre fun moi europeísta no sentido de que penso que a construción da UE pacificou Europa. Mais son bastante pesimista en xeral e en especial despois do Bréxit. Hoxe en día Europa é unha “Europa alemá”. Unha das explicacións do Bréxit é que, intuitivamente, o cidadán británico medio sabe que a UE é agora alemana, e nunca os británicos quixeron este dominio alemán do continente, é algo histórico. Xa a I Guerra Mundial, como sabemos, estoupou por este elemento crítico: os británicos querían a todo custo impedir que Prusia dominase militarmente a Europa continental. Esa inercia histórica continúa.

Vémolo todos os días, fíxate coma Emmanuel Macron, recentemente elixido presidente da República francesa, o primeiro que fai é ir a Berlín a renderlle pleitesía a Angela Merkel, coma antes facían os nobres cando comparecían diante do monarca. A UE constrúese en torno ao euro e ao liderado alemá, que ten só unha consigna: impedir a inflación, aínda a costa dunha enorme catástrofe social.

Todo iso derivou en que non hai ningunha ilusión, non hai desexo de Europa. O soño, en parte, converteuse en pesadelo, pense nos gregos... Para millóns de europeos, a UE converteuse nunha maquinaria administrativa cega e sádica...

DGP: Saltando outra vez de tema, -Wikileaks, que significa o movemento de Suecia de retirar as acusacións contra Julian Assange?

IR: Demostra que hai unha vontade explícita dos Estados Unidos para prender a Assange. Os británicos xa non teñen a escusa do caso sueco. Lembre que na campaña electoral dos Estados Unidos Assange foi presentado por moitas voces coma un traidor, un criminal absoluto, a suma de todos os males.

Hoxe o inimigo número 1 de Occidente é o terrorismo xihadista, mais o número 2 é Rusia -¿por que se hai uns anos Moscova era un socio preferente? Ben, en realidade, eu creo que todo cambiou con Snowden. O asilo a Snowden de Putin cambiouno todo.

DGP: Por último, ao respecto da súa conferencia na Coruña, fixo mención a necesidade de poñer en valor o relato, a historia épica da emigración galega polo mundo... a que se refire exactamente?

IR O fenómeno sociolóxico que marcou máis Galicia nos últimos 150 anos é a emigración masiva. Como Irlanda ou Sicilia. Mais nos casos de Irlanda ou de Sicilia, hai grandes películas ou grandes novelas que inmortalizaron o fenómeno da emigración... En Galicia, na miña opinión, non hai ese gran relato, digamos unha novela total, dickensiana, tolstoiana, dese grande sufrimento, dese doloroso desgarro que é a emigración.

Se preguntas, por exemplo a un xaponés por Galicia, falarache probablemente sobre o Camiño de Santiago, pero non saberá, nunca escoitou falar, ninguén lle dixo; que aquí emigrouse de maneira máis masiva que en calquera outro país. É un buraco negro da nosa propia realidade. Creo que debemos resolvelo. Os nosos creadores deberían producir un gran relato épico que marcara o imaxinario mundial.


 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais