Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
9 de Maio de 2017 VV.AA.

Eleccións francesas: balón de osíxeno ?

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Axencia Xinhua China

Tralos resultados oficiais das eleccións francesas escoitouse un leve suspiro de alivio que recorreu gran parte de Europa. As previsións, coma en 2002, cumpríronse e a Fronte Nacional (FN) volveu quedar as portas da presidencia de Francia. Sen embargo, a situación dista enormemente da vivida hai 15 anos(1) e os resultados desta segunda volta das presidenciais francesas deixan, ou deberían deixar, un sabor agridoce no padal da sociedade gala e do resto de Europa.

A vitoria do candidato “europeísta”, Enmanuel Macron, parece dar un respiro e disipar (polo de agora) as pantasmas xurdidas tralo “Brexit” e a vitoria de Donald Trump en EUA. A tendencia que estes fenómenos abriron semella pouco a pouco reconducirse tralos resultados en Austria, Holanda e agora Francia. Sen embargo, o triunfalismo inicial debería ser prontamente deixado ao marxe, pois o amplo apoio colectado por estes movementos eurófobos, xenófobos e illacionistas denota que o proceso non se atopa nin moito menos esgotado, que existen problemas sistémicos que alimentan o seu apoio social e que resulta preciso confrontalos dende o primeiro momento.

Pese a reproducirse unha fronte común (non carente de fisuras), co denominado “muro republicano”, e obter unha “folgada” vitoria (66.06% - 33,94%), os resultados representan un fito sen precedentes para a FN e, pese as expectativas incumpridas, para unha Marine Le Pen que soubo aglutinar á sociedade descontenta cos procesos consolidados nas últimas décadas. Estas eleccións presentábanse, sen lugar a dúbidas, cruciais para o grupo da extrema dereita. Pero non nos enganemos, non resultaban nin o único nin o definitivo asalto ao Palacio do Elíseo.

Para poder reverter a perigosa tendencia estendida no esquema sociopolítico francés, resulta imperante un análise exhaustivo dos procesos e da conxuntura que conduciron a consolidación desta realidade. Do contrario, todo parece indicar que o fenómeno Le Pen non irá a ningures e retornará con maior forza nos comicios vindeiros (municipais de 2020 e presidenciais de 2022).

Un novo reto: 2022

Nos últimos anos, a erupción dos partidos de extrema dereita e a súa consolidación coma actores de primeiro nivel denotou a crise endémica do sistema político tradicional e ameazou a continuidade do proxecto europeo. Se ben e certo que non se traduciu, polo de agora, nun cambio significativo da idiosincrasia dos sistemas democráticos europeos (salvo en casos puntuais)(2) ou das institucións supranacionais, si é posible visualizar pautas asumidas nos grupos políticos tradicionais que terminan por lexitimar parte dos discursos destes grupos.

Por exemplo, tanto no caso holandés coma no francés observamos a asunción de parte do discurso xenófobo de Wilders e Le Pen por parte dos partidos maioritarios conservadores (Rutte e Fillon). Isto non fai senón reafirmar a existencia e importancia dunha problemática racial ou étnica, calando no debate político e social e outorgando ferramentas para a continuidade destes discursos e o afondamento da fractura social.

En Francia, esta tendencia reflicte enormemente nas capacidades futuras da Fronte Nacional, xa que a base da súa retórica atópase amplamente ligada ao discurso anti-inmigración e permítelle capitalizar o descontento sobre un tema cada vez máis colocado nos medios e no debate público. Máis aínda se temos en conta que a fractura social fraguada ao albor dos modelos de integración asimilativos, e a correspondente conflitividade, vese progresivamente agravada ante un escenario económico desfavorable e ao impacto mediático dos fluxos de refuxiados, pese a que estes reducíronse significativamente trala externalización fronteiriza a través de Turquía.

Paralelamente,no escenario político, a fronte común xeneralizada contra Le Pen por parte do Partido Socialista Francés (PS) e do Partido Republicano (PR), así como a previsible necesidade de Macron de contar con elementos destes partidos para o próximo goberno, debido a escasa forza territorial do seu movemento En Marche! e a proximidade das eleccións lexislativas (22 de xuño), parece deixar á Fronte Nacional nunha situación óptima para erixirse coma referente da oposición. Do mesmo xeito, e tendo en conta o crecente descrédito dos partidos tradicionais, identificados coma “o establishment”, o apoio a cabalo entre esquerda (PS) e dereita (PR) podería derrubar a imaxe de “outsider” que impulsou a candidatura do novo Presidente da República.

Na incógnita queda, polo de agora, o rol futuro da Francia Insumisa de Jean-Luc Mélenchon, que dependerá enormemente da súa capacidade para construír unha plataforma política sólida, algo complexo na panoplia de correntes da esquerda francesa.

No esquema socioeconómico, a axenda marcadamente liberal do próximo goberno provoca certos receos nun espectro importante da poboación(3) e non parece que vaia suplir as demandas da porción social máis afectada pola globalización, vítimas directas e indirectas de procesos como a deslocalización industrial das décadas de 1980-2000. Así mesmo, a desaceleración económica, os crecentes índices de desemprego ou a progresiva perda de capacidades que azouta as zonas rurais e pequenas urbes ou comunidades periféricas dos grandes núcleos urbanos (especialmente en zonas do leste e do norte), non mostra visos de poder reverterse a curto prazo, e mesmo indica que a situación podería verse empeorada.

De igual xeito, as tensións existentes pola recente reforma laboral e o previsible aumento do desemprego xuvenil (actualmente superando o 23%) poderían reorientar a parte deste espectro de poboación cara as teses da FN, pese a non simpatizar polo de agora con este grupo (nesta primeira volta só obtivo o apoio do 21% deste segmento, fronte ao 30% de candidatos coma Mélenchon).

De forma paralela, tamén parece consolidarse unha crecente popularidade de movementos que avogan pola desvinculación co esquema político, a través do fomento da abstención nos procesos electorais ou do voto en branco/nulo (ambas porcentaxes sumarían o 36% do electorado) e que, de consolidarse, poden xogar un papel primordial no futuro da FN que, pola contra da maioría de partidos restantes, mostra unha base de apoio mais o menos sólida.

Escenario complexo

Francia ponse novamente en marcha, nunha conxuntura delicada que porá a proba o experimento e a validez da denominada “terceira vía”. O novo executivo que presidirá Enmanuel Macron, terá ante si o complexo reto de reunificar un país moi polarizado, moi dividido, tanto a nivel social coma político, cun debate pendente sobre identidade nacional delicado no que terá que fiar moi fino se pretende reconducir a situación.

De igual xeito, as expectativas creadas ao redor do candidato “centrista”, tanto a nivel nacional coma europeo, poden verse prontamente frustradas ante previsible debilidade institucional do seu goberno, con risco de “morrer de éxito”.

Pola súa banda, Marine Le Pen xa parece tomar a iniciativa de cara aos enfrontamentos vindeiros, anunciando unha reformulación do seu partido e a súa transformación nunha alianza patriótica, remarcando así a fractura entre “eles” (o establishment, os mundialistas) e “nós” (o pobo, os patriotas), erixíndose así coma líder da oposición.

O complexo panorama francés a curto/medio prazo e as debilidades dos seus opoñentes políticos, ben sexa por débiles estruturas partidistas ou pola deriva e falta de credibilidade, outórganlle a FN un espazo amplo no que manobrar con ambición e optimismo de cara a 2022. As néboas que asomaron nos últimos tempos en Francia e no resto de Europa semellaron disiparse, mais a realidade augura que retornarán, e con forza. Debemos por tanto estar atentos.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) O bloque contra a Fronte Nacional foi sólido e a participación e mobilización contundente, o resultado: 82,2% fronte o 17,7%.

(2) Como poden ser os casos de Hungría, Bulgaria ou a deriva de Polonia.

(3) Facendo unha lectura do amplo respaldo obtido polos programas afastados das teses liberais. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais