Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 11 de Agosto de 2017 Ríos

Dous pirómanos na floresta coreana

kimjongun.jpg

O intercambio de exabruptos entre o presidente Trump e o líder norcoreano Kim Jong-un pode pasar de longo de novo como unha nube de verán sen mais transcendencia pero cada escalada verbal bota gasolina sobre un conflito que en calquera momento podería desbordarse. Pese a que todos os actores na zona descartan para os seus adentros o enfrontamento militar como solución, a dinámica actual, abondosa en imprevisibilidades, eleva o risco de precipitación de escenarios incontrolables.

Toda a verborrea desbocada de un e outro evidencia que a situación  na península coreana atópase nunha canella sen saída. O circulo vicioso de provocacións-represalias non conduce a parte ningunha. A espiral de sancións hai tempo que amosou os seus límites por mais que se afonde nela. E a hipotética “solución” militar tampouco existe a risco de incendiar toda Asia oriental, como pouco.

Certo que con estes alardes Trump logra desviar a atención do seu pésimo balance de xestión no que vai de mandato. Pola súa banda, o terceiro Kim blinda a súa xefatura mantendo o pulso cunha locuacidade que planta cara galvanizando unha sociedade norcoreana sustentada en bases extremadamente febles. Ninguén se estrañe se un día descubrimos que o poderío militar real de Corea do Norte é unha caricatura alimentada polos medios semellante á do Iraq de Saddam Hussein…

China mantense como único mediador crible para desandar a crise e aínda que non queira terá que implicarse máis a fondo no seu encarreiramento. Iso a pesar da evolución experimentada nos últimos tempos, de claro distanciamento de Pyongyang en boa medida como consecuencia da necesidade de atemperar as súas relacións con Washington, instaladas nunha dinámica semellante de tensión-apaciguamento.

China ven apoiando as sancións impostas polo Consello de Seguridade da ONU pero é evidente que sen entusiasmo e non premerá a Pyongyang tanto como pretende EUA. A caída da dinastía Kim abriría a caixa de Pandora estratéxica en toda a rexión e o que precisa China, ligada aínda a Corea do Norte polo acordo de defensa de 1961, é estabilidade na súa contorna. En realidade, ninguén está interesado en que se desfonde o réxime norcoreano. O propio EUA ten aí a escusa perfecta para non só seguir mantendo a súa enorme presenza militar na área senón para alentar a carreira armamentista co despregue do sistema antimísiles THAAD, que tanto preocupa a Moscova e Beijing.

A proposta da dobre suspensión (dos ensaios balísticos norcoreanos e dos macroexercicios militares que lidera EUA) é o principio da volta ao diálogo hexagonal (as dúas Coreas, Rusia, China, Xapón e EUA) suspendido desde 2009. É nese marco onde pode abrirse camiño o tratado de paz con EUA e as garantías de seguridade que reclama o terceiro Kim con base na desnuclearización de toda a península. Retomar esa senda é a única alternativa sensata.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais