Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 17 de Abril de 2015 Ríos

¿Desterra Barack Obama a James Monroe?

pb080141.jpg

O recente cumio das Américas celebrado en Panamá abre un novo ciclo nas relacións entre EUA e o continente. A reparación das relacións con Cuba constitúe unha inflexión histórica que toma en consideración os cambios rexistrados na rexión dende inicios do presente século. Agora ben, pese á notoriedade deste dato é menos probable que Washington propicie un xiro de 180 graos na súa política, en esencia, aquela establecida por James Monroe en 1823 consistente en considerar aos países de Latinoamérica como “patio traseiro” co obxectivo inicial de manter fóra da rexión ás forzas coloniais de Europa. ¿A quen hai que manter fóra da rexión agora? ¿Con que novos métodos?

Esta contextualización non desmerece o valor da actitude do presidente Obama, por outra banda, tan contestada en sectores internos ben poderosos e con retos por vencer probablemente nada fáciles. Pero, obviamente, Washington non vai abdicar dos seus intereses, tantas veces en contradición cos da propia rexión, e explorará novas vías para facelos realidade no seu propio beneficio.

En 2013, o secretario de Estado de EUA, John Kerry, salientou ante a OEA que Washington propiciaría o abandono da doutrina Monroe no marco dunha gran mudanza das súas políticas que xa non resultaban exitosas ante unha dobre realidade. Por unha banda, a crecente autonomía amosada por moitos gobernos da zona que redundaba nunha crítica hostil e exacerbada da relación de EUA coa rexión e a reivindicación dunha integración afastada do poderoso veciño do Norte. Doutra, a irrupción de novos actores, non só económicos, con ambición de exercer unha influencia política capaz de materializar alianzas que porían en perigo o patrón de relacionamento clásico.

Foran ou non de balde as promesas do Pentágono, fronte aos designios da ALCA, aquel proxecto que viña marcando a política rexional estadounidense dende os anos noventa en boa medida para contrarrestar a expansión continental da propia UE despois do derrube do muro de Berlín, a aposta rexional por unha cooperación Sur-Sur converteu aquel propósito nunha banalidade diplomática.

O xiro escenificado en Panamá sinala a toma en consideración dun novo realismo que debe enfrontar tanto o escepticismo de moitos dos gobernos da rexión como as inercias dos actores estadounidenses con intereses nela, tanto públicos como privados. O novo xiro precisa dunha nova lóxica e esta vai ser ben difícil de implementar. Con todo, o que mais pode favorecela é a competencia dos actores externos, especialmente a influencia chinesa –mais que a rusa ou a iraniana- e a dinámica que poida xerar o Novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS e foros alternativos como CELAC-China, todos eles vértices dun novo tempo e para unha relación anovada. Cabe significar que no foro coa CELAC, China incluíu mesmo a aqueles países cos que non mantén relacións diplomáticas (son aliados de Taiwan), nunha mostra de ductilidade que facía aínda mais extraordinaria a incapacidade de EUA para encaixar as relacións con Cuba.

A reconciliación promovida por Obama non reverterá nunha aceptación cega das políticas que promove, polo que segue habendo espazo para o conflito. Aínda así, a simpleza de tempos pasados deu paso a unha complexidade que non poderá ignorar tampouco a desigual resistencia que opoñen as sociedades latinoamericanas ás políticas neoliberais. Neste aspecto, se algo significou o cumio de Panamá foi o fin daquela autoridade que EUA exercía de forma incontestable sobre a maioría dos gobernos da rexión.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais