Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
2 de Abril de 2019 Sáez Ponte

Deixémonos levar polo vento do sur

A Gallaecia no S.XXI?

Ao meu modo de ver, o feito máis importante da Historia da Galiza, no século XX, ocorreu o 1 de xaneiro do 1986, cando Portugal e España entraron na Unión Europea. Para todos os ibéricos foi un día máxico que nos convertía en membros dunha asociación de Estados que abranguía a moitos povos europeos. O acceso á Europa común era algo máis que unha oportunidade para mellorar o nivel de vida, representaba unha consolidación das institucións democráticas e afastábanos de tempos escuros aínda recentes. Pero, de toda a Península, Galiza foi a principal beneficiaria do que se materializou naquela data, a pesares de que a negociación do tratado para acceder ao mercado único non defendeu ben os nosos intereses comerciais.

Compartíamos cos portugueses e cos restantes españois a alegría de sentirnos máis europeos, pero, ademais, mellorábamos radicalmente o noso lugar en Iberia e no mundo. Desaparecía a única fronteira económica terrestre, volvíamos ter sur, volvíamos ser norte. Abríase a posibilidade de esquecer un pasado demasiado agrícola e atrasado e traballar para vivir  nunha sociedade industrial e avanzada. Nas tres décadas transcorridas, isto vaise materializando devagar, pero xa se nota o vento do sur que nos leva cara o norte. No 2016 Galiza superou, en renda per cápita, a todas as comunidades do sur de España, agás Madrid, e a unha do norte (Asturias).

O noso desenvolvemento económico estase apoiando na exportación de mercadorías, o que amosa unha boa capacidade de competir a nivel internacional. Pero fica moito por facer, temos que crecer máis para deter a saída do país de xente moi formada e recuperar talento que está fora. Para obter todas as vantaxes que a nova situación promove, hai  que teimar en derrubar barreiras antigas e erguer novas velas para aproveitar o vento. Os obstáculos a ir desgastando son, sobre todo, mentais. Por desgraza, leva máis tempo e esforzo cambiar vellos prexuízos que facer grandes obras públicas.

Debemos convencer a Madrid e a Lisboa de que as cousas cambian, de que, por primeira vez en moitos séculos, a luminosa fachada atlántica da península volve a operar como un espazo integrado. Madrid, capital interior, tende a mirar para o Mediterráneo porque prefire non lembrar que está lonxe do Atlántico a causa dunha fronteira que representa o seu maior fracaso. Agora debe facer un esforzo para asumir que a mellor relación de España con Portugal é a través da Galiza. Debe superar a súa tendencia de achegarse ao país veciño por un interior de mesetas e devesas, case desertizado. Un erro estratéxico, agás para aqueles que só pensan nos intereses da capital, por riba dos do conxunto. Pola súa banda, Lisboa ten un medo inconfesábel de que unha maior integración do eixo atlántico a sitúe demasiado ao sur e potencie a posición de Porto, dentro da silente rivalidade entre ambas.

As resistencias das capitais dos vellos estados nación ibéricos deben superarse con argumentos racionais e o apoio da UE. Porque se trata diluír unha fronteira europea, que, anque antiga, ten moito de artificial, tanto na raia seca, como no Miño ou na conca do Támega.  Non fica demasiado esforzo por facer. Foron fondos europeos os que permitiron comunicarnos ben por estrada, superando tempos nos que as viaxes a Portugal eran un pesadelo.

Pero fáltanos un ferrocarril moderno, a ponte entre Tui e Valença é de 1884. A resistencia para construílo está máis en Lisboa, que é a que ten que liderar o proxecto, porque as cidades atlánticas galegas están xa ben conectadas por tren. Necesitamos contar, durante a vindeira década, cun camiño de ferro electrificado e de dobre vía entre Vigo e Porto, que permita velocidades de entre 150 e 200 km/hora, potencie o movemento de persoas e mercadorías, promova a complementariedade de portos e cidades e puxe do desenvolvemento do conxunto. Un investimento importante, pero lonxe da tolemia dos 4.000 millóns de euros que o “radial” goberno de Madrid esta metendo para poder ir de Ourense a Zamora.

Este é un obxectivo irrenunciábel, porque ademais permitiría a conexión da rede galega de transporte por ferrocarril co importante corredor atlántico europeo, que a UE decidiu que se conectara co lado sur do eixo atlántico a través do Porto, esquecendo a área noroeste da península, que o goberno español tende a ignorar. Galiza deber seguir pelexando, con Asturias e Castela León, para que se cree unha conexión directa, máis ao norte, co devandito corredor. Pero, sabendo o difícil que é conseguir este tipo de investimentos, a situación fai aínda máis necesaria a modernización do camiño de ferro entre Vigo e Porto, construído no século XIX, para que se converta nun sistema de comunicación propio do XXI e permita integrarnos na rede continental aínda que sexa dun xeito ilóxico (moverse cara o sur para enviar cousas ao norte). Neste século, o vello ferrocarril seguirá a ser fundamental para a eficacia da loxística a longas distancias, complementando o transporte marítimo. É un tema moi serio, necesitamos que o noso sistema de transporte por este medio non se converta nun atranco grave para o país. Hoxe, as posibilidades de desenvolvemento están moi condicionadas pola dispoñibilidade de plataformas loxísticas eficaces.

Agora é o momento de premer para desgastar resistencias porque, despois de quince anos de crise económica, Portugal crece outra vez. Para nós é un cliente fundamental porque está perto, e porque é a escola onde aprenden a exportar a maioría das nosas empresas. A pesares da longa queda económica dun cliente tan importante, Galiza conseguiu crecer por riba da media de España estes últimos anos. Como consecuencia, xa non estamos tan atrasados e podemos chegar a perder axudas europeas. Vamos necesitar de todas as nosas forzas para enfrontar a nova situación. O vento do sur está collendo máis forza, necesitámolo para continuar achegándonos ao norte desenvolvido.

Pero volvamos ás fronteiras mentais. Deberíamos facer un esforzo para ir suprimindo a máis importante: a de non saber aproveitar a proximidade do idioma galego co portugués. Iso depende só de nós. Cóstame traballo entender como un activo tan importante como a nosa lingua non é ben aproveitado. Seguimos permitindo que a maioría a vexa como un problema, cando é unha oportunidade.

Para superar atrancos, en gran medida artificiais, temos que esquecer liortas fosilizadas no asunto da ortografía. Non debemos perder enerxías así. O país necesita unha dose xenerosa de pragmatismo, como o que houbo cando o Parlamento aprobou por unanimidade a Lei Valentín Paz Andrade, vai agora para catro anos. Que se fixo desde aquela? Moi pouco. Podemos converter o ensino do portugués, desde o galego, nun arma potente para crecer máis e acadar ese norte desenvolvido que merecemos. No mundo hai máis falantes de portugués que de francés, alemán ou ruso. Costaría moi pouco que os nenos galegos o aprenderan ben. Non deberían existir intereses corporativos nin obstáculos legais que non podan ser superados, se somos conscientes da oportunidade que estamos a estragar. Por falta de visión dos que levan o bote, aos que parece gustarlles remar contra vento, sen necesidade.

Galiza ten nome de muller e, como lles pasa a moitas mulleres, aínda está alienada. Vese a se mesma cos ollos dos que a dominan. Non vai conseguir desenvolverse e ser unha sociedade avanzada se non aproveita o seu principal activo común: unha cultura máis que milenaria. O vento que ven do sur tamén ten que inzar as velas da nosa lingua para que recupere prestixio e volva presidir a comunicación entre os galegos.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais