Distribuir

Distribuir contido
IGADI 6 de Xullo de 2015 Ríos

De rutas e camiños no século XXI

Camiño de Santiago e Ruta da Seda

A decisión da UNESCO de recoñecer catro novas rutas do Camiño de Santiago (primitivo, costeiro, vasco-rioxano e o de Liébana) achega un novo impulso a unha ruta que recibiu o seu primeiro recoñecemento en 1993 por parte da devandita organización internacional.

O Camiño de Santiago é un dos referentes simbólicos da condición europea de Galicia pero tamén un sinal de identidade da propia Europa. Unha ruta espiritual e cultural que afonda as súas raíces na dimensión orixinaria dunha Europa integrable arredor dos valores humanistas.

Nun século XXI marcado pola intensificación das migracións de diverso signo e o auxe de vellos roteiros, cómpre articular as converxencias e complementariedades precisas para dotarse dun sólido magma que fundamente os intercambios de signo mais pragmático.

Constatamos, por exemplo, que a China alenta o rexurdimento da Ruta da Seda (con un tramo recoñecido tamén pola UNESCO en 2014)  que dende o século I a.n.e. estendeuse por todo o continente asiático, conectando a China con Mongolia, o subcontinente indio, Persia, Arabia, Siria, Turquía, Europa e África. O actual liderado chinés concede grande importancia, non só simbólica, a este proxecto ao que se propón destinar inxentes capacidades para asegurar a súa revitalización.

Cando Xi Jinping visitou o Colexio de Europa na primavera de 2014 insistiu na importancia de combinar os achegamentos de diverso tipo entre China e o Vello Continente, sólidos xa no económico e comercial, co diálogo cultural entre as dúas antigas civilizacións, sinalando ese recurso como a pedra angular do respecto das diferenzas.

O diálogo entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda é parte integrante e substancial do diálogo Europa-China e un recuso potencial de gran valor para o fomento dos intercambios a outros niveis e para sumar converxencias de crecente influencia global. Galicia debería poñelo en valor.

Sen descartar a importancia dun irmandamento entre ambas as dúas rutas como mecanismo tamén para fomentar o turismo e o investimento chinés, representa unha gran oportunidade para significar unha axenda que afonde nun diálogo civilizatorio capaz de ofrecer claves para impulsar unha cooperación actualizada e mutuamente beneficiosa.

Cabe lembrar que a alma do diálogo sino-europeo debera radicar no encontro cultural, nos ideais e nas persoas que a partir deles fomentan a comprensión mutua e o entendemento entre as respectivas sociedades.

Galicia, e Santiago mais en concreto (xa irmandado con Qufu, a patria de Confucio), ten aquí un reclamo de alcance maior que nos vincula cun dos proxectos de maior transcendencia do presente século. Sería imperdoable non aproveitalo.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais